Crece a axenda da segunda quincena de agosto
xullo 30, 2021
Cambiamos de mes e vaise deseñando un novo calendario, engadido ao que xa sabiamos da primeira quincena, cos principais eventos que terán lugar a finais de agosto e primeiros de setembro. Nesta semana foron enchéndose as axendas coas novas confirmacións en forma de datas e nomes, case todas sacando xa á venda as entradas, de obrigada reserva ante a restricións de capacidades aínda existente. Hoxe traemos as novidades dalgunhas destas citas que son musicais pero tamén engaden nalgúns casos actividades culturais máis alá dos concertos. Compre meter en axenda estas posibilidades.
Paisaxes sonoras no Barbanza
Por segundo ano, Paisaxes Sonoras presenta a creación dunha proposta cultural singular baseada na mestura de paisaxes emblemáticas, recursos culturais e turísticos da contorna Barbanza Arousa e propostas artísticas mediante un formato no que a natureza é o escenario principal converténdose na protagonista absoluta da creación artística. Nesta segunda edición, Paisaxes Sonoras consolídase ofertando tres xornadas consecutivas durante os días 27, 28 e 29 de agosto apostando por unha programación con artistas galegas, e nas que a lingua a empregar é un 100% o galego. Esta cita cultural dará comezo cos Heredeiros da Crus o venres 27 de agosto ás 20.00h na praia do Esteiro (Cabo de Cruz). Xa na xornada do sábado, PAISAXES SONORAS transcorrerá por Rianxo coas Tanxugueiras nunha sesión vermú que terá lugar no peirao de Taragoña e á tarde, ás 20.00h con Mercedes Peón na punta de Cabío (A Pobra do Caramiñal). Este ano, entidades locais como son TEATRO AIRIÑOS, o xornalista e divulgador Manuel Gago e as cantareiras de Boiro Lumieira que formarán parte dun programa específico que terá como eixo principal a paisaxe da comarca e que se comunicará nos vindeiros días. O peche do festival, realizarase na Fábrica de Salazón (Ribeira) coa actuación de Baiuca, que actuará por vez primeira na comarca do Barbanza.
Música nas rocas
No Porriño a canteira de Vilafría acollerá unha nova edición, a segunda, do festival Sons da Canteira, un evento que aproveita un enclave especial para levar a cabo con todas as garantías unha xornada tamén especial. A organización ven de confirmar a celebración o vindeiro día 28 de agosto, e o cartel artístico completo, no que estarán Pongo, Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Teresa Ferreiro e Os Penediños de Atios. As entradas sairán á venda este vindeiro luns, 2 de agosto.
FaCeLa en Lugo
O FaCeLa Fest de Lugo ven de presentar o seu ambicioso cartel para unha edición que tamén terá lugar nesas datas finais do mes de agosto. Os días 27 e 28 a cita coa música independente e alternativa traerá á cidade da muralla a Chucho e Soleá Morente coma cabezas dun cartel no que tamén están Mujeres, Parquesvr Menta, Pelazo, From Atomic, Infrarroja, Conducto Coloquio e Tulip.
Cita profesional na Eurocidade Tui-Valença
Xa en setembro dezaoito directos doutras tantas bandas e artistas están programados no encontro profesional de músicas MUMI 2021, que se celebrará do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença. Nove nomes de Galicia e outros nove de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. A oferta para profesionais desenvolverase na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença mentres que algúns dos concertos abertos ao público terán lugar en Tui, no Paseo da Corredoira e na Praza de San Fernando. A Orquestra Galego Portuguesa de Liberación será a encargada de ofrecer o concerto de apertura do MUMI 2021 o xoves 9 de setembro. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do.