Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As axudas de distribución para cultura reparten 460.000 euros

A AGADIC APOIA QUIñENTAS FUNCIóNS ESCéNICAS, CONCERTOS E ACCIóNS DE DIFUSIóN EN MERCADOS FóRA DO PAíS

As axudas de distribución para cultura reparten 460.000 euros

MISCELáNEA | agosto 3, 2021

imaxe non dispoñible

O web da Axencia Galega das Industrias Culturais recolle a adxudicación das subvencións a actvidades de distribución para industrias culturais. A liña de axudas distribúe nesta ocasión 460.000 euros cos que se apoia na maior parte dos casos a presenza exterior de propostas culturais galegas nos campos das artes escénicas e musicais. As iniciativas de teatro e novo circo reparten 280.152 euros destas axudas, mentres que os 179.447 destínanse a xiras e promoción da música do país. As axudas chegan a un total de 65 grupos e compañías da escena cultural galega.

De xeito máis concreto, este orzamento facilitará o desenvolvemento de 500 actuacións así como de 15 accións de difusión "en mercados e feiras profesionais en Alemaña, Bulgaria, Costa Rica, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Reino Unido, así como en numerosas cidades españolas" segundo informa a Agadic. Do total, 53.000 euros apoiarán 44 funcións correspondentes a xiras escénicas dentro de Galicia.

Na listaxe de iniciativas que contan co apoio da Agadic neste campo están a xira de dezaoito concertos que Carlos Núñez realiza en Francia, Reino Unido, España e Portugal, que contan con 25.000 euros. Coa mesma contía PistaCatro desenvolverá 18 funcións en Gran Bretaña e en diferentes puntos da Península, e o espectáculo teatral Fariña fará as 22 funcións da súa xira estatal.

Matarile Teatro obtén 20.000 euros para as súas actuacións na Comunidade Valenciana, Murcia, Cataluña ou Cantabria, mentres que La Macana conta cun apoio de 11.000 euros para unha xira por Alemaña, Italia, España e Portugal de 17 funcións. Once concertos de Novedades Carminha por España (11.000 euros) e Luar na Lubre (6 recitais e 17.000 euros) están tamén incluídos nesta resolución.