Ir ao contido directamente.


Noticias

Esmorga Fest pecha o cartel e Ourensound engade ás Tanxugueiras

Xénero: Miscelánea | 11 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

As boas previsións e un actual clima de positividade na escena musical galega semella que fixaron o momento propicio para que esta semana se comunicasen varias novidades no calendario dos festivais da nosa comunidade, xa para esta primavera. O Esmorga Fest fai novas confirmacións pechando cartel e outros como Revolta do Umia xa saen con elas da casa, tamén traen novas o Ourensound Fest e o Castelo Rock de Muros, que confirma celebración polo de agora para os vindeiros 22 e 23 de xullo .

O Cuarteto Caramuxo fai Reviravoltas

Xénero: Folk | 9 / 2 / 2022

reviravolta_caramuxo.jpg

Este catro de febreiro chegaba ás plataformas dixitais Reviravoltas o novo traballo do Cuarteto Caramuxo. A formación composta por Xulia Feixoo, Marcos Padrón, Felipe Agell, Xoan Carlos Vázquez, Oscar Prieto e Fernando Abreu avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica nos once temas que compoñen o seu cuarto lanzamento

Unha banda sonora para o Día da Clase Obreira Galega

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

A conmemoración do 50 aniversario da xornada de protestas obreiras no Ferrol que rematou coa morte de dous traballadores de Bazán, o 10 de marzo de 1972, terá este ano unha achega musical. O Auditorio de Ferrol acollerá o 12 de febreiro a estrea da peza musical 'Ferrol 1972' dedicada a aqueles feitos e composta para a ocasión polo músico vigués Juan Durán. A peza será interpretada polo quinteto de metais Hércules Brass acompañados por Gabriel López Rodríguez ao piano e Miguel Castro Pérez, Jorge Juan Deaño Núñez e María Isabel Diego Calviño na percusión. O compositor cedeu os dereitos desta obra de 10 minutos á asociación Fuco Buxan, da que partiu o encargo desta conmemoración musical e a propia asociación pona a obra a disposición da clase obreira e dos sindicatos de clase. 'Ferrol 1972' busca, segundo declaración de Juan Durán para o xornal Praza, "debuxar a banda sonora" dun momento importante na loita polos deritor dos traballadores e que deu lugar á celebración anual, cada 10 de marzo, do Día da Clase Obreira Galega.

Paul Daniel deixa a dirección da Real Filharmonía de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

Paul Daniel (Birmingham, 1958), director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia dende 2013, acaba de comunicar a súa decisión de renunciar á titularidade da orquestra ao rematar o vixente contrato, en decembro de 2022. Na súa carta de renuncia o director lembra como ao comezo do seu período coa RFG, declaraba que consideraba que ningún director titular debía ocupar o cargo máis de dez anos. Coa súa saída da orquestra en decembro o británico cumprirá esa marxe dunha década á fronte da formación. O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia fixeron público este feito ao tempo que comunicaron que procurarán ao longo do ano un relevo á altura da traxectoria do director saínte.

O Concello reabre o complexo musical Vigosónico

Xénero: Miscelánea | 4 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

Só uns días despois de rexeitar unha moción do grupo municipal da Marea a solicitar a reapertura do complexo Vigosónico, o Concello Olívico anunciaba este 3 de febreiro a reactivación destas instalacións. O rexedor local, Abel Caballero, presentaba onte en rolda de prensa un programa de formación sobre emprendemento musical que convoca a cámara municipal en colaboración coa Fundación Paideia no marco do Espazo Coworking Go2 Work e que devolverá a actividade a este espazo.

As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo

Xénero: Folk | 3 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.

O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos

Xénero: Cantautor | 28 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.

A noite que Aller Ulloa foi guía científico e espiritual á vez

Xénero: Alternativa | 26 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

Fai 84 anos, tal día coma hoxe, un fenómeno atmosférico pouco habitual puido verse en Galicia e noutras rexións de Europa: unha aurora boreal dunha cor vermella intensa tinguía o ceo nocturno. Corría a noite do 25 de xaneiro de 1938 e o país estaba ademais metido nunha cruenta guerra civil. O extraordinario do fenómeno nestas latitudes e as circunstancias do momento levaron á intranquilidade a moitos paisanos que lle atribuían incluso connotacións relixiosas apocalípticas. En Lalín, moitos deles acudiron a consultar ao sabio que tiñan máis a man, que era o astrónomo e párroco D. Ramón María Aller. El encargouse de tranquilizalos e explicarlles a natureza do que estaban a presenciar nos ceos galegos. O científico ademais tomou as súas anotacións e fixo debuxos sobre a pouco habitual aurora boreal, que quedaron para a posteridade. Tomando esta anécdota como base, outro lalinense, o músico Benxamín Otero, ven de levar a cabo un proceso creativo de composición e gravación dun tema instrumental de 13 minutos de duración que leva por título 'Aurora e Aller'. O traballo en solitario está apoiado polo fondo O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e o artista ven de aproveitar o aniversario da efeméride para presentar o vídeo.

Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena

Xénero: Fusión | 26 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.

Atlantic Fest quere volver en xullo ao formato orixinal

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

A expectativa dunha volta a condicións máis benignas para os eventos culturais anima xa os anuncios previos. Así a organización do Atlantic Fest de Vilagarcía amósase convencida de que este verán que ven poderá ofrecer o encontro co formato orixinal recuperado ao estilo pre-pandemia e pon xa datas. Será entre o 15 e o 17 de xullo cando a cita regrese á Praia da Concha, que ía celebrarse en 2020. Ademais o cartel comeza tamén a deseñarse incluíndo algúns nomes propios: Andrés Calamaro, Fangoria + Nancys Rubias, Los Planetas, Maria Arnal i Marcel Bagés, Rojuu, Los Hermanos Cubero, El Último Vecino, Depresión Sonora, Kora, Las Dianas e Rocío Saiz.

<< Inicio / Anterior . 381 a 390 de 3468 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR