Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A 25ª edición do festival de Ortigueira conseguiu chegar aos 100.000 asistentes
Xénero:
| 13 / 7 / 2009A crise non parece ter afectado ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira que este ano conseguiu incrementar o seu número de asistentes. Segundo as estimacións do Concello de Ortigueira foron 100.000 as persoas que este ano se achegaron á localidade nos catro días do festival. Esta cifra supón un incremento de 10.000 persoas respecto ao ano anterior nun evento que adoita ser, segundo os anuarios da SGAE, o que máis público convoca en todo o Estado. Segundo un estudio da Cámara de Comercio de Ferrol o festival xera cinco millóns de euros de ingresos á comarca. Neste contexto de éxito da convocatoria o gaiteiro Xosé Manuel Budiño realizou a gravación en directo da súa actuación no festival o sábado, un concerto que integrará un proxecto audiovisual en DVD.
Os músicos ao vivo reúnense para crear unha plataforma
Xénero:
| 3 / 7 / 2009Os artistas que se dedican á música en directo no noso país teñen unha cita o vindeiro domingo 5 de xullo ás 17:00 horas no Auditorio de Galicia. O encontro pretende crear unha "plataforma de intercambio de información e opinión" e desenvolver unha Asociación Galega de Músicos ao Vigo que outorgue unha voz común ao colectivo. A iniciativa pretende abranguer tanto afeccionados coma profesionais que teñan coma nexo común o tocar en directo.
Coanhadeira presenta o seu primeiro disco Haique
Xénero: AUDIO
| 3 / 7 / 2009 +Cunha festa- concerto no Café Grándola de Ourense celebrará o grupo Coanhadeira este sábado a saída do seu primeiro disco HAIQUE. A formación inicia tamén con esta actuación a xira de presentación deste traballo que xa ten 18 concertos fechados para este verán. O grupo está formado por Patrícia López, voz e pandeireta; Xerardo Quintela, acordeón; Xesus Pérez ”Chechu”, gaitas, whistle e zanfona; Marco Pérez, batería e percusións; Óscar Freire, gaitas e saxos e Fran X. Gómez, clarinete e guitarra. Xurde primeiro como grupo de “gaiteiros”, partindo dunha base eminentemente tradicional e baseándose na recollida da tradición musical popular. HAIQUE recolle o principal do repertorio do grupo dende a súa formación, con renovacións de arranxos nalgún caso, e conta coas colaboracións de Guadi Galego e Fonso “Skarnio”. O grupo está detrás de todos os procesos que levaron a sacar HAIQUE, dende a pre-produción, a idea orixinal ( plasmada por Heitor Real), até a mestura e seguramente a distribución. Asemade Coanhadeira xa está a preparar os temas do que será o seu segundo traballo, con data prevista de saída a comezos do 2010.
Juan Carlos Fernández Fasero é o novo director de AGADIC
Xénero:
| 2 / 7 / 2009O Consello da Xunta deste xoves oficializou o nomeamento do novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais. O músico Juan Carlos Fernández Fasero será o responsable de AGADIC substituíndo a Miguel Martín. Fasero é membro do grupo folk Mutenrohi, ademais de ter publicados varios discos en solitario. Ademais, é creador do selo discográfico Zouma Récords e responsable do estudio de gravación Desfase Sound. Fasero é tamén secretario de AGAPHONO (Asociacion Galega de Fonograficas) e vicepresidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) ademais de formar parte da corporación municipal de Arnoia polo Partido Popular.
Mugardos e Keresú publican un disco en galego e guaraní
Xénero:
| 1 / 7 / 2009Coa intención de establecer un diálogo musical entre dúas linguas minoritarias o galego Xavier Mugardos e a arxentina Natalia Carossi "Keresú", publican Cantos das dúas beiras, o primeiro disco gravado en galego e na lingua guaraní da comunidade indíxena amazónica. O traballo conxunto dos dous músicos presenta once cancións, sinxelas pero fermosas, construídas con dúas guitarras e a cálida voz de Keresú. O disco foi gravado co mesmo son que o dúo presenta nos seus directos para reivindicar a música como un traballo artesán sen intervención das máquinas.
Descarga ao vivo fusionará a música cubana e a galega
Xénero:
| 1 / 7 / 2009A Central Folque está a coordinar a xira galega do proxecto Descarga ao vivo, que mestura música galega e cubana. A iniciativa, que se presentou na Habana en febreiro de 2008, chega ao noso país con tres concertos que se celebrarán na Coruña (23 de xullo), en Compostela (25 de xullo) e en Vigo (30 de xullo). Os espectáculos contarán coa presenza de músicos dos dous países, coma Guadi Galego, Quim Farinha, Ugia Pedreira, Oscar Fdez., Xabier Díaz, Edelmiro Fdez., Pablo Castanho, Pablo Pascual, Gutier Álvarez, Raciel Jiménez, Adonis Ríos e J.M. Díaz. A organización puxo en marcha un concurso de fotografías de época no que se repartirán dez entradas.
Alalá continúa na TVG para a vindeira temporada
Xénero:
| 30 / 6 / 2009As dúbidas sobre a continuidade do programa Alalá na programación da TVG despéxanse. O blog deste espazo anunciaba o pasado día 25 que está confirmada a emisión da quinta temporada para o vindeiro outono. O equipo do programa sinala tamén que no último ano conseguiron unha media dun 18,6 % de audiencia, a mellor da súa historia.
Fecha o estudio vigués Áreamaster
Xénero:
| 30 / 6 / 2009Un dos maiores espazos destinados á gravación de música en Galicia, o estudio Áreamaster de Vigo, fecha as súas portas. As débedas acumuladas provocaron que os responsables da empresa optasen por cesar a súa actividade, deixando así o noso país sen 1.500 metros de superficie dedicados a rexistro sonoro, ensaios e formación, así coma á sala de concertos Breogáin. O último traballo que saiu da mesa deste estudio foi o DVD cun directo de Vargas Blues Band que se gravou a finais de 2008.
Dez anos de tolemia
Xénero:
| 30 / 6 / 2009O estudio Casa de Tolos, unha das referencias no campo da gravación musical en Galicia, está a facer estes días dez anos. Unha década que deu para arredor de 300 gravacións de todo tipo e que nos permite reflexionar, de man de Segundo Grandío, responsable do proxecto, sobre o traballo de rexistrar sons.
O Festival Mozart estrea unha versión galega do Esquío esperto
Xénero:
| 26 / 6 / 2009Hai cincuenta anos Nino Rota, coñecido por ser o compositor da banda sonora do Padriño, compuxo unha ópera baseada nun conto de Eduardo de Filippo. Unha composición e libreto que os organizadores do Festival Mozart quixeron traer á Coruña no marco do seu ciclo “Öpera en Familia”. Joám Trilho foi o encargado de facer a adaptación para esta produción propia que ten un reparto de voces galegas case na súa totalidade. O papel do esquío é para a soprano Paloma Silva, que chega de acaba de participar na ópera Werther. Nesta montaxe participan a Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro. Alfonso Romero Mora, vencellado ao Staatstheater de Darmstadt, é o director de escena.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca