Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo presenta a primeira orquestra folk de Galicia

SON DE SEU

O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo presenta a primeira orquestra folk de Galicia

FOLK | xuño 3, 2004

imaxe non dispoñible

Cando se xunta a parte académica coa musical xorden cousas como "Son de seu". É a primeira orquestra folk de Galicia que recupera músicas tradicionais, actualizadas e arranxadas que contan cun timbre peculiar. Profesores e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional traballan xuntos neste proxecto. Pasen e escoiten.

"Igual que o conservatorio de música tradicional foi o primeiro que se creou do seu tipo no ano 1996, esta é a primeira orquestra folk, da que nós teñamos constancia" asegura Rodrigo Romaní, profesor no Conservatorio de musica Tradicional da Escola de Artes de Vigo e coordinador xunto con Anxo Pintos desta iniciativa.

Unha descuberta
Sondeseu nace como resposta a unha actividade didáctica do conservatorio de música tradicional. Rodrigo Romaní explica que "nun momento determinado vimos que, para cubrir esa actividade curricular se necesitaba facer un repertorio, xa que cumpría adaptar temas tradicionais. E a partir de aí encontramos unha combinación e un timbre novo e moi atractivo". Así, a dirección do centro decidiu que esa proposta musical era o suficientemente interesante como para que quedase no marco das aulas, e optou por convertela nunha orquestra. "A denominación de Orquestra, asegura Romaní, foi a menos mala pero tampouco é que nos convencera".

Un traballo en equipo
"Son de seu" é o resultado de dúas variábeis: por unha banda é unha experiencia académica e pola outra é un proxecto que implica a todas as partes. Como iniciativa que se integra no marco dun curso académico, os seus músicos teñen unha permanencia limitada no tempo. "Certo é, explica Romaní, que todos os seus membros queren permanecer aquí, pero é lóxico que sendo unha orquestra dependente se vaia renovando a medida que os alumnos abandonen o centro".

A formación desenvolve un traballo en equipo perfectamente coordinado. "Hai unha certa combinación, predomina o criterio de profesores, cada quen arranxa unha obra e, como teñen puntos de vista diferentes o resultado é enriquecedor. Pero os alumnos tamén aportan o seu punto de vista. Por exemplo, neste primeiro traballo, unha un tema que foi composto e arranxado por unha alumna, Ana Belén L. Villar. Deste xeito, di Romaní, "pretendemos que non sexa só unha manifestación dunha actividade produtiva dos profesores, senón que os alumnos poidan achegar a as súas iniciativas".

Unha agrupación distinta
A orquestra diferénciase doutras agrupacións folk e tradicionais por dúas cousas. En primeiro lugar porque o seu son é diferente. "Son 6 zanfonas, 6 arpas, 4 violíns... e toda esa combinación sonora produce un timbre moi pouco común", explica Romaní. E non só iso, senón que a maior parte dos instrumentos están fabricados na Escola de Artes e Oficios polos propios alumnos nos obradoiros de luthería antiga.

Principios de futuro
O resultado dos tres anos de traballo entre profesores e alumnos deu lugar a "Mar de Vigo", o primeiro CD que grava a compañía e que edita Boa dentro da súa "Colección do Fol".

Con este traballo "Son de seu" responde unha filosofía ou forma de pensar. "A música no mercado actual, explica Romaní, nos está levando a ser ou estrelas ou consumidores, ou traducido nunha filosofía americana, como perdedores ou gañadores e nós pretendemos recordar que a música é algo máis, que pode formar parte da túa vida, non desde o punto de vista do consumo, senón da vida cotiá. É o que se chama modernamente como músicas locais, que é un concepto que se acepta en etnomusicoloxía moderna que designa a participación da xente na produción da música a nivel cotiá e que é moi importante neste momento".

De momento, "Son de seu" está de xira para presentar este primeiro traballo. Farano o día 12 en Santiago, e o vindeiro 25 de xuño en Vigo, no teatro Caixanova, alén de varias citas previstas para este verán. A presenza de Budiño e Uxía como artistas convidados, a coreografía de "O Fiadeiro" e os 35 músicos desta formación que non emprega director no momento nos concertos, fan deles un todo un espectáculo.

AUDIO
Audio: Liñares
Liñares en "Mar de Vigo"/ Son de seu. Madrid, Boa, 2004
AUDIO
Audio: Noite
Noite en "Mar de Vigo"/Son de seu. Madrid, Boa, 2004.
AUDIO
Audio: A pequerrecha
"A pequerrecha" en "Mar de Vigo"/Son de seu. Madrid, Boa, 2004.