Noticias
A música entra polos portos de mar
Xénero: | 8 / 10 / 2021
'Porto Maresía' e 'Noites do Porto' son dúas iniciativas que veñen de ser presentadas con apenas días de diferencia e que coinciden en ofrecer ciclos de concertos nun contexto de cidades costeiras portuarias, e mesmo usando algunhas das infraestruturas a tal fin. As instalacións do Palexco, no porto da Coruña coinciden en ambos programas. Do 29 ao 31 de outubro, nos terreos portuarios desas instalacións terán lugar os concertos abrindo con iso este espazo simbólico da Coruña á cidadanía. Alí instalarase o escenario e a carpa para as tres sesións, nas que o público poderá gozar de pé da música dos andaluces Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Califato ¾ (29), Bad Gyal (30), e Xoel López e Ángel Stanich (31). O ciclo está organizado desde a promotora Masgalicia e de momento, a capacidade máxima será de 1.000 persoas de pé, mais agardan poder aumentala a 1.500.
O mellor da música galega do ano en 51 nomes
Xénero: | 7 / 10 / 2021
As Bodegas Martín Códax, en Cambados, foron o escenario este mércores 6 de outubro do encontro de finalistas dos 8º Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo. No acto déronse a coñecer os nomes das 51 bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final desta edición 2021 e dos proxectos finalistas na categoría de Comunicación e Difusión Musical. O domingo 3 de outubro finalizaban as votacións do xurado dos Premios, a partires de agora, do 11 ao 24 de outubro serán as socias e socios de Músicas ao Vivo, as que voten entre os proxectos finalistas, e o 27 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, celebrarase a gala de entrega.
Soa Bonaval convida a reinterpretar o son tradicional
Xénero: | 4 / 10 / 2021
Concertos, conversas e itinerarios sonoros compoñen o programa da primeira xeira do festival Soa Bonaval. O Museo do Pobo Galego organiza este evento que entre os vindeiros 22 e 24 de outubro achegará a Compostela os concertos da asturiana Lorena Álvarez, os pontevedreses Peña, ou o compostelán Libredón, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital. Ademais, o programa achega a estrea do proxecto Exvba, que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font e que foi creado de xeito específico para a igrexa de San Domingos de Bonaval.
A Xunta patrocina o circuíto 'Música en Salas' con Clubtura
Xénero: | 1 / 10 / 2021
A falta de coñecer as condicións nas que se levará a acabo a actividade cultural en recintos pechados neste outono, onte fíxose público que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Salas de Música ao VivoClubtura para a posta en marcha dun novo circuíto co título de 'Música en Salas' con máis de 100 concertos ata decembro de 2021 nos espazos membros deste colectivo. O programa, que pasa a formar parte da carteleira cultural para o Xacobeo 21-22, conta cun orzamento de 200.000 euros, deles 140.000 resérvanse para os cachés artísticos e os 70.000 restantes destínanse a gastos de produción, protocolos de seguridade e demais conceptos de coordinación e xestión.
Facer recollidas hoxe
Xénero: | 30 / 9 / 2021
Nun momento no que os arquivos sonoros reclaman a súa importancia na creación musical do país, aparece a cuestión de onde fica o traballo de recollida da tradición. Fronte ás voces que sinalan que xa non é posible conseguir nada novo neste ámbito, investigadoras como Xulia Feixoo reivindican a necesidade de seguir achegándose ás fontes. O proceso, no entanto, enfronta tamén a problemática dos dereitos destas persoas sobre ese material. Abordamos con esta entomusicóloga as posibilidades das recollidas contemporáneas.
A gaita e os seus intérpretes nas paredes do museo
Xénero: | 29 / 9 / 2021
O Museo de Pontevedra inaugura mañá a exposición "Gaiteiraos" no claustro do edificio Sarmiento. Esta mostra presenta un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia feitos polo artista César Lombera, moi coñecido pola súa faceta de escultor. A través destes 35 debuxos Lombera pretende reivindicar a figura do gaiteiro como un exemplo do patrimonio inmaterial galego. Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar o xoves, día 30 de setembro, ás 20:00 h e poderá visitarse ata o 28 de novembro. O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección do propio museo provincial, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita. Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión.
Cita co rock galego para o outono na Estrada
Xénero: | 29 / 9 / 2021
Un novo festival ven de sumarse ao circuíto galego destes eventos e faino deslocalizándose temporal e xeograficamente , colocándose no calendario de outono escaso destes eventos, centrándose no rock de artistas e bandas galegas e ademais convocando desde a Galicia interior, na Estrada, unha localidade que xa tivo algúns intentos previos de organizar este tipo de evento, sen resultado ata agora. A primeira edición do festival Son dos arrieiros da Estrada, organizada desde a produtora Dotbeat! ofrece un programa que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres. O cartel. Xa presentado, inclúe tamén nomes como Novedades Carminha, Heredeiros da Crus e Terbutalina.
Un documental en liña recolle a historia do festival Cantos na Maré
Xénero: | 29 / 9 / 2021
A evolución do festival Cantos na Maré desde a súa xestación en 2003 en Pontevedra ata a súa primeira edición compostelá. Este é o contido de Cantos na maré, 2003-2020, que se presentou o pasado 22 de setembro a coincidir coa última xeira do evento e que chega agora ás redes. O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística recolle o audiovisual íntegro, que participou do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.
A Reixa trae ao galego as historias de Little Neno
Xénero: | 28 / 9 / 2021
As aventuras dun cativo que, cada vez que soña, coñece unha banda histórica da música pop e rock. Esta é a premisa da colección "Little Neno", unha proposta que procura achegar os máis cativos á música con textos de Dani Llabrés e debuxos de Jaime Pantoja, e que agora ve a luz na nosa lingua. A tenda compostelá A Reixa dá o paso á edición cos dous primeiros volumes do proxecto, Little Neno descobre os Beatles e Little Neno descobre os Rolling Stones.
Paraíso Canto e Charanga Trébede gañan o certame Interritmos
Xénero: | 28 / 9 / 2021
A nova edición do certame 'Interitmos: Sons do Rural' rematou coa proclamación das bandas Paraíso canto e Charanga Trébede como gañadoras tras da audición levada a cabo esta fin de semana pasada no Naútico de San Vicente do Mar entre as seis formacións finalistas. O Concurso, organizado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) coa Asociación de Desarrollo Local Deloa, está destinado a propostas musicais instrumentais ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz. Este certame busca promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz.


