Pasos de Metal
marzo 30, 2009
A escena do heavy metal e do rock duro en Galicia posúe desde hai anos unha grande vitalidade e variedade. A comezos de 2007 o Gallaecian Metal Compilation facía en 27 temas unha panorámica destes estilos. Agora, chega unha nova entrega desta escolma, acompañada da primeira publicación en galego dedicada a este estilo. Dúas propostas que queren revolucionar a situación destes estilos no país.
A coordinación entre diferentes grupos mediante un foro foi a que permitiu que aquela primeira compilación chegase ás tendas. A intención era promocionarse e chegar máis xente, e a verdade é que o disco, primeira escolma do metal galego, conseguiu unha ampla repercusión pública, e deu mesmo na organización do Gallaecian Metal Fest. Este festival gratuito reuniu en Vigo, entre o 13 e o 14 de xullo de 2007, unha ampla selección de bandas destes estilos nunha iniciativa pioneira. No entanto, estas prometedoras apostas non conseguiron continuidade. O relevo colleuno a produtora Silent Tree que, en contacto cos grupos, comezou en setembro de 2008 a traballar de cara ao segundo volume, que ve agora a luz.
Novos grupos
Segundo explica Marta Barcia, responsable de Producións Fonográficas da produtora, “foi moitísimo traballo que soportaron as propias bandas, e non quixeron meterse noutro”. Nesta segunda compilación poden escoitarse traballos de dezaoito grupos en dous CDs. “Só repiten dous, e é que hai bandas de metal e de rock para parar un tren”, lembra Barcia. Logo duns anos nos que se falaba da explosión do Nu Metal no noso país, na actualidade semella que se impón a variedade dentro dos sons máis duros. “Hai todo tipo de estilos. Desde os máis tradicionais ata os máis heavies ou trash. No primeiro Gallaecian separábanse en dous Cds entre o metal máis clásico e o máis escuro, agora sae todo un pouco máis mesturado”. Bandas veterás coma Trashnos ou To Nowhere comparten espazo con outras coma Neira, Death Walking Terror, Morte ou Darvulia.
Revista
Canda ao álbum, Silent Tree lanza Gallaecian Metal Compilation Magazine unha revista que ve a luz que pretende vertebrar a escena do rock duro. Segundo recoñecen desde Silent Tree, “o panorama está bastante dividido. Hai moitísimo público, pero a xente da Coruña, por exemplo, non coñece os grupos de Lugo ou de Ourense. A intención é crear un vencello e que todos coñezan a realidade na que vive a música galega dentro do rock, chegando a públicos novos”, explica Barcia. A publicación, feita en galego, sae á luz cunha tiraxe inicial de mil exemplares que se distribuirán de balde en bares, locais de concertos e outros espazos. “Aínda o outro día nos chamou un profesor de Literatura Galega que quería exemplares para os seus alumnos, e pareceunos unha idea xenial”, lembran desde a produtora. “A intención é que o se vaia sostendo mediante publicidade. Queremos que os anuncios custen pouco para que tanto bandas como estudios ou bares teñan a oportunidade de se publicitar”. Encol da elección lingüística, Barcia recoñece que “o compromiso coa lingua depende moito de cada banda. Pero aínda que moitos non canten en galego, hai en xeral moito apego á terra, e iso vese ben nas letras, por exemplo”. A publicación, no entanto, irá totalmente en galego, fora de anuncios puntuais ou de entrevistas que se realicen en castelán a grupos foráneos.
Revolucionar o panorama
Con estes dous proxectos, o Metal galego agarda “conseguir máis proxección, dentro e fóra, e que isto axude tamén a que as bandas se impliquen máis na súa propia promoción”, lembra Barcia. “A idea é facer actuacións en directo para promocionar estes proxectos, se non é nun festival, a ver qué posibilidades atopamos”. Polo momento a proposta está a erguer expectación. “Hai moitísimo interese non só entre as bandas, senón tamén entre os afeccionados. Agardamos que haxa unha boa resposta para poder seguir sacando recompilatorios e que se coñezan máis estes grupos. Hai bandas con propostas moi boas e cómpren xeitos de difusión e de distribución”, conclúen desde Silent Tree. Polo momento, está xa aberta a convocatoria para publicar un terceiro Gallaecian Metal Compilation. Desde o pasado dezaseis de marzo os interesados teñen unha nova ocasión de se facer ouvir.