Facer recollidas hoxe
setembro 30, 2021
Nun momento no que os arquivos sonoros reclaman a súa importancia na creación musical do país, aparece a cuestión de onde fica o traballo de recollida da tradición. Fronte ás voces que sinalan que xa non é posible conseguir nada novo neste ámbito, investigadoras como Xulia Feixoo reivindican a necesidade de seguir achegándose ás fontes. O proceso, no entanto, enfronta tamén a problemática dos dereitos destas persoas sobre ese material. Abordamos con esta entomusicóloga as posibilidades das recollidas contemporáneas.
En diferentes foros e publicacións atopamos a idea de que o tempo de facer traballo de campo para recoller tradición, en particular sonora e de baile, xa pasou. O envellecemento e a morte das xeracións que desenvolvían e coñecían as formas populares nestes campos fan pensar a moita xente interesada por estas cuestións que xa non é posible atopar nada novo nas visitas ás aldeas, ou que mesmo o que se poida recuperar estará xa deturpado pola influencia dos medios de comunicación ou por outras formas de socialización e de ocio.
Coller o punto correcto
No entanto, a etnomusicóloga, percursionista e ensinante Xulia Feixóo considera que aínda hai moito que aprender do contacto coa xente maior. Para ela, "estamos a chegar a un momento no que precisamente é moi importante facer traballo de campo. Estamos nun punto de non retorno no que as últimas persoas que viviron en primeira persoa o baile comunal na sociedade tradicional están a morrer, son maiores e agora é o momento de falar con eles". A recoñecer o traballo de tanta xente que durante décadas desenvolveu este tipo de tarefas apunta que "houbo xeracións de compiladores que desde os anos 70 foron recollendo e fixeron moito, pero queda aínda moito máis por facer. Existen zonas onde ninguén foi, das que non se sabe moito ou que foron tratadas de xeito tanxencial e non se compilou todo o que se podía", de xeito que non para ela estas fontes non están en absoluto esgotadas. "Hai moita xente aínda que toca moito e moi ben", destaca. A reivindicar este labor sinala que "eu fago traballo de campo, con Guillerme Ignacio Costa fixemos un libro cunha trintena de tocadoras da parroquia de Gargamala e apareceron moitas cousas que non se coñecían", sinala a lembrar a obra Mulleres de Gargamala! cantares de tradición oral publicada por aCentral Folque, ao igual que o seu traballo Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…
Complemento, contexto e experiencia
Para alén da posibilidade de conseguir novas pezas ou variantes das xa recollidas, Feixóo considera que desenvolver hoxe este tipo de labor "resulta un complemento perfecto ás recollidas xa feitas. Unha cousa non substitúe a outra. Por ter un arquivo sonoro ou moito patrimonio galego non implica que non haxa que contextualizar ou ter máis detalles sobre ese material". A estes contidos suma ademais a aprendizaxe que supón para a propia persoa que investiga esta abordaxe ao patrimonio. "Está a cuestión de vivir en primeira persoa a experiencia da transmisión oral. Moitas cousas só se transmiten así, a emoción que senten polo que che están contando, o afecto polo patrimonio, a conexión que che dá unha persoa ao falar con ela non a atopas nas gravacións".
Novos enfoques, novas ferramentas
As mudanzas na metodoloxía de traballo están en boa medida detrás do potencial que a investigadora ve en continuar coa recollida. "Agora este traballo faise con outros medios, e con outros obxectivos, e hai moito coñecemento". A falta de formación en técnicas de etnografía e de etnomusicoloxía que durante anos existiu e aínda existe no noso país dificultou o desenvolvemento de estándares de investigación neste ámbito. "A nivel de metodoloxía penso que agora aprendemos ou estamos a aprender a facer as cousas moito mellor", explica. "Antes algo que se facía moito era xuntar homes e mulleres de diferentes lugares da mesma parroquia para un baile. E iso está ben para recoller puntos e formas de baile, pero desde o punto de vista da música non era tan correcto. Hai lugares onde en cada aldea se facía un baile diferente, e xuntar unha muller que ía ao baile da súa aldea con outra de dúas máis aló era mesturar universos musicais diferentes, aínda que puidesen cantar xuntas. Iso impedía exprimir matices ou variantes melódicas. Agora temos as cousas máis claras a nivel metodolóxico". Deste xeito, advirte, "mesmo informantes que foron entrevistados mil veces achegan cousas novas. Se paras, te informas, preguntas polos detalles e atendes á realidade etnomusicolóxica ou antropolóxica da zona, son pozos sen fondo".
A evolución
"Cando falo con compiladores históricos cos que teño trato, como Leni, Chisco do Fiadeiro, Miguel Souto ou Montse e Felisa de Leilía dinme que se soubesen daquela o que saben agora, terían traballado de xeito diferente", advirte a investigadora a incidir nesta cuestión. "Naquela altura recollían pezas para montar cousas en concursos e espectáculos, e agora faise todo con máis profundidade", salienta, a lembrar que durante anos as tarefas de recollidas estiveron sobre todo en mans das agrupacións de baile e música tradicional. As propias persoas que desenvolveron durante anos traballos de recollida foron mudando no seu xeito de abordar este labor. "A escoitar recollas de diferentes arquivos vexo a evolución de moitos entrevistadores. Ao comezo ían algo máis a monte, pedíanlle á xente que tocase e cantase, e cando os informantes falaban ás veces cortaban a gravación. Isto tamén o facía Dorothé Schubarth, porque a conversa non era tan interesante e a cinta era limitada, priorizábase o cantar sobre o contar. Chisco nas súas recollas dos anos 2000 xa fai entrevistas espectaculares, boísimas, cando ao comezo insistíalle á xente para que cantase. Hai unha que lle fixo a Concha do Canizo en 2003 que ten contidos antropolóxicos estupendos". Nas recollidas máis recentes, segundo recoñece, "hai de todo, pero penso que temos claro que ter unha melodía descontextualizada non vale de nada. Hai que saber para que era, quen a cantaba, saber as súas variantes e como se cantaba. Aos poucos foise aprendendo".
O factor tecnolóxico
Canda aos cambios teóricos, tamén as mudanzas técnicas contribuíron a mudar o xeito no que se traballa. "A tecnoloxía mudou moito. As cintas en casete", que foron o soporte máis utilizado durante décadas, "tiñan unha calidade moi regular, os agudos fanse moi presentes e os tons medios e os graves atenúanse", detalla esta etnomusicóloga. Ademais, a súa duración limitada influía tamén no xeito de recoller, xa que obrigaba a ser moito máis selectivos nas gravacións. "Agora hai máis opcións e moito máis asequibles" que permiten rexistros con maior calidade, mesmo en formato audiovisual, e sen tantas limitacións en canto a duración. De calquera xeito, e mesmo coas limitacións técnicas e metodolóxicas da época, esta investigadora pon en valor "o traballo das compiladoras que comezaron nos anos 80 e 90. O seu material é imprescindible para nós. Hai informadoras que xa non están e consérvase o seu saber por eles. Paréceme importantísimo contar con esta xente no proceso de abrir os arquivos para a creación contemporánea, son persoas que saben moitísimo desta tradición".
Un patrimonio en mancomún
"A min gústame ver este labor sobre o patrimonio como un traballo en equipo entre informantes, compiladores, investigadores e usuarios", defende Feixóo. "Eu entendo que a música e baile de tradición oral son un monte en mancomún. Non son propiedade en concreto da señora que canta, senón do lugar e da xeración concretas. É como un patrimonio material, que tamén pertence a alguén nun momento dado pero pasa de man en man", completa a súa visión sobre o material que se recolle. Advirte, no entanto que "entendo que hai que compensar o esforzo de transmisión, e que se hai cartos teñen que ser para todos. Pero non comparto que a canción ou o toque de chifre sexa dunha persoa concreta. Sería da xente toda do lugar ou do oficio concreto, e tamén dos antepasados que o desenvolveron e transmitiron. Cómpre pensar que aínda que se rexistra a unha persoa concreta, moita máis xente pode cantar esa peza", destaca. Nese sentido, "unha protección Creative Commons paréceme moito máis xusta coa realidade do que o Copyright" sobre as gravacións deste material.
Os dereitos na voz
Esta perspectiva sobre o carácter deste patrimonio como unha propiedade común bate, no entanto, cos dereitos específicos que ten cada persoa sobre o rexistro da súa voz e dos datos que comparte. "Ultimamente está a idea de que cómpre protexer a voz como dato persoal, e entón para traballar con este material teriamos que traballar cun consentimento asinado das persoas que entrevistamos", algo que afecta ao traballo directo de recollida, segundo recoñece esta investigadora. "Nin sequera abonda que o autoricen de xeito oral e fique rexistrado, se se vai publicar cómpre o consentimento escrito. Legalmente mesmo os herdeiros da xente gravada terían que asinar un permiso, non polo patrimonio en si, senón porque esa voz é parte dos datos persoais e dos dereitos de imaxe da persoa". A situación complícase aínda máis ao tratamos contidos persoais ou biográficos que aparecen nas gravacións. "No caso de historias de vida temos que tirar de código deontolóxico. Hai cousas duras ou elementos que a persoa pode non querer que se aireen ou se conten. Aí entra o código ético, pero sempre que aparezan temas delicados ten que haber consentimento ou, chegado o caso, empregar pseudónimos ou mesmo non utilizar ese material". Como recomendación xeral, "sempre hai que o falar cos informantes. Coa música é o mesmo, eu sempre o fago e case nunca hai problemas, ás veces fálanche mal dalgunha veciña ou, che contan algún problema familiar e dinche que iso non o poñas, e actúas en consecuencia".
A xestión dos arquivos
O problema da xestión de dereitos das gravacións "están moi presente nos últimos tempos en institucións como o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura ou o Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade do Museo do Pobo. Hai pouco estiven a traballar na Universidade de Valladolid co catedrático Enrique Cámara de Landa, e tamén están a facer estas mesmas consultas. Alí xa están con isto, procurando herdeiros de informantes para ter esas sinaturas". Malia a estas problemáticas, encol do xeito no que se debería xestionar este patrimonio desde os arquivos, Feixóo amósase completamente a prol da publicación en liña do máximo do material posible. "Como investigadora estou radicalmente a favor. Segundo falas con investigadoras de todo o mundo o traballo vai nese sentido, e aquí estamos a quedar atrás. A Fonoteca Mexicana ten todo publicado en Internet, e o mesmo a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos ou os fondos de Alan Lomax. Aquí temos a Dorothé Schubarth a solicitar esa publicación e non somos quen de dar o paso. Está a cuestión dos permisos, mais penso que ten máis que ver co noso minifundismo mental que con esa traba. Desde logo temos que o facer, tanto para investigación como para a xente en xeral, poder acceder a este patrimonio e divulgalo. A recollida só ten sentido se se divulga, se contextualiza e se investiga ese material. Recoller é só unha cara da moeda".
O interese pola recollida
Feixoo, para alén do seu propio traballo de campo sobre música e baile tradicional, tamén desenvolve iniciativas de formación neste ámbito. Diferentes localidades e entidades teñen acollido obradoiros nos que a etnomusicóloga fai unha introdución ás técnicas para esta tarefa. "Estou moi satisfeita co resultado e co impacto desta actividade. Houbo xente que participou nos primeiros que din en Vigo e que despois organizou outros nas súas asociacións. Tamén houbo moita xente que logo de participar se puxo en contacto comigo e que me dá as grazas. En moitos casos dinche que esta actividade foi o empurrón que lle faltaba para se poñer co tema, ao ver que é algo que se pode facer. Iso faime moi feliz, é o obxectivo real do obradoiro para alén de achegar as ferramentas técnicas. Trátase de facer a xente consciente de que o patrimonio é responsabilidade de todos e que é para o usarmos todos, que este traballo colla capilaridade social e se faga máis horizontal".
O potencial da tradición
A investigadora recoñece que este material de recollidas, tanto actual como histórico está a conseguir un especial eco nos últimos anos. "Estamos a comezar a nos dar conta de que o xeito diferencial que nos fai únicos e nos dota dunha importante autoestima cultural é o noso patrimonio inmaterial e a lingua. Iso xa o fixeran outras xeracións desde colectivos vencellados ao folk, pero agora dáse con máis forza e dun xeito máis heteroxéneo e horizontal. Esta mensaxe antes só chegaba a círculos galeguistas ou similares, e agora vexo que hai moitas artistas doutros eidos, como os do jazz, que comezan a coñecer a nosa tradición a nivel melódico ou rítmico. Está a se pór enriba da mesa o potencial deste patrimonio, penso que é un movemento que se botou a andar hai pouco, que está a coller moita forza e é xenial, porque nos dá autoestima como pobo".