Outono de creadores contemporáneos desde Vigo ao Courel
outubro 27, 2021
O outono trae as súas propias citas, impulsadas ademais pola mellora das restricións sanitarias supoñen a promesa dunha actividade cultural que recupera a normalidade, neste caso desde as propostas alternativas. A esencia do Festival Sinsal persiste e Sinsalaudio recupera unha das súas propostas sobranceiras, Sinsal Outono, un ciclo de concertos vinculados á experimentación e á creación contemporánea que se desenvolven en espazos singulares do municipio de Vigo en colaboración co seu Concello. O tempo dos magostos trae tamén o Eidos de Outono, a extensión musical do Festival dos Eidos da Fundación Uxío Novoneyra, unha escolma de músicas contemporáneas marcada pola vangarda e a diversidade de estilos, vinculándose á singularidade e identidade do territorio no que se desenvolve o festival no Concello de Folgoso do Courel.
Sinsal Outono
Sinsalaudio propón para este 2021 catro xornadas experienciais con público, nas que recupera o carácter experimental do ciclo tanto na súa programación coma estrutura. A actividade se concentrará en dous recintos vinculados á creación na cidade viguesa: o Museo de Arte Contemporáneo, (MARCO), que acollerá as sesións sonoras e visuais, e o Conservatorio Superior de Música, no que terán lugar os parladoiros. A primeira das citas comezará este mesmo venres, 29 de outubro, coa conferencia arredor da dimensión electroacústica e multimedia na música de nova creación que impartirá Pedro González, ás 12.00 horas. O programa extenderase ata o martes. 2 de novembro que pechará con outro conferencia a cargo de Henrique Portovedo, que achegará a súa visión sobre a confluencia da música contemporánea portuguesa coa electrónica no parladoiro 'Do acústico ao HASGS. Presentación do Hybrid Saxophone of Gestural Symbiosis'. As dúas charlas terán lugar no Conservatorio Superior de Música de Vigo e contan coa colaboración do Instituto Camoes.
O domingo 31, o MARCO acollerá as propostas de Multiplensemble e Marta Verde & José Venditti. A primeira das actuacións, baixo o título Plasma, chegará da man de Rafael Yebra no saxofón e do vigués Pedro González no violín e electrónica. O dúo combinará as posibilidades que ofrece a electrónica e videocreación. De seguido, será a quenda de OMEN, a performance de artes visuais ao vivo que ofrecerán Marta Verde e José Venditti. Xa na noite do día 1, o saxofonista luso Henrique Portovedo, especializado en música electroacústica e multimedia, presentará tamén no MARCO un programa para saxofóns, electrónica e vídeo. A continuación, os creadores galegos Juanma LoDo e Acacia Ojea baixo a denominación Dead Line, presentarán Nexø, un proxecto audiovisual resultado dunha investigación conxunta de exploración das marxes da luz e o son.
Magosto no Courel
Coincidindo co tempo dos magostos, os Eidos de Outono preséntanse os días 30 e 31 de outubro como a celebración da música e da expresión artística no impoñente marco natural da Serra do Courel. A romaría do século XXI que aposta pola diversidade, a convivencia , a antidisciplinariedade e o exaltación da identidade propia en diálogo permanente coa comunidade global. As actividades terán lugar en dous escenarios da serra: a Praza do Concello en Folgoso, baixo carpa de concertos, e a Casa-museo Uxío Novoneyra, na aldea de Parada. A cantante Uxía repasará, nun directo en formato cuarteto, o repertorio do álbum UXÍA-O (2017) no que se mesturan música, poesía, pintura e fotografía, unha particular homenaxe ao poeta do Courel onde resoan a muiñeira, o ragtime, os alalás e o reggae. Eidos de Outono achega tamén ao Courel un nome recorrente e imprescindible nos festivais de máis sona deste ano, os Califato 3/4, artífices dunha versión propia e singular do folclore andaluz que olla tanto o pasado coma o futuro a través da memoria e a mestizaxe.
Rodrigo Cuevas, fenómeno na música dos últimos anos levará ao Courel a súa axitación folclórica e electrónica coa posta en escena única do seu espectáculo Trópico de Covadonga. Pola súa banda, Wöyza & The Galician Messengers parten dun repertorio tradicional galego, no que fusionan o soul, o gospel, o hip hop e a danza urbana co patrimonio musical e inmaterial galego (Códax, C.Enríquiez, Los Tamara, Emilio Cao) Estas cancións foran presentadas en directo en Frankfurt en 2018. En 2021, o proxecto medra con novas adaptacións de textos clave da herdanza histórica e con cancións feitas desde sempre para o baile. Dúas artistas emerxentes galegas como BABYKATZE e Sila Lua engaden aos Eidos de Outono a electrónica traída de Buenos Aires, Berlin e Londres. As DJs Marta Toro de Vigo e Xabi B, do barrio de Monte Alto, completan unha das programacións máis singulares que ofrece este outono.