O Xacobeo incorpora unha programación sinfónica con 30 concertos
agosto 6, 2021
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e mais a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaban este 5 agosto a programación sinfónica prevista para o Xacobeo 21-22, para a que anunciaron un investimento dun millón e medio de euros. Segundo adiantou Rodríguez, esta proposta contempla a realización de trinta concertos, catro xiras musicais e a gravacións doutros tantos proxectos. A Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430 son as formacións que participan da iniciativa.
A falta de coñecer o calendario completo de actividades, na presentación adiantouse que" a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) inclúe a realización de proxectos extraordinarios con artistas de pop e rock, xiras da orquestra fóra de Galicia (en San Sebastián, Madrid e Santander), actividades vencelladas ao X aniversario das Orquestras Infantís e a Orquestra Nova (OJSG) e concertos dos coros da OSG en igrexas, catedrais e outros auditorios de Galicia. Así mesmo, inclúe a gravación e retransmisión de actividades a través de diversas plataformas virtuais, un proxecto de encargas e estreas e a colaboración co Centro Nacional de Difusión Musical, entre outros". Precisamente na véspera desta presentación, a Consellería anunciaba a sinatura do convenio polo que achegaba á OSG 800.000 euros para a súa participación neste programa, máis da metade do orzamento total do mesmo.
No caso da Real Filharmonía de Galicia, a formación desenvolverá "a xira RFG no Camiño, varios concertos da orquestra (25 aniversario, apertura da tempada...), a realización dunha ópera bufa en galego de Fernando Buide con dramaturxia de Quico Cadaval, varios proxectos de gravación de CDs, un proxecto educativo para público novo e outro de carácter dixital, entre outras accións".
A Orquestra de Cámara Galega, pola súa banda, centrarase en poñer en valor o talento dos músicos e compositores galegos, "con concertos en 10 localidades galegas e a edición de dous discos especiais". Segundo adianta a Consellería de Cultura "neste caso colabórase coa Fundación Rogelio Groba na realización de concertos de cámara nos que será incluída música de compositores galegos, facendo especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e se incluirán accións especiais que poñan en valor os 26 anos na escena musical" da formación. Pola súa banda, a Asociación Orquestra Vigo 430 "realizará un total de nove concertos con ata tres programas diferentes".
Segundo adiantou Rodríguez, os concertos deste programa "estarán distribuídos en diferentes localidades ao longo da xeografía galega, escollendo para unha parte deles lugares de interese patrimonial como igrexas ou catedrais, así como emprazamentos destacados do Camiño de Santiago".
Tamén che pode interesar:
- 15/ 6/ 2018 | A Sinfónica de Galicia aposta por Shostakóvich para a súa nova temporada
- 23/ 8/ 2013 | Víctor Pablo Pérez ofrece hoxe o seu derradeiro concerto á fronte da Sinfónica de Galicia
- 14/ 5/ 2012 | A Sinfónica de Galicia celebra os seus 20 anos no Festival Mozart
- 12/ 9/ 2008 | A revista El Cultural destaca catro concertos en Galicia da temporada sinfónica
- 3/ 5/ 2004 | A Xunta lamenta a decisión da Sinfónica de Galicia de non actuar con Pavarotti