Noticias
Previsións optimistas para unha etapa de festivais diferentes
Xénero:
| 25 / 5 / 2021As posibilidades dun verán con medidas restritivas máis relaxadas e mesmo de capacidades de asistencia superiores ao milleiro de persoas dá esperanzas a promotores que van deixando ver os seus proxectos de festivais. Así nestes días comezan a presentarse xa cada vez máis carteis e programas de eventos, que pouco a pouco van enchendo o calendario desde agora mesmo e ata a fin de setembro. Se xa había algunhas pequenas citas que foron de punta de lanza moito antes, agora son cada vez máis as citas que, reconvertidas e coas limitacións debidas, aventúranse a intentar de novo atraer ao público e manter viva a actividade cultural e lúdica da que tanta xente da cultura depende. Actualizamos a lista destes eventos coas últimas novidades.
Morre Xerardo Moscoso, antigo membro de Voces Ceibes
Xénero:
| 24 / 5 / 2021O médico e dramaturgo Xerardo Moscoso, un dos fundadores do movemento Voces Ceibe, falecía este domingo 22 de maio en Coahuila, México, aos 76 anos de idade. Moscoso, que sumou as secuelas da Covid-19 a unha longa enfermidade previa, acompañara a súa actividade profesional na medicina cun intenso labor cultural vencellado durante anos ao teatro e mais ao ámbito cinematográfico. Fillo de galegos emigrados, Moscoso estudou a carreira en Santiago de Compostela e, en 1968 participou da creación do colectivo Voces Ceibes, que marcaría o desenvolvemento da música galega.
A Xunta traballa en protocolos para espectáculos ao aire libre de ata 10.000 asistentes
Xénero:
| 24 / 5 / 2021O sector dos espectáculos, nomeadamente da música, está agora mesmo pendente das posibilidades de levar a cabo a súa actividade coa chegada do verán. O 19 de xuño realizaranse cinco probas piloto en cinco concellos diferentes para poñer a proba un modelo de protocolos de prevención que faga posibles os eventos de entre 1.000 e 10.000 persoas ao aire libre. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e de Cultura, Educación e Universidade, Julio García Comesaña e Román Rodríguez, informaron sobre os protocolos sanitarios nos que a Xunta de Galicia está traballando con vistas de que unha mellorada situación sanitaria permita que concertos, festivais e verbenas poidan volver a celebrarse de xeito seguro con ata 1.000 asistentes de pé ou ata os 10.000 asistentes sentados en función das características do recinto.
Os Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen o Festival de Ortigueira
Xénero:
| 24 / 5 / 2021A vixésima edición dos Premios Opinión de Música de Raíz celebrou na noite do venres 21 de maio a súa gala. Na mesma, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira recibiu o premio Andaina Senlleira en recoñecemento ao seu labor a prol deste tipo de música ao longo das súas trinta e cinco edición. No fallo, destácase que o encontro é "un referente no mundo festivaleiro" que "co paso dos anos o grande espírito lúdico e a calidade presente no escenario fixeron de Ortigueira un lugar moi especial e unha cita ineludible para moitas persoas". Os responsables do evento afirmaron a súa intención de recuperar a cita para o verán de 2022 logo da pausa motivada pola pandemia.
'Grande Amore' presenta álbum debut homónimo
Xénero:
| 21 / 5 / 2021Hoxe é o día de presentación oficial do álbum íntegro de debut de Grande Amore, nome artístico de Nuno García Pico para a súa proposta musical persoal máis alá de formar parte do grupo Oh! Ayatolah. O do Valadouro puxo título homónimo a este primeiro traballo no que reúne as cancións que xa leva un tempo presentando con outras a maiores ata completar os nove cortes do disco editado por Ernie Records. Nove cancións de calado post-punk, electrónicas e industriais que se sitúan conscientemente no rock underground e que que consegue darlle unha volta nova desde unha perspectiva moi persoal a unha postura musical e narrativa herdeira directa dalgunhas das propostas máis alternativas dos oitenta.
Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco
Xénero:
| 20 / 5 / 2021O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).
Eloi Caldeiro presenta o seu disco de homenaxe a Xela Arias
Xénero:
| 19 / 5 / 2021Dez poemas tirados dos poemarios Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos compoñen a homenaxe que Eloi Caldeiro lle presta a Xela Arias. O músico de sarria acaba de lanzar no selo Sons Galiza e no marco da colección "O son da palabra" o álbum O equilibrio dos tigres. O músico apostou por rock e pop con sonoridades dos anos oitenta ou polo blues para adaptar os versos da autora celebrada no Día das Letras Galegas. O proxecto, que conta co apoio do Concello de Sarria e da Consellería de Cultura, conta cunha tiraxe de 1.500 exemplares que saen á venda en formato libro-CD. Caldeiro realizou a adaptación e gravacion dos temas en apenas dous meses.
Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos
Xénero:
| 14 / 5 / 2021O Concello de Pontevedra recuperou este ano a programación Cabos Soltos vinculada neste caso ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade. Cabos Soltos naceu en 2019 coma unha resposta desde o Concello aos problemas para a programación de concertos ao vivo nos locais da cidade ante os cambios na Lei de espectáculos de Galicia e como apoio á hostalería e á cultura local e neste 2021 volve en forma de xornadas técnicas coordinadas por Patricia Hermida da empresa Dotbeat, os días 19, 20 e 21 de maio, ademais da programación dun concerto "piloto" na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga.
O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
Xénero:
| 11 / 5 / 2021A reconversión chega aos festivais ante as limitadas posibilidades pandémicas e mentres os máis multitudinarios deixan pasar outro ano máis sen mover ficha algúns buscan formatos que lles axuden a sacar adiante a súa proposta de marca. É o caso do Atlantic Fest, que o pasado ano ía comezar unha nova andadura en Vilagarcía de Arousa tras catro anos a celebrarse na Illa de Arousa , pero viu imposible a súa celebración coas circunstancias. Dende entón a promotora New Live estivo a facer un esforzo de loxística para facer posible este ano a realización do evento e agora presenta unha proposta de 12 días de concertos cun cartel baseado en nomes da escena "indie" estatal, que abrirá e pecharán dúas propostas galegas, Ortiga e Verto.
Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica
Xénero:
| 7 / 5 / 2021Embruxo (Raso Estudio) é o novo traballo de Baiuca, nome artístico co que Álex Gullán está rachar barreiras entre a música electrónica e tradicional e puxo en primeiro plano a etiqueta da 'folktrónica'. Hoxe xa sae á luz o traballo completo, o segundo tras aquel sorprendente Solpor (2018). Inspirado abertamente en cantigas e mitos o disco trae dez temas, nomeados no título cun substantivo único (coma no primeiro disco) e con connotacións claramente esotéricas e antropolóxicas: Meigallo, Veleno, Luar, Romaría, Conxuro, Lavandeira, Diaño, etc. A reinterpretación do son tradicional coas ferramentas da electrónica do século XXI non renuncia entrar na visión máis tribal do noso legado cultural. Tampouco renuncia á invitación ao baile, parte indiscutible desa tribalidade. Baiuca esconxura coa súa alquimia dacabalo entre o dixital e o analóxico, os samplers e as cantareiras, a parte máis máxica da nosa relación coa natureza e universo como galegos. Neste fito Baiuca fíxose acompañar por persoalidades tan potentes do novo folk coma o asturiano Rodrigo Cuevas, o percusionista Xosé Lois Romero, o frautista e gaiteiro Cristian Silva e o grupo de pandereteiras e cantareiras Lilaina, que achegan esa necesaria conexión coa cultura ancestral feminina das meigas a través das súas potentes voces. Segundo se comunica, Embruxo pretende converse nun exercicio" que redefina tanto o alcance da música tradicional como da electrónica de club e que resinifique os códigos da cultura ancestral galega". O artista presentará en concerto este novo traballo o vindeiro 21 de maio no Auditorio Mar de Vigo, dentro do ciclo TerraCeo e stá tamén confirmado dentro do Orballo Cultural na Costa da Morte, para o verán.