Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Festigal presenta sete concertos para a súa XVIIIª edición en Compostela
O Festigal presenta sete concertos para a súa XVIIIª edición en Compostela
xuño 18, 2019
O festival cultural Festigal, que organizan desde a sección xuvenil do Bloque Nacionalista Galego, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, tamén vencellada ao BNG, vend e presentar o que será o será a súa oferta musical á que haberá que engadir máis adiante o resto das súas numerosas actividades culturais. A XVIIIª edición do Festigal traerá a Compostela nesta edición un cartel musical encabezado pola formación italiana Banda Bassotti, que actuará xunto con Brassica Rapa, o trío de Lugo Arrhythmia e De Ninghures, o grupo gañador do concurso “Novos Valores”, na véspera do Día da Patria, a noite do 24 de xullo no campus universitario sur. Para o propio día 25 de xullo, día de Santiago, o Festigal conta coas actuacións de Güintervan, DudeCan, do Val Miñor, e Pandereteiras de Verducido, coa fusión de sons tradicionais e de blues. O Festigal constitúe, segundo os seu organizadores, "un escaparate para a cultura do país que conxuga a música, as ideas e as letras nun momento tan importante onde hai unha falta de apoio por parte da administración aos grupos e artistas deste país". O Festigal tamén terá Galería das Letras con presentación de novidades literarias, haberá diversión para crianzas no espazo infantil, palestras e debates na Galería das Ideas, ademais das zonas de tendas, artesanía, asociacións e xantar.
Confirmacións no Noroeste
Pola súa banda o 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 6 ao 11 de agosto na Coruña, ven de anunciar máis de 30 novas bandas e artistas nun cartel que se moverá ao ritmo do blues, hardcore, folk, R&B, soul, rock, garage, surf, punk, psicodelia, indie pop, noise e, mesmo, copla electrónica ou música brasileira. The Last Internationale, Anni B Sweet, Emma Pollock, Los Hermanos Cubero, Paul Collins, Morgane Ji, The Wellgreen, TT Syndicate, Toundra, Seda, Escuchando Elefantes, Blanco Palamera, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Los Árboles e Chiquita y Chatarra, entre moitas outras, súmanse a un programa atractivo e ecléctico con máis de 80 actuacións gratuítas en espazos singulares ao aire libre, onde xa destacaban nomes como os de Patti Smith and Band, Belako, Nathy Peluso, Joe Crepúsculo, Mastodonte, Los Punsetes, La URSS ou Soleá Morente e no que se rexistran un 50% de grupos galegos e un 45% de presenza feminina. Pola súa banda, a promotora musical HFMN Crew comunicou esta mañá a cancelación do concerto de Jello Biafra & The Guantamano School of Medicine previsto dentro do marco do Festival Noroeste Estrella Galicia este 2019 debido a problemas de saúde da banda.