Música de deseño
marzo 4, 2009
Estamos afeitos a ver nas listas de éxitos internacionais grupos creados ad hoc polas discográficas para atender a segmentos concretos de mercado. Ata o de agora, este fenómeno era descoñecido en Galicia. Pero xa está en marcha Azou, un proxecto que integra espectáculos de música e baile en directo, unha serie de animación, mercadotecnia e, por suposto, música, coa intención de chegar ao público adolescente do noso país.
Azou é a palabra con que na Mariña se designa á xente con inquedanzas e que non para queda. Agora, ademais, é o nome dun grupo musical. Os seus membros son catro rapaces con personalidades ben diferentes entre si. Por unha banda temos unha rapariga emo que se dedica a facer betatesting de videoxogos. Canda a ela, atopamos un mozo de estética alternativa que fai parte dunha ONG. Unha lolita “que aínda cre que o mundo é cor de rosa”, e mais unha filla de inmigrantes chineses centrada no hiphop completan a formación. A curiosa heteroxeneidade do grupo explícase polo feito de que Azou é un grupo creado desde unha empresa galega ou , máis concretamente, de tres.
Unión multimedia
“A idea inicial era formar un espectáculo centrado nos máis mozos. A xeración que vai despois da do Xabarín non ten hoxe nada semellante ao que foi aquilo. Entón pensamos en facer un espectáculo en vivo para xente de entre 12 e 16 anos, e fómoslle dando forma”, explica Adrián Pino, da produtora Control Z. Logo de varios castings na Coruña, Compostela e Vigo, xa están seleccionados os catro rapaces e rapazas e farán parte do proxecto e lle outorgarán o seu físico e á súa voz aos personaxes que forman o grupo. Canda a Control Z, do ámbito audiovisual, atopamos detrás do proxecto a discográfica Ouvirmos e mais a Deseños Agudos, novo proxecto do ex Rei Zentolo Xosé Miranda, agrupadas na forma dunha Unión Temporal de Empresas. “Había contactos previos por outros traballos, e como tiñamos ganas de facer cousas diferentes, aproveitamos que cada unha está enfocada nun ámbito”.
A serie
A partir da proposta inicial dun espectáculo en directo, o proxecto foise ampliando mediante as achegas de cada unha das firmas implicadas. “Dándolle forma pensamos en asocialo a uns personaxes de animación con catro personalidades e perfís culturais e sociais diferentes para cubrir un rango o máis amplo posible entre os mozos”, lembra Adrián. Deste xeito, xurdiu a proposta dunha serie de animación que terá como protagonistas os membros do grupo enfrontándose a tramas de actualidade. “A serie vai transcorrer nun futuro próximo, a dez ou quince anos vista. Non pretende ser algo máis esaxerado, senón un contexto crible do que pode ser o país para aquela”, explica Pino. “A maioría de idade está nos quince anos e é unha sociedade non estruturada en clases nin clans, máis profesionalizada. Ademais, para aquela Galicia aparece coma unha cidade única, resultado da unión das que xa existen agora”. Polo momento, está a se desenvolver o story board para creación do primeiro capítulo, que será tamén o videoclip de presentación do novo proxecto. “Os personaxes vanse adaptar un pouco ao físico real dos rapaces que os van facer. Agardamos que para dentro de dous meses ou dous meses e medio xa estea o videoclip feito e que para o verán poidamos facer as primeiras actuacións”. En canto a serie, é intención dos promotores que se poida ver antes de que acabe o ano, sexa por televisión sexa vía Internet.
A música
Como é evidente, o proxecto conta cun compoñente musical detrás. Marcos Payno, membro de proxectos coma Xenreira ou Galegoz, é o responsable das melodías deste proxecto. Segundo explica Pino, “ao teren os personaxes cadanseu estilo, queremos que a música os represente un pouco. Entón fusionarase hiphop, pop electrónico ou compoñentes mais melódicos, dándolle a cada un o seu protagonismo nos diferentes temas”. Outra anovadora proposta de Azou é unha decidida aposta pola mercadotecnia. Música para descargar, politons ou fondos de escritorio para teléfono móbil son algunhas das propostas que inclúe o proxecto. “Non queremos quedar só no CD. A día de hoxe é máis sinxelo para os máis novos descargar a música do que ir mercala”, lembra Pino. En aproximadamente catro meses presentarase a primeira selección de temas dos que comporán o repertorio do grupo.
Referentes propios
“Demostraremos que a mocidade non só se mobiliza para ver ás mega stars das TV´s estatais?” pregúntanse os promotores de Azou na presentación do proxecto. Desde logo, cuestión é importante. “Cremos que existe demanda dun grupo deste estilo. Os mozos buscan referentes en Estados Unidos e queremos que non teñan que saír de Galicia para os atopar”, explica Pino, no entanto recoñece que “a verdade é que se trata dunha iniciativa ambiciosa e que supón un investimento importante. Esta ano é un pouco de proba a ver como funciona. O lanzamento grande será para o vindeiro ano”.