Ir ao contido directamente.


Noticias

O 17° Ribeira Sacra presenta o programa 'Patrimonio' encabezado por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Xénero: Miscelánea | 1 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival 17° Ribeira Sacra xa está a finalizar os detalles da súa edición deste ano. Se en abril presentaba o cartel de artistas que participarán na primeira das fins de semana que abarca, 17° Ribeira Sacra Paisaxe entre o 18 e 21 de xullo, agora xa desvelou as actuacións e actividades previstas na segunda fin de semana e que teñen que ver coa parte ourensá do festival englobadas como 17° Ribeira Sacra Patrimonio durante os días 26 e 27 de xullo. As actividades incluídas dentro de 17° Patrimonio terán lugar en espazos patrimoniais e de gran valor natural: o Castelo Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo, o canal do río Sil (a actuación será no catamarán), o Mosteiro de Santa Cristina de Concello de Ribas de Sil e A fabrica da luz. Aí actuarán artistas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova.

O segundo Abride a Fiestra enche de actividade a Casa de Rosalía

Xénero: Miscelánea | 28 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Os vindeiros 13 e 14 de xullo a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, acollerá a segunda edición de Abride a Fiestra. Este encontro cultural arredor da figura da poeta. Cristina Pato con Roberto Comesaña, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón correrán coa parte musical do evento. Un recital poético colectivo a cargo de Taha Adnan, Serge Meurant, Ramón Neto, Xavier Queipo, Chus Pato ou Yolanda Castaño, visitas guiadas da man de Pedro Feijoo, Pepe Barro, Xosé Ramón Barreiro, Francisco Rodríguez, Carlos Dacal e Olga Novo, presentacións de libros, a proxección do filme Contou Rosalía de Zénit TV, dramatizacións e outras actividades completan un programa que inclúe propostas para todos os públicos.

O ciclo Monumenta centra nos itinerarios culturais a súa sétima xeira

Xénero: Miscelánea | 27 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

A terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela acollía esta mañá a presentación de Monumenta. Andar con arte. A sétima edición do programa de divulgación patrimoninal da Consellaría de Cultura que coordinan Sinsalaudio e Tomos Conservación e Restauración centrarase na idea dos itinerarios culturais. Deste xeito, cinco dos oito roteiros previstos no mesmo abordarán desde diferentes perspectivas "aqueles camiños de ida e volta que facilitaron o transvasamento cultural e deixaron numerosas pegadas en todo o país".

Rianxo acolle o XV Encontro Zona da Zanfona

Xénero: Folk | 26 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Do 3 ao 7 de xullo vindeiros Rianxo acolle a XV edición de Zona da Zanfona. O encontro internacional de zanfonistas contará nesta ocasión con recitais a cargo de Germán Díaz e Benxamín Otero coas súas 13 cancións bonitas e mais de Obal. María e Manuela presentarán O conto da zanfona, que adapta a historia da cega Rosa María do Val. Os xa habituais cursos, desta volta a cargo de Óscar Fernández na iniciación e Paulo P. no nivel avanzado, complétanse cun curso de danzas galegas e europeas. Canda a histo haberá o habitual encontro e foliada de escolas de zanfona do país. Esta xeira inclúe tamén a presentación da segunda entrega do Cancioneiro #ZdZ, unha publicación de acceso gratuíto que propón un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis de intérpretes deste instrumento.

Unha versión de Raclette, de Santiago Cortegoso, chega ao Festival de Avignon

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

As propostas escénicas realizadas no país están a conquistar novos espazos fóra das nosas fronteiras. Por unha banda, o prestixioso festival de Avignon contará no programa da súa vindeira edición cunha obra con selo galego. A Compagnie du Velours presentará, no marco do Off Avignon unha versión de Raclette, obra do moañés Santiago Cortegoso traducida e dirixida por Silvia Rodríguez Abal, segundo informa Erregueté. A montaxe fora galardoada co premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais ademais de obter o galardón ao mellor texto orixinal nos María Casares. A obra xirou no noso país da man de Ibuprofeno teatro. As representacións na cidade francesa desenvolveranse entre o 17 e o 28 de xullo.

Cinco salas de Vigo, Coruña e O Porriño levan as axudas de AGADIC para artes escénicas

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Cinco salas privadas de artes escénicas recibirán este ano as axudas convocadas pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) para apoiar tanto os gastos de funcionamento como os investimentos en programación de artes escénicas neste tipo de axentes. Os 150.000 euros que a Axencia dedica este ano para este fin, se repartirán entre dúas salas de Vigo, dúas da Coruña e unha de O Porriño. As dúas salas viguesas, Teatro Ensalle e Sala Ártika, zonas que maior achega reciben deste programa, 46.214 euros e 43.803 euros respectivamente. As salas coruñesas Teatro del Andamio e Sala Gurugú, son pola contra as que menos contía solicitaron e reciben, 17.746 e 14.560 euros respectivamente. A Sala Ingrávida do Porriño pola súa banda recibe algo máis de 27.000 euros. En todos os casos estas contías divídense a partes iguais segundo os fins de gastos de funcionamento ou investimento na programación.

A música sae ao encontro da xente no Día Europeo da Música

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

O Día Europeo da Música celébrase hoxe cun múltiples actos en varios sitios de Galicia. Coincidindo co solsticio de verán a música sae hoxe ao encontro da xente de moi diversas maneiras, non só en escenarios e rúas. Os pasaxeiros do tren que vai da Coruña a Santiago hoxe ás 11 da mañá son dos primeiros en tomar contacto co esta celebración, xa que nos vagóns do seu transporte público o Grupo Instrumental Siglo XX fará un concerto de cámara durante o traxecto. A acción está organizada desde a compañía pública Renfe e o Consorcio para a Promoción da Música do Concello da Coruña. Mentres isto ocorre en tránsito, nas propias rúas da cidade herculina músicos integrantes da Sinfónica de Galicia sacan os seus instrumentos para interpretar obras da música clásica espallando a súa presenza por tada a cidade ao longo do día. Santiago e Vigo tamén acollerán varios actos relacionados coa festividade.

Doce festivais de verán inclúense na marca Fest Galicia da Xunta

Xénero: Miscelánea | 19 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Unha ducia de festivais a celebrarse entre os meses de xullo e setembro conforman a segunda temporada do calendario Fest Galicia que promove a Xunta. Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo veñen de engadirse aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Atardecer no Gaiás contará con 20 bandas na súa nova edición

Xénero: Miscelánea | 19 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Do catro de xullo ao dezasete de agosto unha vintena de bandas participarán na nova xeira do ciclo Atardecer no Gaiás. A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolle unha nova edición deste programa que reúne algunhas das propostas musicais máis actuais a partir das 21 horas en recitais de balde. Cecilia Krull será a encargada de abrir un programa no que se atopan nomes como Soulmacklein, Ladilla Rusa, Betacam, Floridablanca ou Berta Franklin durante o mes de xullo. Para agosto, pasarán polo escenario nomes como Malraio, Agoraphobia, Las Migas, De Vacas ou Best Boy entre outros.

O Festigal presenta sete concertos para a súa XVIIIª edición en Compostela

Xénero: Miscelánea | 18 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival cultural Festigal, que organizan desde a sección xuvenil do Bloque Nacionalista Galego, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, tamén vencellada ao BNG, vend e presentar o que será o será a súa oferta musical á que haberá que engadir máis adiante o resto das súas numerosas actividades culturais. A XVIIIª edición do Festigal traerá a Compostela nesta edición un cartel musical encabezado pola formación italiana Banda Bassotti, que actuará xunto con Brassica Rapa, o trío de Lugo Arrhythmia e De Ninghures, o grupo gañador do concurso “Novos Valores”, na véspera do Día da Patria, a noite do 24 de xullo no campus universitario sur. Para o propio día 25 de xullo, día de Santiago, o Festigal conta coas actuacións de Güintervan, DudeCan, do Val Miñor, e Pandereteiras de Verducido, coa fusión de sons tradicionais e de blues. O Festigal constitúe, segundo os seu organizadores, "un escaparate para a cultura do país que conxuga a música, as ideas e as letras nun momento tan importante onde hai unha falta de apoio por parte da administración aos grupos e artistas deste país". O Festigal tamén terá Galería das Letras con presentación de novidades literarias, haberá diversión para crianzas no espazo infantil, palestras e debates na Galería das Ideas, ademais das zonas de tendas, artesanía, asociacións e xantar.

<< Inicio / Anterior . 921 a 930 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR