Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O disco de Luar na Lubre ao vivo xa está nas tendas

Xénero: Folk | 1 / 4 / 2009

not_14418.jpg

Logo da presentación oficial de onte, o novo disco de Luar na Lubre, Ao vivo, está xa dispoñible. Baixo este título, o grupo presenta un dobre CD e mais un DVD documental nos que se recollen as súas actuacións no Teatro Colón da Coruña os días 22 e 23 de xaneiro. Canda a temas habituais do grupo, inclúense colaboracións con artistas coma Luz Casal, Diana Navarro ou Pedro Guerra. Luar na Lubre comeza agora a xira de presentación do álbum, con citas en Madrid, Donostia ou Ageda xa confirmadas.

Pasos de Metal

Xénero: Rock | 30 / 3 / 2009 + DOCUMENTO

not_14391.jpg

A escena do heavy metal e do rock duro en Galicia posúe desde hai anos unha grande vitalidade e variedade. A comezos de 2007 o Gallaecian Metal Compilation facía en 27 temas unha panorámica destes estilos. Agora, chega unha nova entrega desta escolma, acompañada da primeira publicación en galego dedicada a este estilo. Dúas propostas que queren revolucionar a situación destes estilos no país.

Som do Galpóm: “No disco hai certas rarezas musicais nas que convén pararse un pouco e escoitalas ben”

Xénero: Fusión | 17 / 3 / 2009 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_14299.jpg

Em Terra de Ninguém é o título do primeiro disco de Som do Galpóm. A banda gañadora do certame Nsaio no Camiño presenta esta mesma mañá a súa aposta de fusión na que reúnen funkie, reagge e rap nuns temas combativos e que convidan á festa. Este mesmo mes comeza a xira de presentación do álbum que conta xa con vinte concertos confirmados. O vocalista do conxunto, Gael de Esteban, explícanos que podemos atopar neste álbum. No interior da noticia podes escoitar un avance do álbum.

Unhas xornadas analizan as tendencias e novidades da zanfona

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2009

imaxe non dispoñible

Os cegos, os grandes cronistas das feiras, estaban sempre acompañados dunha zanfona. Un instrumento que pervive e sobre o que se fala nunhas xornadas que comezan hoxe en Narón. O Encontro coa Zanfona Contemporánea está organizado pola Central Folque e o Centro Galego de Música Popular, en colaboración co Padroado de Cultura do Concello de Narón. Concertos didácticos para escolares, obradoiros intensivos e relatorios para músicos fan parte deste programa que se desenvolve ata domingo.

Música de deseño

Xénero: Miscelánea | 4 / 3 / 2009

imaxe non dispoñible

Estamos afeitos a ver nas listas de éxitos internacionais grupos creados ad hoc polas discográficas para atender a segmentos concretos de mercado. Ata o de agora, este fenómeno era descoñecido en Galicia. Pero xa está en marcha Azou, un proxecto que integra espectáculos de música e baile en directo, unha serie de animación, mercadotecnia e, por suposto, música, coa intención de chegar ao público adolescente do noso país.

Uxía gaña o premio á mellor canción en galego na XIII edición dos Premios da Música

Xénero: Melódica | 26 / 2 / 2009

not_11768.jpg

Nin Deluxe nin Iván Ferreiro. Ambos os dous competían na categoría de mellor álbum de pop alternativo da XIII edición dos Premios da Música. Sen embargo, o gañador foi Vestusta Morla por Un día en el mundo, un dos grandes vencedores nesta ocasión ao conseguir os tres premios nos que era candidato. Canda ao sexteto madrileño, Amaral e Nena Daconte foron os conxuntos que máis galardóns conseguiron. No apartado de mellor canción en galego, a vencedora foi Uxía con Rumores de falúas. Os premios entregaranse o vindeiro 12 de marzo no pazo de congresos Manuel Rojas de Badaxoz.

O instrumentista Pancho Álvarez presenta Sólidos Galicianos

Xénero: Folk | 25 / 2 / 2009

not_14159.jpg

O terceiro disco do multiinstrumentista porriñés Pancho Álvarez está xa dispoñible para mercar en formato dixital, previamente á distribución do CD a través da tenda en liña de PAI Música. Sólidos Galicianos é o primeiro disco que Álvarez edita con PAI Música e nel ofrece trece pezas coas que o artistas se mergulla nos ritmos galegos para atopar diferentes sonoridades. O artista, especialista en instrumentos de corda, deuse a coñecer como violinista do grupo “Na Lúa” a comezos dos 80 formando parte despois do grupo Matto Cóngrio e da formación de acompañamento e gravación de Carlos Núñez. O seu anterior disco en solitario foi Nas Cordas, publicado en 2001 con BOA. O título deste novo traballo fai referencia a unha moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia.

Santiago Auserón elixe aos dez finalistas de ACoruña Son 09

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2009

not_14102.jpg

O certame ACoruña Son na súa segunda edición xa ten os dez finalistas para participar no obradoiro que impartirá Santiago Auserón e que finalizará coa gravación dun disco colectivo. O certame organizado polo concello coruñés ten como obxectivo fomentar, descubrir e promover novos autores e autoras de canción popular en galego. Máis de sesenta cancións presentáronse na convocatoria e, malia existir unha selección inicial a través dos votos dos internautas, as bases contemplaban que a decisión final correspondería a Santiago Auseron como director do obradoiro. Os dez proxectos musicais elixidos polo músico non foron coincidentes coas votacións na web o que levou ao músico a escribir unha carta argumentando a súa decisión, misiva na que tamén asegura que se está a construír “paso a paso un Cancioneiro que ten retranca, calidade e sabor.” “Este ano emerxe e predomina un sarcasmo novaondeiro fachendoso, mantense o abano de xéneros e as innovacións apuntadas desde o ano pasado, sobe a cota de calidade interpretativa e de composición“, asegura Auserón. Entre os nomes dos finalistas está os de Pulpiño Viascóm, Capitan Furilo ou Marisol Manfurada entre outros.

O disco Diacronías de Lizgairo gaña o VIII Premio Opinión de folk

Xénero: Folk | 30 / 1 / 2009 + AUDIO

not_12299.jpg

O xornal La Opinión ven de facer público o palmarés final da oitava edición dos premios de música folk que patrocina. O álbum Diacronías (Falcatruada, 2008) do trío Lizgairo formado por Anxo Pintos, Rodrigo Romaní e Xosé Liz acadou este ano o máximo recoñecemento en base á puntuación outorgada polos sete críticos musicais que formaban o xurado. O disco é o primeiro desta formación malia que os seus tres compoñentes son músicos de longa e consolidada traxectoria na escena folk a través de grupos como Milladoiro, Berrogüetto, Entre Trastes ou Sonde Seu, algúns deles anteriores gañadores deste premio. A só un voto deles quedou o disco Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008) de Uxía e algo por atrás quedou A quinta das lágrimas (PAI, 2008) de Milladoiro.

A actualidade do pop e o rock consegue un espazo na TVG co novo programa BANDA CURTA

Xénero: Miscelánea | 26 / 1 / 2009 + VIDEO + IMAXES

not_13914.jpg

A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “BANDA CURTA”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , dirixido por Alfonso pato e presentado por Luis Pardo, gravarase na sala Lp 45 de Ordes. “BANDA CURTA” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Para o primeiro programa estarán actuando os vigueses The Blows e os granadinos Lori Meyers. Ademais de música en directo, en “BANDA CURTA” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.

No primeiro programa tamén haberá unha sección dedicada a saber que foi dos grupos que emerxeron coa chamada “Xeración Xabarín”, como o caso dos Heredeiros da Crus, ou unha sección chamada Adn, no que personaxes populares como Luis Piedrahita darán a coñecer os seus gustos musicais. Unha reportaxe amosará as peculiaridades de Don Ramiro, unha aldea de Lalín na que hai ata catro grupos punkies, ou o grupo Agoraphobia, xurdido no local de ensaio de Boiro, formado por catro rapazas moi novas. Polo plató do programa tamén pasará nesta ocasión Janite, fotógrafo especializado en retratar ás estrelas do rock. Este sábado ás 4 da tarde comeza na Televisión de Galicia.

<< Inicio / Anterior . 1061 a 1070 de 1395 . Seguinte \ Fin >>