Noticias
O SON in crescendo
Xénero: | 17 / 6 / 2019
Máis de trinta horas de música en tres días, na compañía doutras 33.000 almas agardaban por nós no remodelado recinto do Monte do Gozo para a segunda edición do festival O Son do Camiño. O evento que arrastra éxito de convocatoria e polémicas cada ano abría as portas para poñer a proba un ano máis a vixencia da súa aposta de ferramenta de promoción cultural do Xacobeo 2021. Se ben quedáramos un pouco fríos ante a conformación do cartel, presentado en febreiro, a realidade coa que nos atopamos tras estes tres días é que malia a certos desequilibrios entre as tres xornadas e nos horarios e escenarios O Son do Camiño 2019 deixou tras de si as sensacións e os impactos que deben deixar estes grandes eventos, independente de que este sexa o modelo polo que cada un aposta ou non. Unha moza de 25 anos e un vello rockeiro de 72 foron as grandes estrelas no Monte do Gozo. O percorrer desta edición mantivo unha curva ascendente que culminou a xornada final xuntando á potencia do cartel cunhas boas circunstancias meteorolóxicas, imposibles de planear pero importantes en calquera acto a espazo aberto.
As bandas de música protagonizarán o Serán`02
Xénero: | 17 / 6 / 2019
A segunda xeira do Encontro Galego de Cultura Popular Serán reunirá 550 intérpretes de bandas de música de toda Galicia. Logo de se dedicar o ano pasado ao baile tradicional, esta iniciativa desenvolverase entre o 28 e o 30 de xuño cun intenso programa que inclúe a actuación especial A dúas bandas, que reúne as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia, as da Coruña e Santiago de Compostela. O proxecto deixa tamén un oco para a danza tradicional coa iniciativa Baile Irmandades da Fala que reúne na Praza Central da Cidade da Cultura as bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, coas charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos nunha convocatoria aberta. Un concerto da Unidade de Música do Terzo Norte de Infantería de Mariña de Ferrol, así como recitais de diferentes formacións poderán verse na Cidade da Cultura no marco desta iniciativa.
A 36ª Festa da Carballeira de Zas acada o seu sitio entre os grandes eventos do verán
Xénero: | 13 / 6 / 2019
A 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas, na provincia da Coruña, fai valer a súa constancia e coloca o seu cartel entre os festivais de moda tirando de artistas consolidadas e emerxentes e apostando polo eclecticismo sen perder a raíz. Susana Seivane será cabeza de cartel na xornada do venres 2 de agosto e o multipremiado trío Tanxugueiras estará o sábado 3 tamén nesta romaría folk que reúne arredor de cinco milleiros de persoas. Elas son so dous das máis dunha ducia de actuacións previstas este ano e que inclúen tamén a fusión de Dakidarría e a proposta electrónica de Baiuca. A presenza internacional está tamén asegurada coas formacións Celtic Social Club (Francia) e Tide Lines (Escocia). O grupo Korrontxi representará a música tradicional do País Vasco. Na xornada do sábado ademais procurarase manter a esencia de romaría do evento potenciando a sesión vermú con varias actuacións importantes entre as que está o dúa Vudú, Monoulious Dop e a formación internacional Fourth Moon, ademais de Os Farrapos e outras. A Festa da Carballeira de Zas está organizada desde a Asociación Cultural Castro Meda e dedica parte da súa recadación a fins sociais, neste caso a unha asociación local de apoio a persoas con discapacidade funcional. A organización ten aberta ademais unha liña de voluntariado para colaborar no evento.
Marco Foxo recupera romances medievais para os nosos tempos no seu cuarto traballo
Xénero: | 12 / 6 / 2019
Marco Foxo acompañouse dunha vintena de músicos para gravar o seu cuarto traballo. Romances novos e vellos chega ás tendas a recoller romances medievais recollidos por Xosé Lois Foxo nas montañas ourensás, por Valdeorras, Riós, O Bolo ou o Courel. O armenio Emmanuel Hovhannisyan, os iranianos Tina Jamegarmi, Mohsen Sharifian e Habibb Meftah ou os galegos Daniel García, Óscar Ibañez, Emilio Rúa, Lucia Perez e Xabier Biscaíño fan parte deste proxecto, que inclúe temas como o Romance de Dona Ildara, Adelina, o Romance de Martín García ou Rogelio e a moza deshonrada. Canda a estes, o álbum presenta temas popularizados pola orquesta Os Padernes, como o Bicarelo do Bico do Brelo, con letra de Uxío Novoneyra. O músico apunta que a obra pretende achegar "sosego" aos oíntes actuais con estas composicións que se cantaban ao pé das lareiras.
O Festival +QueJazz da Coruña crece e amplía espazos co Teatro Colón
Xénero: | 11 / 6 / 2019
Chega á súa sexta edición o Festival +QueJazz da Coruña coa intención de facerse un oco no circuítos de prestixio do xénero. Con ese obxectivo este ano suma o espazo do Teatro Colón aos clubs Garufa Club e Jazz Filloa, tradicionais e inescusables abandeirados do jazz na cidade herculina. Alén diso o evento presenta na súa programación doce propostas entre o 3 e o 20 de xullo encabezadas no cartel por unha figura internacional do talle de Bill Evans, que en compañía de The Spy Killers abrirá o festival o día 3 no Teatro Colón. O festival conta por vez primeira co apoio do Concello e a esta cabeza de cartel engádense figuras como o pianista cubano afincado en Nova York Dayramir González, talento emerxente do jazz latino, que estará no Garufa o 12 de xullo. Polo mesmo escenario pasará a banda madrileña Mighty Vamp (6 de xullo). Nas actuacións previstas no Jazz Filloa, destacan Ton&Teira, unha de vibráfono e guitarra para dar vida a temas que van desde o clásico jazz a músicas suramericanas, flamenco ou temas de composición propia. Pecharán o ciclo o día 20 no Garufa Club o galego Valentín Caamaño coa súa proposta en cuarteto The Blind Wrestler, xunto a Lar Legido, Xosé Miguélez e Alfonso Calvo e máis o trío Puerta Sur.
As Xornadas de Música Contemporánea 2019 de Compostela xirarán en torno á Diáspora
Xénero: | 5 / 6 / 2019
O programa deste ano das Xornadas de Música Contemporánea que se celebran do 7 ao 27 de xuño en espazos diversos de Santiago leva o subtítulo de DIÁSPORA, xa que xirará arredor de compositores e intérpretes que desenvolven a súa carreira fóra do seu lugar de nacemento e no que os compositores galegos terán un protagonismo destacado. O programa inaugúrase este venres, día 7, na Escola de Altos Estudos Musicais co concerto da pianista Margaret Lucia ás 20.30 h cun programa de compositoras españolas e estadounidenses. Iago Hermo, galego que na actualidade reside en Maastricht estreará tres obras súas e tamén está prevista a estrea absoluta da Suite Sinfónica núm 1 de Eduardo Soutullo o 13 de xuño no Auditorio de Galicia como parte do concerto da Real Filharmonía de Galicia. Noutra das citas destes Xornadas terá lugar a estrea absoluta de Dúas vidas respiran xuntas do compostelán Manuel López Jorge. Na Sala Capitol farase o concerto de CONTAINER #GALICIA, plataforma de creación musical de equipo artístico galego que realiza actividades en diferentes centros de produción de Europa e América Latina. A Banda Municipal de Música interpretarán obras, entre outros, do rianxeiro Antón Alcalde que na actualidade vive en Islandia onde é compositor residente dentro do programa ofrecido polo prestixiosa ArtsIceland Institute.
A música Cristina Pato ocupará a cátedra de Cultura Española da Universidade de Nova York
Xénero: | 5 / 6 / 2019
A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na Universidade de Nova York (NYU) será ocupada ao longo do vindeiro curso pola música e gaiteira galega Cristina Pato. Así o anunciaba o Centro Rei Juan Carlos I de España, reponsable deste posto que naceu en 1983 e que ocuparon anteriormente diferentes persoeiros "especialistas na historia, política, economía ou cultura de España", segundo explica o centro, como Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Estrella de Diego ou Antonio Muñoz Molina.
Los Eternos volven co son americano en 'Vientos solitarios'
Xénero: | 4 / 6 / 2019
Los Eternos non desaparecen, o levan no nome e son coherentes con el. A banda de country rock de Cedeira que levaba 9 anos sen gravar temas e cunha actividade musical bastante intermitente nos últimos tempos, sacan disco de novo demostrando a súa vitalidade. Con Vientos Solitarios (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) a veterana formación que comezou a dar os primeiros pasos en 2003 comeza a cantar en castelán presentando nove temas propios e unha adaptación de Four strong winds de Ian Tyson. Os anteriores traballos da formación foron Back on the Road (Warner / Miña Terra Galega, 2010) e o vinilo de sete polgadas Chris Masuak & Los Eternos (H-Records, 2013) e os dous estaban cantados en inglés, neste caso o grupo pasa a traducirse a sí mesmo e amosan a lírica das súas composicións en castelán cun son máis “americana” ca nunca apoiado dun xeito inequívoco na potente steel guitar de Álvaro Lamas (ex-Los Limones). A banda conta coa produción e masterización a cargo de Hendrik Röver (Los DelTonos) para este novo disco que este vindeiro día 15 estarán presentando para os seus veciños na súa localidade de orixe, Cedeira, no auditorio municipal cun concerto de balde.
O festival de Lorient será 'solar' grazas á calor dos 'celtas do sur' chegados de Galicia
Xénero: | 4 / 6 / 2019
"O outro Finisterre: ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", ese finalmente é o lema co que a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, celebra a súa homenaxe á Galicia este vindeiro mes de agosto. Tal e como se anunciara xa o pasado ano este será un ano dedicado a Galicia. A nosa música, lingua e cultura, tamén a gastronómica, estarán presentes durante os dez días deste evento de referencia mundial na Bretaña francesa entre o 2 e o 10 de agosto. "A edición 2019 será solar, -asegura Lisardo Lombardia o director do festival- tanto dende o punto de vista da expresión artística como da convivencia e a festa." O desembarco de artistas e formacións galegas será un feito que salpica o programa do evento con presenza da nosa terra en diferentes formatos. Desde a cea de apertura, o mesmo día 2 de agosto na que participaran as pandereteiras de Xacarandaina e os pandereteiros Os do fondo da barra, a música do país estará moi presente neste evento que ten unha asistencia estimada de 750.000 persoas. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan unha representación galega na que tamén estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López Josele, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Bouba, Xirandela, Davide Salvado, etc.
Músicas ao Vivo fai un chamamento ás boas prácticas nos festivais
Xénero: | 3 / 6 / 2019
Ante o comezo da temporada estival de festivais musicais, a etapa con máis actividade do ano pares estes eventos, a asociación Músicas ao Vivo (MAV), en representación do colectivo de artistas musicais do país, ven de facer público un chamamento de boas prácticas a quen fai posible estes encontros musicais do verán. O colectivo reivindica a implantación dunha cota mínima de programación de artistas de Galicia nos festivais, como xa sucede naqueles festivais teatrais galegos subvencionados pola AGADIC (30% mínimo de programación de proxectos galegos). Desde MAV inciden ademais en advertir contra prácticas laborais ilegais ou abusivas, tanto cara aos músicos como aos demais traballadores destes eventos. A busca de carteis artísticos que demostren a diversidade de xénero e o coidado co impacto medioambiental dos festivais tamén están presentes nas liñas mestras que propoñen MAV- Para iso diríxense directamente na súa mensaxe a tres colectivos, o dos promotores e programadores, ao colectivo artístico e finalmente ao público, instándoo a elixir os eventos aos que acode en función do nivel de aposta por estas boas prácticas que defenden os músicos.


