Ir ao contido directamente.


Noticias

Chega a versión orquestral de Memorias dun Neno Labrego

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle este xoves 26 de novembro a estrea dunha peza singular. A Real Filharmonía de Galicia (RFG) interpretará por vez primeira Memorias dun neno labrego, composición do músico orixe galega asentado en Nova York Aaron Siebert a partir a obra homónima de Xosé Neira Vilas. A peza, encargada pola RFG dentro da súa aposta polos compositores noveis da comunidade, "é unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vencellada ao mundo reflectido na devandita novela", segundo explica o compositor. "A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia".

Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario

Xénero: Pop | 23 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

Desde hoxe xa está en plataformas e á venda o que é o quinto traballo de Guadi Galego, Costuras, un disco autoeditado e distribuído a través de Altafonte. A cedeirense presenta neste novo disco 10 temas dos que ao longo das pasadas semanas xa foi deixando coñecer algúns deles coma o que dá título ao álbum. Todas as cancións son composicións de Guadi, nalgunhas conxuntamente co Carlos Abal, parella de vida persoal e musical, e tamén resultas de importancia par ao resultado final as achegas dos músicos Pau Brigada e Vic Moliner ao cargo da produción no Estudi Olivera de Banyoles, onde se gravou este Costuras igual que xa se fixera con anterior traballo Immersión(2019). Ademais a nivel de outras colaboracións o disco conta coas da cantante catalá Paula Grande, na vitalista O que ha chegar e as poetas Antía Otero intervindo cunha das súas poesías xa editadas en Zocos, e Marina Oural que fai o propio en Só con amor, a canción que pecha este disco. Ademais de no apartado musical Costuras conta súa versión física cunha obra do artista plástico Ricardo de Barreiro, que aparece tras da gris capa do disco a través da acción de rascar na portada coma nun xogo de "rasca e gaña".

Outono Códax festival saca adiante unha edición de tránsito cara o décimo aniversario

Xénero: Miscelánea | 20 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

Este ano 2020 ao Outono Códax Festival de Santiago tocáballe celebrar o seu décimo aniversario. A organización do evento preparaba para a ocasión un cartel de excepción como a efeméride merecía con ampla presenza internacional, pero a situación sanitaria demostrou xa hai meses que non ía ser posible levar ese plan adiante. Demostrando a súa capacidade de adaptación o Outono Códax quixo manter unha cita co seu público sen deixar baleiro o 2020 pero tamén sen esgotar a posibilidade desa celebración de aniversario cun evento á altura do fito. É por iso que a edición que ven de presentar onte cartel non leva ese X da década de éxito e só aparece como Outono Códax Festival 2020, xa que será no ano cando tal celebración teña lugar en mellores condicións como é de agardar. Con todo, no que queda de ano o festival que segue a contar co apoio da adegas Martín Códax presenta unha oferta moito máis que digna para as circunstancias, tanto que as poucas entradas dispoñibles (polas restricións de capacidade) para algúns dos catros concertos que se levarán a cabo se esgotaron aos poucos de sacalas á venda. O evento como tal comezou a pasada semana coa inauguración da exposición Carteis e outras impresións da ilustradora Rebeca Losada no local de A Reixa Tenda e a presentación do poemario Desconocernos de Guille Galván (letrista de Vetusta Morla)

O ourensán Daniel Minimalia faise cun Grammy Latino

Xénero: Fusión | 20 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O músico ourensán Daniel Minimalia conseguiu o triunfo nos XXI Premios Grammy Latinos. Na gala destes galardóns internacionais, que se celebrou na noite deste 19 de novembro en Miami, o seu álbum Terra revelouse como mellor traballo instrumental do ano. Minimalia, que xa optara a este premio en 2017, lanzou en abril deste 2020 o seu novo disco coa discográfica Larrosa, a afondar na súa exploración da world music e a incorporar aires de Sudamérica ás súas composicións. Como novidades no álbum, o músico integrou por vez primeira voz a algún dos seus temas ademais de contar con colaboracións musicais, xa que ata o momento era o propio Minimalia o responsable de todas as interpretacións dos seus traballos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos analiza a tradición en feminino

Xénero: Folk | 19 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O Concello de Rianxo acolle este 22 de novembro o encontro Tradición en feminino. A Asociación de Gaiteiros Galegos coordina esta iniciativa que pretende "reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural". No programa, que se poderá seguir en liña a través do Facebook do colectivo, Maruxa dos Rosales, percusionista de Rianxo, dará a coñecer a súa experiencia pioneira como parte un grupo de gaiteiros desde os anos 60.

Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa

Xénero: Rock | 18 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

Este pasado luns, 16 de novembro, a sala de concertos Mardi Gras da Coruña facía o seu 21 aniversario, nun contexto no que a súa actividade está totalmente impedida polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia desde o pasado mes de agosto. Tras ver pechar outras salas importantes da súa área coma o Bâbâ Bar e o Fórum Celticum os responsables da Mardi Gras quixeron comezar a poñer as ferramentas necesarias para a súa permanencia ata a fin da pandemia e argallaron o plan "Salvar a Mardi Gras". Coincidindo co seu aniversario presentaron a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras, un proxecto colaborativo que inclúe a protección das salas coruñesas en risco nestes momentos, agrupadas na campaña #ApoyaTuSala (Mardi Gras, Jazz Filloa, Garufa Club, e o propio Bâbâ Bar en concepto de axuda á liquidación) pero que pretende ir moito máis alá converténdose nun axente cultural máis con alcance fóra dos límites da Coruña, ata en toda Galicia, xa que ése é o rango no que foi rexistrada a súa constitución. Nos dous días que levan coa proposta enriba da mesa xa recibiron máis de 300 correos electrónicos interesándose sobre o xeito de asociarse. Entre os remitentes hai concelleiros e músicos da cidade herculina pero tamén todo tipo de xentes que conciben a Sala Mardi Gras coma parte da súa vida presente ou pasada nestes 21 anos de actividade deste templo musical. Segundo os organizadores hai quen incluso pregunta se pode inscribir como socio xa a un bebé con vistas ao futuro.

Teo Cardalda nomeado presidente da SGAE en Galicia

Xénero: Miscelánea | 13 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

Teo Cardalda (Vigo, 1962) exercerá a representación da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) en Galicia á fronte dun Consello Territorial onde tamén están outros músicos e representantes do audiovisual. O coñecido músico fundador de Golpes Bajos e Cómplices foi designado pola recentemente elixida xunta directiva da SGAE para ser o presidente do Consello Territorial sucedendo a Juan Rivas e Rodrigo Romaní no cargo. Cardalda xa formara parte anteriormente dos órganos de goberno da SGAE na Xunta Directiva e foi vicepresidente de Pequeno Dereito da entidade. No órgano territorial da sociedade de xestión de dereitos está tamén presente o músico Miguel Costas, fundador de Aerolíneas Federales e Siniestro Total, entre outros proxectos musicais, Alberto Gallardo e Raquel Rodríguez Fernández. Coma representantes do colexio audiovisual entran neste consello territorial galego o guionista Víctor Sierra e o compositor Sergio Moure. A SGAE ten a a súa sede galega en Santiago de Compostela.

Sinsal Outono amosa nas redes o resultado das Microresidencias Verbum

Xénero: Miscelánea | 12 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

As Microresidencias Verbum, o proxecto co que o Festival Sinsal sacou adiante unha edición ‘Outono’ xa están estes días a chegar ata o público pola vía virtual. O pouco normal da situación fixo que tamén a adaptación do Sinsal tivese que facerse dun xeito pouco convencional, sen público, sen que os artistas puidesen actuar nas condicións habituais. Usando as instalacións municipais do Museo Verbum de Vigo unha decena de novos artistas galegos da música a escenografía, artistas e investigadores do son e a imaxe levaron a cabo entre eles uns diálogos escénicos nos que traballaron colaborando durante unha semana. Os froitos desas interaccións está a agora a amosarse ao público do festival a través de vídeos que Sinsal vai publicando na rede. O Colectivo Nononon.Lab + Carlos Suárez + Macarena Montesinos + Yugen Kala + Rubén Abad + Mateo Mena + Elena Vázquez son os nomes artísticos que se sumaron nesta experiencia. O primeiro avance amosa a participación de Carlos Suárez e Macarena Montesinos, e nos próximos días se irán publicando máis pezas de vídeo do proceso creativo.

Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical

Xénero: Rock | 9 / 11 / 2020

S4N7_capa.jpg

Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.

O Concello da Coruña anuncia un plan de apoio económico para salas de música ao vivo

Xénero: Miscelánea | 5 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O Concello da Coruña comunicou hoxe que prepara un novo plan de apoio ás salas de concertos da cidade dotado con arredor de 100.000 euros, para axudar a á súa supervivencia. O peche da Sala Bâbâ Bar e do Forum Célticum de Culleredo, así como os crecentes avisos e accións por parte do sector semellan ter acadado resposta no consistorio herculino. O plan será financiado polo Consorcio de Turismo e impulsado pola área de Cultura que dirixe a alcaldesa, Inés Rey e na que agora se incorpora o músico Rómulo Sanjurjo. A fórmula elixida para apoiar estes espazos de música ao vivo será mediante a sinatura de contratos de patrocinio individuais con cada un deles e cos que se sufragará a realización de concertos e eventos nesta recta final de ano. A intención é que este tipo de negocios, especialmente afectados pola crise sanitaria, poidan terminar 2020 cun balón de osíxeno co que compensar as grandes perdas económicas que están a sufrir polas restricións derivadas da pandemia. Esta novidade irá acompañada dun decreto da Concellería de Urbanismo, en que se permitirá a apertura deste locais para a realización dos eventos programados. En caso de non poder organizalos de xeito presencial, este patrocinio daralles a opción de ofrecelos ao público en retransmisións en liña.

<< Inicio / Anterior . 651 a 660 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR