Noticias
O novo Sinsal Museo do Mar ofrece tres xornadas de música en Vigo
Xénero:
| 11 / 11 / 2021Sinsalaudio, organizadores do festival Sinsal, ten unha nova proposta para este mes de novembro tras do recente Sinsal Outono. O Sinsal Museo do Mar 2021, un evento a celebrar na cidade Vigo ao longo de tres xornadas, nas que a organización ofrece un abano de concertos nos que convivirán as propostas de formato tradicional con outras máis conectadas coa vangarda. O cartel contará con bandas e artistas pouco habituais no ecosistema das salas de concertos ou festivais de Galicia. Este 13 de novembro terá lugar no Teatro Afundación o concerto inicial do programa coa presentación da artista portuguesa Luísa Sobral, cuxas creacións transitan entre os universos sonoros do jazz, folk ou indie. Sobral presentará en Vigo un repertorio no que destaca Rosa (2018,) un traballo íntimo e cru da creadora producido por Raül Refree, ou mesmo Luísa (2016), disco aclamado pola crítica portuguesa.
o ciclo 'Música en Salas' impulsará a celebración de 135 concertos
Xénero:
| 8 / 11 / 2021Agora que as restricións sanitarias afrouxaron os seus requisitos, a Xunta de Galicia apoia ao sector da música ao vivo coa posta en marcha dun novo ciclo que, baixo o título Música en salas, ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa, á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento de 200.000 euros, é froito do convenio asinado coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes.
Cancións recupera as letras de Xela Arias para Desertores
Xénero:
| 4 / 11 / 2021As letras que Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021, escribiu para o grupo Desertores voltan á vida. A formación reuniuse este mes de xullo para gravar nun único álbum todos os seus temas con textos da autora e este venres cinco de novembro presenta nun concerto en Vigo Cancións, o libro-CD que publica Edición Xerais a compilar este material.
Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival
Xénero:
| 3 / 11 / 2021Os estadounidenses Kenny Garrett e o Julian Lage Trio encabezan o cartel do Festival de Jazz de Lugo, que celebra este mes de novembro a súa trixésimo primeira edición. Entre os días 5 e 21 de novembro, a Cidade da Muralla acollerá ao amparo deste programa un total de vinte e cinco concertos, con nomes como Dave Weckl & Tom Kennedy Project, Black Art Jazz Collective, Ghost-Note, Huntertones, os británicos Ray Gelato & The Giants, ou o galego Abe Rábade co seu trío. Canda a el, Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Aló Django Quartet, d’A Trío, Viruxe e Alfonso Calvo Septeto completan a presenza galega nesta xeira.
Los Eternos xa pasean o seu novo disco "Sonora"
Xénero:
| 29 / 10 / 2021A banda de Cedeira, Los Eternos, ven de sacar o seu terceiro traballo longo, "Sonora" (Milana Música / Ferror Records), unha nova incursión nas sonoridades da música americana, tras daquel "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) co que regresaban tras un longo silencio de 9 anos. Nesta ocasión a formación ofrecen un disco máis sofisticado e rico en matices, avanzando na súa aposta, que transita desde o pop ao country, nunha evocación de paisaxes típicas do son "western".
Cantigas e Agarimos celebra cen anos en Compostela
Xénero:
| 28 / 10 / 2021Hai cen anos nacía en Compostela o coro Cantigas e Agarimos. Este 30 de outubro o Auditorio de Galicia acolle na capital galega os actos de celebración deste centenario. Baixo o lema 100 anos de Agarimos a histórica formación achega á xornada un obradoiro de baile e outro de pandeireta, unha charla sobre o traxe tradicional galego e as actuacións do coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Ademais, unha exposición fotográfica repasará a historia da formación e realizarase ao vivo un mural conmemorativo do aniversario.
A escena musical reencontrouse nos Premios Martín Códax
Xénero:
| 28 / 10 / 2021A entrega dos 8ª Premios Martín Códax da Música, na noite do pasado mércores en Pontevedra, converteuse no momento de reencontro para escena musical galega tras máis de dezaoito meses de pandemia. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora da gala, expresouse a enorme alegría de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión. Preto de catrocentas persoas gozaron de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da gala dirixida e presentada por Marcos PTT Carballido, que tamén foi retransmitida en liña.
Outono de creadores contemporáneos desde Vigo ao Courel
Xénero:
| 27 / 10 / 2021O outono trae as súas propias citas, impulsadas ademais pola mellora das restricións sanitarias supoñen a promesa dunha actividade cultural que recupera a normalidade, neste caso desde as propostas alternativas. A esencia do Festival Sinsal persiste e Sinsalaudio recupera unha das súas propostas sobranceiras, Sinsal Outono, un ciclo de concertos vinculados á experimentación e á creación contemporánea que se desenvolven en espazos singulares do municipio de Vigo en colaboración co seu Concello. O tempo dos magostos trae tamén o Eidos de Outono, a extensión musical do Festival dos Eidos da Fundación Uxío Novoneyra, unha escolma de músicas contemporáneas marcada pola vangarda e a diversidade de estilos, vinculándose á singularidade e identidade do territorio no que se desenvolve o festival no Concello de Folgoso do Courel.
Ecos de Xorima
Xénero:
| 25 / 10 / 2021En 1981 cinco mozos de Vilalba, Queno Eimil, Xosé Ramón Vázquez, Lalo Baamonde, Carlos Celeiro e Xosé Luis Pernas, uníronse arredor dunha idea musical propia á que puxeron de nome, Xorima e que se mantivo activa ata 1989. Malia que só deixaron tras de si un único traballo gravado en 1985, tanto este disco homónimo Xorima (Edigal) como as súas actuacións en directo foron suficientes para causar unha onda expansiva que aínda chega ata hoxe cun proxecto entusiasta de redescubremento.
O Outono Códax tende unha ponte entre Santiago e Nova Orleans
Xénero:
| 22 / 10 / 2021Este ano o Outono Códax festival coida que pode dar o nivel que busca, coas circunstancias sanitarias a favor, e a organización (Raíña Productions e A Reixa) así o ven de demostrar coa presentación dun impresionante cartel que coloca á cita coma un dos fitos musicais do ano. Para esta XI edición o festival de música negra de Santiago de Compostela pon a súa ollada na cidade de Nova Orleans e nas súas músicas a través das bandas e artistas presentes no cartel así coma dos diversos eventos temáticos programados. Co número 11 por diante, o evento subirá aos escenarios 11 propostas musicais entre o 11 de novembro e o 11 de decembro xuntando baixo a súa marca os sons máis selectos do soul, jazz, swing ou blues a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algúns dos músicos galegos máis relevantes do panorama actual. As entradas saen á venda hoxe mesmo.