Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O IGAEM multiplicou as funcións nos últimos anos

Xénero: Miscelánea | 30 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A traballo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais medrou nos últimos anos. Segundo revelan dos datos do Anuario de Estatísticas Culturais do Observatorio da Cultura, o número de funcións programadas por este organismo no noso país medrou de xeito continuado entre 2005 e 2007, tanto en danza (de 29 a 73 funcións) coma en teatro (466 a 703) ou en maxia (19 a 72). No entanto é na música onde se detecta un maior incremento, tanto no número de actuacións como no orzamento, que pasaron respectivamente de 38 a 791 concertos e de 115.254 euros a 440.836. Estes incrementos nas artes escénicas en xeral están vencellados, segundo o Observatorio, aos circuítos dedicados as artes escénicas que puxo en marcha o anterior goberno da Xunta de galicia.

¿Malos tempos para a lírica?

Xénero: Coral | 27 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.

A Real Academia de Belas Artes homenaxea a Milladoiro

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A coincidir cos trinta anos do nacemento de Milladoiro, a Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario, da Coruña fará este sábado un acto de homenaxe a este grupo. A institución quere destacar así o traballo a prol da recuperación e da reinterpretación da música tradicional que desenvolveu a formación ao longo das últimas tres décadas. O acto desenvolverase na sede da Academia na Praza do Pintor Sotomayor o vindeiro sábado 25 de abril a partir das sete e media da tarde.

Ghaita de pedra presenta Nekiño, o seu primeiro álbum

Xénero: Folk | 22 / 4 / 2009

not_14550.jpg

Nekiño é o título do primeiro álbum do grupo folk lucense Ghaita de pedra. O disco autoeditado preséntase ao público cun concerto gratuíto o vindeiro vinte e cinco de abril. Será a partir das oito e media da tarde no auditorio Gustavo Freire de Lugo, e contará coa presenza de convidados coma Anxo Pintos, Begoña Riobó, Julio Abal ou Iván Costa. O grupo, fundado en 2001, está formado por José Varela, Lourdes Armesto, Pablo Condo, Luis Rodil e Xavi Fernández, e nas súas cancións reinterpretan temas tradicionais con influencias das músicas irlandesa e do leste de Europa.

A Coral de Ruada celebra noventa anos cun feixe de iniciativas

Xénero: Coral | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

O 24 de xuño de 1919 nacía en Ourense a histórica Coral de Ruada. A formación celebra agora os seus noventa anos cun bo feixe de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano da man da discográfica Ouvirmos. Por unha banda, o selo reeditará o libro que recolle a viaxe que o coro fixo por Andalucía en 1927 e recuperará as primeiras gravacións da formación nun disco conmemorativo. En setembro, o edificio Simeón de Ourense acollerá unha mostra na que se poderá contemplar o traballo gráfico de diferentes creadores arredor de Ruada, así coma un documental sobre a traxectoria do grupo e diferentes contidos didácticos. Visitas guiadas e mais a celebración do III Certame Internacional de Coros De Ruada no mes de xuño completan o programa previsto.

Especializarse para sobrevivir

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Eran os lugares por excelencia para adquirir música, pero en cousa dunha década, practicamente a metade das tendas de música de Galicia desapareceron. Entre as que resisten, atopamos unha boa cantidade de establecementos veteráns, que en moitos casos atopan na especialización o xeito de se manter con vida. Analizamos canda a eles a situación e as perspectivas dun sector que pode ser exemplo para outro tipo de comercios culturais.

Versos con ondas

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A poesía toma o aire. Nas últimas semanas saíron á rúa tres obras de moi distinto carácter nas que se integra a lírica coa música. O último poemario dun autor consagrado coma Manolo Rivas comparte espazo nos andeis co debut neste campo da betanceira Gabriela Rodríguez. Canda a eles, Ouvirmos inclúe, na Fotobiografía Sonora de Avilés de Taramancos as versións musicadas que de poemas deste autor fixo Rodrigo Romaní. Tres aproximacións diferentes ao fenómeno dos versos con ondas.

A ciber-verbena de GalegoZ reafírmase no terceiro disco da banda

Xénero: Fusión | 16 / 4 / 2009 + AUDIO

not_14515.jpg

GalegoZ comezaron a facerse notar no 2006 co seu primeiro disco Galician Chimpanzee editado por Ouvirmos. Despois viñeron Revolution Dance, tamén editado con Ouvirmos en 2007 e finalmente presentan a súa consolidación definitiva como proxecto musical con este Viñeron da Galiza interior que con produción propian editan a través do selo A Regueifa Plataforma. Fieis ás súas consignas musicais e reivindicativas GalegoZ afondan no seu Aranhoto Style nestes cinco novos temas nos que as bases electrónicas e sampleados fusiónanse con elementos do funk, reggae e a máis ecléctica das seleccións musicais combinada con letras combativas buscando mover mente e corpo ao mesmo tempo nunha ciber-verbena. A banda Galegoz está formada por: Marcos Payno (voz ), Denís Mutante (voz), Pulpiño Viascón (batería, percusións e voz), Manuel Payno (trompeta e coros), Alex Salgueiro (frauta traveseira e teclado), Tomás Ruído (Técnico de son ) e Matías Olazábal (guitarra), ademais das colaboracións de membros do Colectivo Perverso.

Pepe Vaamonde Grupo busca as súas raíces autoeditando o seu terceiro disco

Xénero: Folk | 15 / 4 / 2009 + VIDEO

not_14502.jpg

Durante os últimos días do presente mes de abril, o que será o terceiro traballo discográfico de Pepe Vaamonde Grupo Introterra estará dispoñible nas principais tendas de discos de Galicia. O disco gravouse entre os Estudios PKO de Madrid, Estudios Bruar da Coruña e Metrópolis de Vigo. Introterra está autoeditado pola banda e distribuído por Lonxa Cultural, nel reúnese, de xeito condensado, a esencia da banda. Pepe Vaamonde Grupo inicia estes días unha pequena xira promocional por terras galegas que os levará a actuar, nas próximas semanas, nas cidades de A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela e Lugo, comezando o vindeiro venres 17 de abril, no Forum Metropolitano de A Coruña (Rúa Río Monelos s/n). En Introterra ofrece 11 temas cos que resumir, de xeito conciso, o que é a traxectoria e o estilo da propia formación nestes últimos 8 anos e ollando, de xeito claro, cara ás raíces da mesma.

Un cedé e un deuvedé recollen as melodías cantadas no ciclo anual da tradición galega

Xénero: Folk | 3 / 4 / 2009 + AUDIO

not_14441.jpg

Antes de que houbera formas tecnolóxicas de medir o tempo como son os reloxos, a xente guiábase polo sol e pola lúa. Era unha forma de adaptar a vida ás diferentes épocas do ano (a pascua, o maio, o magosto...) que sempre estiveron acompañadas de melodías. A Asociación de Gaiteiros Galegos decidiu facer un traballo que reunise música para doce meses (ou trece lúas) que lembrasen o ciclo anual da tradición galega. O resultado é 13 lúas, un cedé e un deuvedé, que recollen tanto as cancións así como un documental didáctico sobre o calendario lunar.

<< Inicio / Anterior . 1051 a 1060 de 1395 . Seguinte \ Fin >>