Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival Millo Verde de Redondela amplíase a unha semana e comeza este domingo

Xénero: Miscelánea | 31 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O Festival Alternativo Millo Verde, organizado pola Asociación Millo Verde chegará este ano á súa décima terceira edición, celebrándose entre os días 2 ao 8 de xuño, de domingo a domingo, na Praia de Cesantes en Redondela. O festival aumenta asñia a súa duración a unha semana enteira na que, ata o xoves, terán lugar diversas actividades culturais como proxeccións de películas e curtametraxes, acompañados por funcións musicais e djs.. Serás o xoves cando comecen co formato máis habitual de concertos coa participación dos grupos Andoa, Mad Martin Trío e Sete Cuncas. No cartel previsto están tamén bandas estranxeiras como os irlandeses SEN A DEIR SE, os ingleses con raíces africanas KOG & THE ZONGO BRIGADE. Como todos os anos, o obxectivo da Asociación Millo Verde é converter este evento gratuíto nun microcosmos de encontro lúdico para persoas de todas as idades co fin de crear unha plataforma onde os novos creadores poidan mostrar a súa arte, onde se potencie a música galega mesturada con músicas internacionais e que funcione todo como unha xanela pola que os redondeláns póidanse asomar fóra e os foráneos poidan gozar dos atractivos turísticos, ambientais e culturais da comarca de Redondela.

Aumentan as axudas a distribución exterior de artes escénicas e musicais

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria de axudas da Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) para distribución e comercialización de produtos culturais tanto a nivel galego como externo. As axudas, dirixidas a empresas e profesionais, tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por esgotamento do crédito que conta cun importe máximo para o financiamento de 460.000 euros, que se repartirán a partes iguais entre as modalidades de artes escénicas e música. Este orzamento supón un aumento xeral de 10.000 euros respecto ao pasado ano, pero a parte dedicada á distribución no mercado interior redúcese dos 100.000 euros do 2018 a 80.000 euros este ano. As axudas divídense en varias modalidades, catro para as artes escénicas e tres para a música, en función do destino que se lles queira dar. Así se contemplan axudas para a distribución comercial de espectáculos fóra de Galicia, e no caso das artes escénicas tamén no mercado interior; as axudas tamén contemplan apoiar as actuacións en feiras e festivais e os gastos de asistencia a os foros profesionais de promoción. A contía máxima total que poderá obter unha empresa beneficiaria no conxunto das distintas modalidades da convocatoria será de 25.000 euros. O prazo para a presentación das solicitudes comeza mañá, 30 de maio e estará vixente ata o 31 de xullo de 2019.

O 'Don Giovanni' imaxinado por Carlos Saura estréase na Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

A Programación Lírica da Coruña para a vindeira temporada estará encabezada pola representación de Don Giovanni, con posta en escena do cineasta Carlos Saura, segundo confirmou hoxe na presentación á prensa o director de programación César Wonenburger da asociación Amigos de la Ópera. O realizador, que xa presentara o ano pasado na cidade herculina, dentro do ciclo 250 anos de Ópera na Coruña o seu filme Io, Don Giovanni, será agora o encargado da escenografía desta produción que se levará a cabo no Teatro Colón os días 13 e 15 de setembro deste ano. Miguel Ángel Gómez Martínez dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia para esta produción que contará co barítono Juan Jesús Rodríguez, o tenor Francisco Corujo, a mezzo-soprano Ginger Costa-Jackson, as sopranos Gilda Fiume e Rocío Pérez e o baixo Simón Orfila. A Programación Lírica está organizada por Amigos de la Ópera de A Coruña, con un orzamento de 590.000 euros, dos que 150.000 veñen dun convenio asinado coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) para a produción de Don Giovanni.

Grandes figuras da clásica para a XLVII Semana de Música do Corpus

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

Corenta e sete anos de historia avalan ao decano dos festivais galegos de música clásica, tradicionalmente coñecido como Semana de Música do Corpus, que anualmente cita en Lugo a algunhas das grandes figuras do panorama musical internacional. Nesta edición contará con grandes figuras da música americana, europea e estatal, con 9 concertos que configuran un heteroxéneo programa, baseado na calidade e a variedade. Este ano pasarán por Lugo intérpretes como a pianista venezolana Gabriela Montero, gañadora dun Grammy polo mellor álbum de música clásica e candidata en varias ocasións; o chelista e director Nicolas Altstaedt dirixindo a Real Filharmónia de Galicia; o tamén director Paolo Bortollameoli e a chelista Anastasia Kobekina coa Orquesta Vigo 430; a violinista Lina Tur Bonet co seu grupo Musica Alchemica que comparte con Valerio Losito e Mauro Valli; o grupo Forma Antiqva, formación que, xunto á soprano Eugenia Boix presentarán un espectáculo que xirará ao redor da primixenia ópera barroca italiana; o grupo canario El Afecto Ilustrado; a formación Las Arpas Sonorosas; o dúo Germán Díaz & Benxamín Otero e pechará o festival unha produción propia que revisitará a Historía do Soldado de Stravinsky a cargo do conxunto músico teatral Mutatio Ensemble. os concertos terán lugar no Círculo das Artes, na casa do Saber da USC e no Vello Cárcere.

Surfing the Lerez amplíase en dous días na súa novena edición

Xénero: Miscelánea | 20 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Surfing The Lérez xa ten cartel da súa novena edición, presentada recentemente na súa cidade, Pontevedra. Este ano a cita musical crece de acordo co seu tirón e pasa a celebrarse en dúas xornadas que ocuparan a Illa das Esculturas con case vinte actuacións en dous escenarios, con bandas de primeira liña da escena musical galega e tamén nacional e internacional e cunha mestura de xéneros para todos os gustos aínda que cao predominante presenza do rock. Os días 21 e 22 de xuño pasarán por Pontevedra os neocelandeses Labretta Suede & The Motel Six, Heredeiros da Crus, The Sex Museum, Basanta, Familia Caamagno, Thee Blind Crows, Malkeda, Ortiga, Maneiro, Holywater, Anaut, Rayo taser e a escola de rock de Paredes de Coura, entre outros. A entrada será de balde como sempre cun programa de recollida da organización redeAxuda en forma de produtos alimentarios ou de hixiene.

O Caudal Fest volve a Lugo a celebrar a súa segunda edición

Xénero: Miscelánea | 16 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O pasado ano o Caudal Fest, este festival de novo cuño e que aparece como de "peche do verán", congregou a máis de 22.000 persoas en setembro na cidade das murallas e este ano busca manter e aumentar todas as cifras. As datas son similares as do 2018, este ano terá lugar o 20 e 21 de setembro, serán dous días completos de festival. Ademais da confirmación da celebración e as datas, a organización da empresa Bring The Noise, xa fixo as primeiras confirmacións artísticas do seu cartel con nomes para todas as liñas do mesmo e xa con algúns nomes da escena galega como Xoel López, Agoraphobia e Holywater. Xunto a eles na oferta deste ano do festival aparecen nomes coñecidos da escena do indie tanto no pop, coma no rock e o hip-hop: IZAL, La M.O.D.A., Beret, La Pegatina, Toteking, Carolina Durante, Los Bengala, Tigre Y Diamante, Bocanada e Galician Army. As entradas estarán á venda o vindeiro martes 21 de maio ás 11:00, cunha oferta para as primeiras 1000 de tan só 29€ máis gastos por todo o festival, que conta co apoio do Concello de Lugo.

Comeza a rodaxe dunha película baseada na vida de Juan Pardo

Xénero: Pop | 14 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

Hoxe comeza en Sevilla gravación dun filme dacabalo entre o documental e a ficción que contará a vida do músico Juan Pardo. Pardo foi unha das figuras claves do inicio do pop en España nos anos sesenta e setenta, con grupos como Los Pekenikes, Los Brincos ou en dúo co outro músico Junior (Juan & Junior). Galego de adopción, compuxo temas para Xil Ríos ou Andrés do Barro e del parten algúns temas en galego que entraron directamente como éxitos estatais nos anos setenta. O actor ourensán Rubén Riós encarnará ao artista na parte da recreación ficticia da súa vida. O proxecto producido por Magnetika films para TVG e Canal Sur conta no elenco artístico tamén con Desiré Pillado, Alfonso Agra, Jorge Usón e Anmi Lamar entre outros. E na parte documental aparecerán as achegas testemuñais de Lucía Pérez, Nonito Pereira, Lys Pardo, Karina, Luz Casal, Maria Teresa Campos, Lucía Bosé, Paloma San Basilio e outros moitos.

O festival Noroeste aumenta a súa aposta con novos nomes

Xénero: Miscelánea | 10 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña ven de desvelar esta semana un novo e importante avance do seu cartel para o evento que se celebrará do 6 ao 11 de agosto. Se ben o nome da americana Patty Smith segue a ser a cabeza da oferta xusto baixo e dela sitúianse algunhas das novidades recentes, como é o caso do histórico do punk Jello Biafra (Dead Kennedys) que actuará o mesmo día que Smith e a súa banda. Tamén engádense nesa liña os nomes de Belako e Nathy Peluso, propostas de gran tirón. Así mesmo,o Noroeste Estrella Galicia continúa un ano máis a súa aposta por visibilizar o que está a acontecer na escena musical galega, coas novas confirmacións de Baiuca, Basanta, Electra, Holywater, Os Amigos dos Músicos, Pablo Lesuit, Pardo, Santi Aráujo e Silvia Penide que veñen engadirse as anteri9ores de Andhrea & the Black Cats, Las Antonias e Vudú

Nace a Asociación de Profesionais Técnicos ao Vivo

Xénero: Miscelánea | 10 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O persoal técnico que fai posible a realización de todo tipo de eventos e actos culturais en vivo ven de organizarse nunha asociación para defender os seus intereses profesionais. Creada o pasado xaneiro, deuse a coñecer agora a nova Asociación de Profesionais Técnicos ao Vivo (APTAV) que nace do paso á fronte dun cento profesionais cos obxectivos de “xuntar a todos os técnicos, visibilizar e dignificar a profesión, acadar melloras nas condicións de traballo, conseguir a conciliación laboral e a igualdade de xénero real”, segundo o seu comunicado de presentación. A APTAV está aberta a todos e cada un dos profesionais técnicos que traballan nos espectáculos e eventos en directo: técnicos de iluminación, son, vídeo, rexedoría, backline, rigging, montaxe de estruturas, persoal auxiliar, etc. A asociación de ámbito autonómico colaborará activamente cos centros de estudos e promoverá xornadas e cursos de formación por toda Galicia. APAV forma xa parte da Plataforma Estatal de Asociaciones de Técnic@s del Espectáculo (PEATE).

Unha praza en Ourense para a Coral de Ruada

Xénero: Coral | 9 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

Desde hoxe mesmo unha praza da cidade de Ourense leva o nome de Praza Coral de Ruada en homenaxe da cidade a esta agrupación centenaria. A praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires da capital provincial será a que lucirá o nome deste colectivo que recentemente celebraba os seus cen anos de vida e actividade cultural e que era obxecto dun expediente de honra aberto por acordo dos catro grupos políticos con representación municipal e contando co apoio de 1.800 persoas que se sumaron a esta proposta, igual que numerosas asociacións e entidades culturais. O alcalde, a Corporación e representantes da Coral participaron nos actos que se desenvolveron primeiro no salón de plenos e posteriormente na propia praza. Nesta descubriuse a placa que lle dá o nome da Coral de Ruada "como mostra de recoñecemento e gratitude da nosa cidade a unha das agrupacións máis senlleiras e queridas, a nosa provincia. Unha fonte inesgotable de amor á nosa música, á cultura galega e as nosas tradicións, embaixadora da nosa terra en todo o mundo, sinal identitario e sementadora de paixón por Ourense e de paixón por Galicia", sinalou o alcalde.

<< Inicio / Anterior . 941 a 950 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR