Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A crise aféctalle aos festivais
Xénero:
| 31 / 8 / 2009Hai menos cartos e menos público, e os carteis nótano. Os festivais e os grandes concertos non están en forma en Galicia este verán. El País e Xornal de Galicia dedicábanlle esta fin de semana cadansúa información a analizar a situación dun sector que atravesa unha grave crise. As críticas ao nivel do Noroeste Pop-Rock, a desaparición de citas coma o Artenativa de Valga ou a redución de escenarios en citas coma o Cultura Quente son algunhas das cuestións que se tratan nestes textos.
Metalicia pon na rede o seu segundo recompilatorio
Xénero:
| 25 / 8 / 2009Metalicia, a comunidade virtual galega dos amantes do Metal, acaba de subir á rede o segundo volume do seu recompilatorio. O disco, descargable totalmente de balde, achega traballos de 26 grupos rexistrados no web, dos cales só cinco repiten do primeiro volume, publicado en setembro de 2008. Os interesados en contar cunha copia física poden adquirir un Mini-CD con todos os temas de MP3 por só un euro nos diferentes locais especializados neste tipo de música.
Soutelo de Montes prepárase para a celebración da XXX Festa do Gaiteiro
Xénero:
| 13 / 8 / 2009É un referente no mundo da música folk no noso país: por levar trinta anos ininterrompidos, porque chegou a xuntar a 800 músicos e porque homenaxear a Avelino Cachafeiro, un dos gaiteiros de referencia na música tradicional galega. Falamos da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, que o vindeiro día 22 de agosto celebrará unha nova edición. Este ano entregará a “Medada do gaiteiro” ao músico local José Gulías, “Caladiño”, que foi alumno do mítico Avelino Cachafeiro. Entre as actividades tamén destaca o XI Congreso de Gaiteiros que aínda ten aberto o prazo de inscrición.
Zënzar desembarca no festival de Vila de Cruces con A Tribu
Xénero:
| 7 / 8 / 2009Os de Cerceda levan vinte anos dándolle enerxía ao panorama musical galego e agora están a presentar por todo o país o seu máis recente traballo A Tribu despois de adiantalo en numerosos medios de comunicación e nun concerto o pasado 2 de maio. O disco, autoeditado pola banda, é un traballo sobre todo roqueiro pero coma sempre con arroutadas punkies, heavies e tradicionais. Gravado e co-producido por Javier Abreu e Zënzar nos estudios Océano de Nigrán. Contan coa colaboración de Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Xurxo Souto (3 Trebóns), GendeBeat, María X.Silvar (Chámalle Xis), os percusionistas Manolo Suárez e David Bolaño así como o gaiteiro José M. Ares. Hoxe mesmo levan estes catorce temas ao festival de rock de Vila de Cruces onde compartirán escenario cos grupos NAO, esquíos e Pipas Group. Este é o quinto disco do grupo, malia ter un anterior baixo o seu nome orixinal como Mördor.
A Real Banda de Gaitas de Ourense viaxará por China difundindo a súa música
Xénero:
| 6 / 8 / 2009Caixanova e a Real Banda Escola Provincial de Gaitas de Ourense veñen de subscribir un convenio de colaboración que permitirá á agrupación ourensá difundir o coñecemento da gaita, como instrumento destacado do folclore galego, nunha serie de concertos que ten previsto realizar por diversas cidades de China. Na sinatura do convenio estiveron presentes o director da banda, Xosé Lois Foxo, e Amadeo Rodríguez Piñeiro, director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense.
Música, arte e deporte únense na novena edición do Marisquiño
Xénero:
| 6 / 8 / 2009¿Que ten que ver o marisco coa cultura urbana? Posiblemente nada, pero Vigo acolle desde hai nove anos baixo o nome de O marisquiño a un festival que une música (este ano está a Mala Rodríguez), arte (o grafiteiro vigués Nano 4814 axitará os seus esprais nun mural de 25 metros) e diferentes deportes urbanos: skate, breakdance, descensos en bicicleta de montaña pola cidade... O encontro terá lugar esta fin de semana (8 e 9 de agosto) en Vigo aínda que tamén se poderá seguir pola rede. Ademais, a organización ofrecerá información en tempo real para os visitantes vía Bluetooth, ademáis dos códigos BIDI (códigos bidimensionais para usuarios da rede 3G).
A canción Boogie Vigo de AÍD é o Tema da semana na sección latina de iTunes
Xénero:
| 31 / 7 / 2009iTunes, a tenda de música máis importante do mundo, escolleu “Boogie Vigo” como “Latino Single of the Week”, o que permitiu que o nome da rapeira de Vigo, con apenas 19 anos, destaque na portada da popular sección latina xunto a artistas consagrados como Nelly Furtado, Bebe, Shakira, Manu Chao, etc. A sección latina de iTunes, cunhas vendas que superan as 4.000 cancións por minuto, ten unha ampla repercusión internacional e permite que millóns de persoas poidan achegarse á súa música. Malia que esta sección non está dispoñible en España, si o está nos países que máis usuarios aportan a iTunes: EEUU, U.K., Australia, Canadá, Francia, Xapón, Holanda e Suíza. iTunes destaca nunha páxina especial dedicada a esta promoción o feito de que AíD emprega nas letras do disco Jugando tanto o castelán como o galego, e que estamos ante unha proposta auténtica, lonxe dos artificios das elaboradas propostas de marketing que dominan a escena musical. Jugando (autoedita-licor kafé, 09) está distribuído en todo o mundo por Lonxa Cultural.
Sae á venda Contratempos de Xoán Rodríguez Proxet
Xénero: VIDEO
| 30 / 7 / 2009 +O proxecto do percusionista Xoán Rodríguez (Raxó, 1971) ven de desembocar no disco Contratempos no que ao seu trío de percusión composto por el mesmo, o tablista hindú Vikas Tripathi e o percusionista galego Noli Torres, engade a colaboración doutros tres músicos e as voces de Tatiana Depestre e Irene Pérez. O disco contén oito temas, catro deles autoría de Xoán Rodríguez, e un vídeo e foi gravado nos días 2 e 3 de abril no auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no que Rodríguez é titulado na especialidade de percusión completa. O artista edita este Cd baixo o seu propio selo Latin Jazz XRP Records. Os estilos que manexa o Xoán Rodríguez Proxet van desde o jazz e latin jazz a bossa nova pasando polo afro o swing ou o hip – hop tocados con instrumentos de parches.
Gravar de cara ao público
Xénero:
| 21 / 7 / 2009Facer da gravación dun disco algo que tamén se comparte co público. Esta é unha proposta que atopamos, baixo dúas fórmulas diferentes, en senllos grupos galegos esta verán. A rachar a fronteira do álbum como produto final, Sumrrá acaba de gravar na NASA o seu terceiro disco e The Homens retransmiten na rede as súas sesións de gravación. Falamos con eles sobre estas iniciativas.
Desaparece o programa Banda Curta da TVG
Xénero: VIDEO
| 17 / 7 / 2009 +Despois de oito meses en antena con 27 programas emitidos, “Banda Curta”, o programa de música en directo que se viña emitindo todos os sábados na TVG, non terá continuidade despois do verán. Así o fixo saber hoxe o director do programa, Alfonso Pato, por medio dun comunicado. Músicos como Iván Ferreiro, Coque Malla, Silvia Superstar, Dr. Explosion, Lamatumbá, Christina Ronsenvinge, The Homens, Josele Santiago, Def con Dos, David Fonseca, Ruxe-Ruxe, Ectoplasma, Sugar Mountain, Som do Galpom, Cornelius, Moon Cresta e ata 45 bandas pasaron en directo pola discoteca LP45 de Ordes onde se gravava o programa. Banda Curta era o único formato dedicado en exclusiva á música pop e rock da televisión pública galega.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca