Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Morre Xerardo Moscoso, antigo membro de Voces Ceibes

O MéDICO, MúSICO E DRAMATURGO, FALECEU EN MéXICO AOS 76 ANOS DE IDADE

Morre Xerardo Moscoso, antigo membro de Voces Ceibes

CANTAUTOR | maio 24, 2021

imaxe non dispoñible

O médico e dramaturgo Xerardo Moscoso, un dos fundadores do movemento Voces Ceibe, falecía este domingo 22 de maio en Coahuila, México, aos 76 anos de idade. Moscoso, que sumou as secuelas da Covid-19 a unha longa enfermidade previa, acompañara a súa actividade profesional na medicina cun intenso labor cultural vencellado durante anos ao teatro e mais ao ámbito cinematográfico. Fillo de galegos emigrados, Moscoso estudou a carreira en Santiago de Compostela e, en 1968 participou da creación do colectivo Voces Ceibes, que marcaría o desenvolvemento da música galega.

Dentro da súa carreira musical, gravou catro EPs e, en 1977 o LP Acción Galega, único da súa carreira. O seu compromiso político e cultural levouno ao exilio en Francia e suíza entre 1973 e 1976, e no seguinte ano tivo que voltar a México por problemas coa súa nacionalidade e presións das autoridades. Neste país, logo de participar na industria cinematográfica en diferentes roles, centrou a súa actividade cultural no teatro como ferramenta de transformación social. Nesta liña fundou en Coahuila o grupo La Gaviota, formado por estudantes e persoas de clase obreira. Con esta formación voltou de xira a Galicia en 2007.