Noticias
O rico ADN da música galega
Xénero: | 9 / 5 / 2019
As festas son esencialmente para divertirse, rir todo o que se poida, compartir alegrías e esquecer penas compartindo todo iso entre amigos e en familia. Os Premios Martín Códax da Música galega son unha festa que encaixa ben nesta definición porque de todo iso houbo, e ademais son unha festa, que como as gastronómicas ou turísticas tamén ten como obxectivo lexítimo chamar a atención sobre un produto ou as excelencias dun lugar. E diso houbo tamén, sendo o produto a música e o lugar Galicia onde este produto, como quedou ben demostrado un ano máis crece cun nivel de calidade e variedade que segue a sorprender a moitos e que aínda merece moita máis atención por parte de todos e esa "polinización expansiva do talento galego", que pedía ao rematar o acto Quico Cadaval, director da gala.
Falece Toñito Pedreira o cantante e fundador do grupo Riff-Raff
Xénero: | 8 / 5 / 2019
Hoxe pola mañá falecía no seu domicilio do barrio ferrolán de Canido o vocalista e fundador do grupo Riff-Raff, Toñito Pedreira Santiago. A banda comunicaba a través das redes sociais a triste nova a media mañá e algúns medios de radio locais, como a emisora da cadea COPE xa se facían eco. A banda ferrolá formada en 1997 acadou un oco na última década tanto en escenarios de salas como de festivais ofrecendo a modalidade de "banda tributo" sobre o repertorio dos australianos AC/DC. A honestidade e da súa proposta e o seu bo facer fixeron dela un referente na escena de "tributos" que transcendeu os límites de Galicia e compartiron cartel con grandes grupos como Whitesnake, para os que actuaron como abreconcertos na Coruña. A noticia causou un fondo pesar tanto no seu entorno máis próximo como entre o resto da escena musical coa que ten compartido escenarios. A repentina morte de Pedreira causou ademais unha gran sorpresa toda vez que a banda tiña previsto un concerto este venres no Forum Cñelticum da Coruña e recentemente confirmara a súa participación no solidario Festival de la Luz de Boimorto onde xa eran uns fixos no cartel.
Dios ke te Crew retrata a súa madurez en O Ciclo da Serpe
Xénero: | 7 / 5 / 2019
Logo de oito anos desde o seu anterior traballo e de se dedicar a diferentes proxectos persoais, os membros de Dios ke te crew, grupo de referencia do hip-hop galego, lanzan o seu novo disco conxunto. O Ciclo da Serpe preséntase ao público cun concerto o vindeiro 11 de maio na compostelá Sala Capitol e achega dezaseis cortes nos que o grupo mantén o seu carácter de intervención social. Cuestións como o ascenso da ultradereita, os refuxiados, as drogas, a reivindicación da liberdade de expresión, as redes sociais ou a xestión do lixo son abordados coa habitual sátira e retranca en letras traballadas que amosan a madurez do conxunto.
Desaparece o mítico Dado-Dadá Jazz Club
Xénero: | 6 / 5 / 2019
A piques de cumprir os corenta anos como un dos clubs de jazz de referencia de Galicia, o Dado-Dadá Jazz Club de Santiago ven de pechar a súas portas, segundo informa o xornal compostelán El Correo Gallego. O local pechou por un traspaso no que vai incluída a perda do nome e unha profunda reforma para transformalo nunha sala que seguira mantendo como actividade a música en vivo e os espectáculos baixo o nome de eMe Music Club e aberta a xéneros musicais de estilos variados. Aberto desde 1980 por Carlos Asorey (finado en 2007) e logo rexentado pola súa dona Carmen Eixo, o Dado-Dadá Jazz Club formou parte dun escaso listado de salas que desde finais dos anos setenta apostaron pola música de jazz no país e das que poucas seguen manténdose, unha menos agora. Ademais de músicos de jazz galegos, estatais e internacionais, polo seu escenario pasaron cantautores, músicos folk, humoristas e magos, dentro destes últimos o club santiagués era unha parada obrigada nas súas xiras.
Santiago inaugura o primeiro ciclo Primavera Jazz
Xénero: | 6 / 5 / 2019
Finalmente Santiago parece terlle achado un oco para o jazz na súa axenda de eventos. Entre os días 8 e 12 de maio un total de 15 artistas encherán de jazz dous espazos públicos da capital galega e varios locais hostaleiros no que será o primeiro evento dedicado a este xénero musical nunha cidade na que sempre estivo presente a través da súa programación de concertos en salas ou das súas festas . A cabalo entre os formatos de ciclo e festival a primeira edición do Primavera Jazz aparece como unha oferta que ademais serve para enlazar culturalmente os espazos da zona nova de Santiago e do casco monumental. A programación, centrada neste estilo musical ven convenientemente impulsada dende o Concello, o que fai posibles os concertos nos locais de hostalaría en virtude da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, e conta coa colaboración da Asociación Veciñal Raigame, do Ensanche, e da Asociación Cultural Cidade Vella.
Silvia Penide presenta o seu sétimo disco 'El efecto boomerang'
Xénero: | 2 / 5 / 2019
Tras da súa publicación en plataformas dixitais Silvia Penide presenta en concerto este venres, 3 de maio, no auditorio de Arteixo o seu novo traballo discográfico El efecto boomerang (El niño de la Hipoteca Records, 2019) e xa estará dispoñible con formato físico en CD. A artista presenta seis cancións de pop fieis á súa traxectoria con letras de intimidade e poesía que ademais, neste caso parecen cada unha delas consignadas no libreto como unha canción para unha situación concreta, como recursos sonoros para acompañar momentos ou situacións da vida. Así, por poñer algúns exemplos, a que abre o disco El Salto aparece como "Canción para recapitular" e a que o pecha Outro día que chega, cantada en dúo con Ugia Pedreira é como unha canción de nana que aparece como "Canción para levantarse". Polo medio a canción que dá nome ao disco El efecto boomerang ofrécese como "Canción para decir adiós cuando no se quiere decir adiós pero hay que hacerlo". O disco está dedicado pola autora "ás persoas que me faltan , ás que teñen que despedirse e a todo o gremio de Auxiliares de enfermería".
Os festivais pequenos salpican de oferta musical o mapa
Xénero: | 26 / 4 / 2019
Hoxe comeza en Vilalba unha das citas festivaleiras xa consolidadas con éxito no país, o FIV e faino con entradas esgotadas para esta edición. Outros festivais seguen adiantando noticias para este ano á espera de que o público os meta na súa axenda e vaia facéndose tamén coas entradas antes de que se esgoten. Hoxe falamos dun feixe de pequenas e interesantes propostas das que salpican a nosa xeografía. Por orde de celebración o vindeiro do que sinalar novidades é o Touliña Pop, que se celebrará en Sada nunha única xornada o vindeiro 11 de maio. Malia o nome Pop é un encontro de música rock & roll, garaxe, punk, powerpop e soul maiormente. A entrada é de balde aínda que de aforo limitado e xa ten o cartel completo presentado e encabezado pola banda californiana de rock The Lords of Altamont. Dúas formación galegas están na oferta, Thee Blind Crows e Terbutalina. Os británicos The Fuzillis e os madrileños Thee Braindrops e Furies completan o cartel da tarde. Os concertos Terán lugar nunha carpa instalada no Paseo Marítimo de Sada, na Praza Irmáns Picallo.
Uxía obtén o Premio aRi(t)mar á Embaixada da amizade galego-lusófona
Xénero: | 26 / 4 / 2019
O proxecto aRi(t)mar Galiza e Portugal, que entrega cada ano os seus recoñecementos ás mellores cancións e poemas das dúas bandas da raia, daba a coñecer onte un novo galardón. A cantora Uxía era homenaxeada onte co premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona. Segundo explica a organización deste certame, "o seu traballo delongado leva abertos novos e múltiples camiños na restauración das pontes dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía, cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural".
O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición
Xénero: | 26 / 4 / 2019
A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras. Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario.
A final dos Premios da Música
Xénero: | 25 / 4 / 2019
Con moitos nomes familiares os Premios Martín Códax da Música daban a coñecer este mércores 24 de abril a listaxe de finalistas na súa sexta edición. A presentación de candidatos que se celebrou na sede das Adegas Martín Códax en Cambados achegou moitas caras novas canda a proxectos que recuncan entre os favoritos.


