Noticias
O Xacobeo incorpora unha programación sinfónica con 30 concertos
Xénero:
| 6 / 8 / 2021O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e mais a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaban este 5 agosto a programación sinfónica prevista para o Xacobeo 21-22, para a que anunciaron un investimento dun millón e medio de euros. Segundo adiantou Rodríguez, esta proposta contempla a realización de trinta concertos, catro xiras musicais e a gravacións doutros tantos proxectos. A Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430 son as formacións que participan da iniciativa.
O ciclo Espazos Sonoros volve da man da Deputación da Coruña
Xénero:
| 5 / 8 / 2021O ciclo 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' chegará, no mes de setembro, a diferentes enclaves patrimoniais da provincia da man das áreas de Cultura e Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo. Este ciclo cancelouse o pasado ano, cando estaba patrocinado pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Ruxe-Ruxe ten moito que expor
Xénero:
| 5 / 8 / 2021A banda de rock bravú Ruxe-Ruxe cumpre 25 anos de actividade ininterrompida neste 2021 facendo música en galego. O festexo está a tomar varias formas, desde un traballo discográfico de homenaxe ata esta exposición que xa está aberta na Zona C de Santiago. O espazo recentemente recuperado polo Concello para a cultura na Praza de Cervantes acolle a mostra "Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico", unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical desta banda.
A Xunta concreta o seu apoio á Orquestra Sinfónica en 3,5 millóns de euros
Xénero:
| 5 / 8 / 2021Tal e como anunciaran no pasado mes de xuño, a Consellería de Cultura e o Consorcio para a Promoción da Música asinaron este 4 de agosto dous convenios polos que a primeira entidade achega 3,5 millóns de euros ao funcionamento da segunda, responsable da Orquestra Sinfónica de Galicia. Estes fondos, recollidos nos orzamentos para 2021, supoñen un incremento no apoio autonómico á Orquestra, xa que aos habituais 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación súmanse outros 800.000 euros "como achega extraordinaria para a realización de actividades co gallo do Xacobeo 21-22".
O Resurrection revive xa este agosto
Xénero:
| 3 / 8 / 2021Cos abonos esgotados para a vindeira edición en 2022 do festival de rock duro Resurrection Fest, a organización do festival ven de presentar un evento en formato reducido para este agosto. O Resurrection Fest Estrella Galicia Limited 2021 presenta tres días de concertos en Viveiro entre o 26 e o 28 de agosto e inclúe a proposta, tan escasa nestes momentos, de ter bandas da escena internacional no cartel. Ademais no cartel inclúense grupos españoles e destacadas formacións galegas coma Bala, Aphonnic ou True Mountains.
As axudas de distribución para cultura reparten 460.000 euros
Xénero:
| 3 / 8 / 2021O web da Axencia Galega das Industrias Culturais recolle a adxudicación das subvencións a actvidades de distribución para industrias culturais. A liña de axudas distribúe nesta ocasión 460.000 euros cos que se apoia na maior parte dos casos a presenza exterior de propostas culturais galegas nos campos das artes escénicas e musicais. As iniciativas de teatro e novo circo reparten 280.152 euros destas axudas, mentres que os 179.447 destínanse a xiras e promoción da música do país. As axudas chegan a un total de 65 grupos e compañías da escena cultural galega.
Crece a axenda da segunda quincena de agosto
Xénero:
| 30 / 7 / 2021Cambiamos de mes e vaise deseñando un novo calendario, engadido ao que xa sabiamos da primeira quincena, cos principais eventos que terán lugar a finais de agosto e primeiros de setembro. Nesta semana foron enchéndose as axendas coas novas confirmacións en forma de datas e nomes, case todas sacando xa á venda as entradas, de obrigada reserva ante a restricións de capacidades aínda existente. Hoxe traemos as novidades dalgunhas destas citas que son musicais pero tamén engaden nalgúns casos actividades culturais máis alá dos concertos. Compre meter en axenda estas posibilidades.
O TradFest volve levar a Santiago a variedade da música de raíz
Xénero:
| 28 / 7 / 2021Santiago de Compostela festexará o vindeiro sábado 31 a contemporaneidade da música galega de raíz cunha nova edición do TradFest, que inclúe 20 concertos, ruadas e unha feira de artesanía, entre outras actividades, coa participación de máis de 60 artistas galegos e internacionais. A nova edición volve a realizarse no parque e igrexa de San Domingos de Bonaval usando varios palcos polos que pasará un abano de artistas representando unha gran variedade de estilos e estéticas dentro da música tradicional: o Cuarteto Caramuxo, Marcos Coll , Caldo, Caamaño & Ameixeiras, Tobie Miller, Najla Shami, Mulleres de Gharghamala!, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Grupo 1500, Os da Porfía, TOR, Mozart á galega, Antonio Prado e Miguel Vázquez. O evento pechará cunha foliada ao vivo na praza da Quintana que contará coa participación da Banda da Crechas e convidades de luxo: Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras, Sheila Patricia. Todas as actuacións son de balde pero é precisa a retirada previa de entradas.
Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira premios Rebulir 2021
Xénero:
| 28 / 7 / 2021Mediante un comunicado deuse a coñecer a decisión do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021, un recoñecemento creado desde a asociación cultural do mesmo nome, para sinalar persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Tres galardóns en tres categorías outorgou onte o xurado: Música galega, Artes escénicas e un premio de Homenaxe. Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o escollido pola comisión para recibir o premio Homenaxe, "pola súa contribución a literatura galega, e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova", segundo o fallo. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. O músico Xabier Díaz tamén resultou recoñecido co premio Rebulir, "pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fora de Galicia". Na categoría de Artes escénicas o xurado decidiuse por galardoar ao espazo infantil da TVG, Xabarín Club, "por ter contribuído desde o audiovisual, e máis concretamente desde a animación, a normalización lingüística e difusión da cultura galega", di o xurado. O acto de entrega de ditos galardóns terá lugar o sábado 18 de Decembro de 2021, no marco da Gala Central do Festival Internacional Rebulir 2021, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo de O Picouto (Concello de Ramirás).
Fábrica de Espejos presenta 'Mundo incerto'
Xénero:
| 22 / 7 / 2021Tras dous EP, en 2018 e 2019 o grupo chantadino Fábrica de Espejos presenta o seu primeiro traballo longo Mundo Incierto (Ferror Records/Facela, 2021). A banda formada por Leticia Iglesias (voz), Isaac Ferreiro (voz, guitarra), Alex Pacheco (baixo), Hum Novoa (guitarra) e Ángel Novoa (bases electrónicas) ofrece neste traballo gravado con Arturo Vaqueiro á produción en Abrigueiro (Friol) 11 temas que poden ser moi diferentes entre si ao pasar con naturalidade de sonoridades da música electrónica e synth pop a ritmos acústicos máis rock ou folk. O traballo manten como nó de coherencia as súas letras e a cadencia vocal nostálxica e case onírica de Leticia Iglesias atravesando un disco de referencias e influenzas recoñecibles, desde os anos 80 ate agora mesmo, que a banda lonxe de negar ofrece brillantemente pasadas polo seu propio saber facer.