Noticias
Estudantes de Comunicación Audiovisual fan un programa televisivo en Internet sobre o sector cultural
Xénero:
| 3 / 12 / 2020Afondar nos efectos que a crise provocada pola covid-19 está a ter nas industrias culturais galegas e dar a coñecer como os diferentes axentes do sector "tratan de sobrevivir e evolucionar nunha contorna tan hostil". Estes son, como sinalan os seus responsables, os principais obxectivos de Somos Cultura, un serie de programas televisivos realizados por alumnado do grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo que difunden a través de Youtube. Segundo informa o Duvi, o proxecto, no que participan 18 alumnos e alumnas, insírese nas actividades da materia Guión, Produción e Realización, que imparte o profesor Paulino Pérez e ten como obxectivo enfrontar ao estudantado á realización "dun programa de televisión, cun formato tipo magazine”, que, sinala, á súa vez, permítalles afondar na situación “dun sector que neste momento o está pasando mal e que ademais é tamén o seu, o da cultura". Ademais dos videos en YouTube manteñen presenza nas redes sociais con perfís en instagram, Twitter, Facebook e Tik Tok.
O Museo do Mar ofrece oito concertos no ciclo Mar de Cultura
Xénero:
| 2 / 12 / 2020Dende hoxe, mércores 2, e ata o vindeiro domingo terá lugar no Museo do Mar de Vigo unha nova edición do ciclo de concertos Mar de Cultura, a cargo maioritariamente de artistas femininas. Oito actuacións conforman este ciclo de asistencia gratuíta pero que precisa reserva previa (a través de correo electrónico e máximo dúas entradas por petición) para o acceso dado ao restrinxidas das capacidades do recinto. Ugia Pedreira abre hoxe ás 18:00 horas o ciclo, mentres que mañá terá lugar a xornada Mar de Mulleres coas actuacións de De Vacas, Guadi Galego e Uxía e Felisa (Leilía), que se transmitirá en liña a través da páxina Facebook do Museo do Mar. Ailá, o venres, as cantautoras Silvia Penide e Carla López o sábado ás 18:00 e finalmente a actuación o domingo de Emilio Rúa como peche, completarán este ciclo que nesta ocasión quedará restrinxido para público da área de Vigo ante as restricións de mobilidade da Xunta de Galicia.
DEVALO preséntase co disco 'Noites contadas'
Xénero:
| 1 / 12 / 2020O músico coruñés David Miranda asina coma DEVALO este novo proxecto musical de quen formou parte anteriormente de bandas coma Nouvelle Cuisine ou The Cripple and The Tramp. Noites contadas (Ferror Records) é o seu primeiro traballo discográfico coma DEVALO, saído neste pasado setembro. O disco foi gravado polo propio Miranda en Bangor (Gales) e posteriormente masterizado por Jahel Piñeiro en 8 Estudios (Lugo). Noites contadas ofrece 12 temas en galego, escritos e compostos por David Miranda. As sonoridades en sintetizadores e caixas de ritmos remiten á electrónica synth-pop dos oitenta con New Order, Orchestral Manoeuvres in the Dark ou M83 coma algúns dos referentes que podemos atopar nestes temas de letras nostálxicas e imaxes lánguidas ou escuras.
O festival de jazz e blues de Ribadeo comeza esta semana a súa sexta edición
Xénero:
| 1 / 12 / 2020Cunha exposición fotográfica de Cris Andina, profesional ribadense moi coñecida no mundo da música en vivo e os festivais, dará comezo este 4 de decembro o VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo que aínda que se fixo agardar finalmente terá lugar. A oficina de turismo da localidade lucense acolle esta exposición ata o día 19 de decembro. No auditorio municipal Hernán Naval terán lugar tres concertos os día 6, 8 e 12 de decembro. A banda bilbaína Travellin’ Brothers abre este ano o apartado musical ás 20 horas do domingo coa súa música americana de raíz. A presenza da escena musical galega correrá a cargo dos Sumrrá, o trío compostelán de jazz estará o martes 8 no auditorio de Ribadeo. O peche desta edición será o sábado 12 coa actuación de Zenet, que traerá o seu latin-jazz ao festival do norte galego.
Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
Xénero:
| 30 / 11 / 2020A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra)Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo o comunicado da Fundación Paideia, Leticia Rey sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. O primeiro premio consistirá en gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.
O trío Caldo faise co Premio Narf de proxectos musicais
Xénero:
| 30 / 11 / 2020Unha gala no Teatro Colón da Coruña deu a coñecer este 28 de novembro o palmarés do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais. O trío vigués Caldo impúxose no certame que convoca anualmente a Deputación da Coruña e levou os 3.000 euros de premio. O xurado destacou esta "proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas". Segundo apunta o fallo, o proxecto de Caldo pon o foco "na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo" que empregan como fío condutor dun primeiro álbum gravado ao vivo.
Xa está aquí o novo disco de Xoel López 'Si mi rayo te alcanzara'
Xénero:
| 27 / 11 / 2020Aínda vivíamos na vida pre-pandemia cando Xoel López presentou os dous primeiros avances deste o seu quinto disco en solitario Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte, Sony Music) que hoxe xa está dispoñible para venda e en todas as plataformas dixitais. Alma de oro era o primeiro tema que coñeciamos neste mesmo mes de febreiro de 2020, nel xa víamos que o que viña non ía decepcionar respecto de anteriores traballos do artista. Pop coidado, acompañamentos corais multitudinarios, con orgullosas influencias latinoamericanas coma nos seus anteriores traballos, letras intimistas, oníricas e evocadoras, en diálogo cun interlocutor concreto, coma no caso do segundo avance, Joana, ou directamente en narración vital para o universo coma na enerxética e entusiasta Tigre de Bengala, presentada xa no medio do confinamento. Fai un mes presentaba como último avance Si mi rayo te alcanzara, tema que dá nome ao disco e que nos conecta con outra das grandes cancións de saldar contas do repertorio de Xoel coma Todo lo que merezcas (2015).
Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’
Xénero:
| 26 / 11 / 2020Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e familiar, ven de sacar o que é o seu segundo libro-cd Ramona Órbita. A dona do tempo (Sonárbore , Editorial Galaxia) co que, axudado polas ilustracións de Laura Romero, e da man desta nova personaxe fai un percorrido polo tempo e a historia da humanidade contando e cantando a súa historia ao ritmo do rock. Ramona Órbita é unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Pasando as follas e escoitando as dez cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores.
Berlai amosa a beleza da música feita na casa no novo disco 'Cas berlai'
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, anteriormente integrante e compositor de Fía na Roca, regresa co seu segundo traballo, un novo disco creado durante o confinamento desde a súa casa da aldea -por iso se chama Cas Berlai (Seispés), que é como en Lugo se refiren á casa dun - que está xa nas tendas e nas plataformas musicais. Berlai defínese coma “indie rururbano” en consecuencia lóxica á música post-bravú e o proxecto presentouse en 2016 co disco Desconhecido (Axóuxere Editora). Cas Berlai é un traballo acústico e caseiro, cantando á rutina e á beleza do cotiá. Nel, cada unha das nove cancións convértese nun espazo da casa: a cama, o corredor, o espello, o váter, a sala ou a “cas de Tróski” (o seu can). Na banda, ademais de Xiao están Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).Todos os temas son escritos por el agás a adaptación de A lista da compra -da viúva-, un poema de Emma Pedreira galardoado co Premio Poesía Jovellanos ao Mellor Poema do Mundo. Neles fala do seu pai, morto antes de tempo, das rupturas dos amores que nos tronzaron, do amor, das súas miserias ou do seu TDAH. Como adianto publicouse en redes o videoclip No water.
De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Un total de cen pezas de repertorio tradicional galego "e das comarcas da contorna" adaptadas e transcritas para ser interpretadas con acordeón diatónico. Esta é a proposta que achega De botóns, un cancioneiro para este instrumento realizado de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding. A obra incorpora a este acordeón tradicional pezas de repertorios que van "desde o vocal ata o de gaita, pasando polo das murgas e orquestinas, o propiamente acordeonístico ou o de outros instrumentos coma violinos e harmónicas", escritas en linguaxe musical convencional con cadansúa proposta harmónica e rítmica.