Previsións optimistas para unha etapa de festivais diferentes
maio 25, 2021
As posibilidades dun verán con medidas restritivas máis relaxadas e mesmo de capacidades de asistencia superiores ao milleiro de persoas dá esperanzas a promotores que van deixando ver os seus proxectos de festivais. Así nestes días comezan a presentarse xa cada vez máis carteis e programas de eventos, que pouco a pouco van enchendo o calendario desde agora mesmo e ata a fin de setembro. Se xa había algunhas pequenas citas que foron de punta de lanza moito antes, agora son cada vez máis as citas que, reconvertidas e coas limitacións debidas, aventúranse a intentar de novo atraer ao público e manter viva a actividade cultural e lúdica da que tanta xente da cultura depende. Actualizamos a lista destes eventos coas últimas novidades.
Galegote Rock abre calendario
Esta mesma fin de semana o Galegote Rock volve a Pontevedra con toda a súa carga de música potente en galego, recuperando o 80% das bandas que estaban previstas o pasado ano. 28, 29 e 30 de maio pasarán polo Galegote ata 15 propostas musicais co nexo común do idioma e divididos en dous espazos da cidade diferentes: Palco da Música da as escaleiras das Palmeras, no paseo Rosalía de Castro.. Os concertos, que van desde as 13:00 horas ata as 22:00 na find e semana, son de balde pero terán as limitacións de capacidade esixidas. Por este Galegote Rock pasarán Su Garrido Pombo; TNT Band; Moucho; Monoulious Dop; Arturo Delgado; Peña; Zeltia Irevire; Noiteaka + 2Pasos; O Cadelo Lunático; Lume; Pauliña; A Rabela; Desjobernaos; Los Rastreadores; Laura Lamontagne & Pico Amperio.
SonRías coma ciclo
Do mesmo xeito que días atrás presentábase o Atlantic Fest de Vilagarcía reconvertido en ciclo de concertos ao longo de doce días, agora é outros dos festivais de tamaño medio con tradición, o SonRías Baixas de Bueu quen segue ese mesmo camiño. Entre o 3 e o 8 de agosto , ao longo de seis xornadas que son o dobre que en anteriores edicións, SonRías Baixas 2021 ofrecerá unha programación musical impregnada co espírito do festival. Coa intención de poder achegar unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade do público e artistas durante a súa celebración, SonRías propón un programa de sesións nocturnas, con dous directos cada noite. O equipo do SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos (23, 26 e 29 euros) en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos corresponderase, fisicamente, cun espazo organizado co seu propio equipamento e circuíto de seguridade de prevención da covid-19. As entradas xa están á venda desde onte e o cartel contará este verán con Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa.
Todo cambia no Ourenrock
O festival Ourenrock elixe cambiar pero saír adiante. Para iso cambia as súas datas ata agora habituais, de xuño, por outras en agosto (28 e 29) e ademais reducirse a unha versión XS, coas que xa tivemos que familiarizarnos o pasado ano. Por cambiar, o evento buscou tamén un espazo alternativo a Bemposta nos terreos da Ínsua dos Poetas no Carballiño e un cartel algo máis pop dos habituais, no que encabezan un días Iván Ferreiro e no outro M-Clan e no que tamén están Indomable e a cantante Lau. Polo tanto este ano agás a propia marca de Ourenrock o evento estará bastante difícil de recoñecer pero aínda así pode ofrecer dous días de música en directo nun bo entorno.
Barbeira aposta forte
A pesares de todas as limitacións, en Baiona o Barbeira SeaSon Fest fai unha forte aposta cara ese final de mes de agosto no que conta con que se teña logrado xa a inmunidade de grupo e ofrece un potente cartel para os días 28 e 29. Ata quince nomes encabezados pola banda indie Viva Suecia e con nomes da escena alternativa e independente do estado como Ladilla Rusa, Confeti de Odio, e os vigueses Basanta entre outros comaTronco, Mujeres, Laborde, Los Marcianos, Aiko, Carlota, Malamute e Chef Creado. Os abonos xa están á venda.
O Esmorga Fest volve
Completamente fóra das súas datas o Esmorga Fest de Sarria celebrarase finalmente nunha única xornada o 24 de xullo. Os organizadores xa comunicaran meses atrás a súa intención de sacara adiante este ano festival levando a súa celebración ao verán. E será nesa data de fin de semana cando na vila luguesa teñan lugar ata tres concertos ao longo do día. O cartel conta co dúo Niña Coyote eta Chico Tornado, os sempre vixentes Holywater de Lugo e Depresión Sonora.