Noticias
O terceiro álbum da Orquestra Galega de Liberación mira alén do Miño
Xénero:
| 10 / 3 / 2022A Orquestra Galega de Liberación suma un novo rexistro ao seu prolífico percorrido como emblema do jazz improvisado. 'Meets Portugal' é o terceiro disco presentado pola OGL en pouco máis dun ano. Como os anteriores foi gravado ao vivo, neste caso recollendo a actuación íntegra feita en Tui o 9 de setembro durante a apertura do encontro MUMI 2021, reunindo músicos galegos e portugueses. Toda a música deste concerto foi improvisada no acto e composta en tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material fora acordado, aprendido ou composto previamente segundo indica a propia OGL. Dezasete músico participan desta gravación, seis deles lusos, feita xustamente na apertura dese evento que representa o encontros entre as escenas portuguesa e galega nas beiras do Miño. Seis temas cuxas execucións supoñen un total de 54 minutos conforman este terceiro traballo desta formación de música que reúne artistas e intérpretes dos distintos ámbitos do mundo clásico, o jazz, a música de vangarda e a performance. 'Meets Portugal' segue ao seu primeiro disco, 'Orquestra galega de Liberación' (2021) co que se recolleu o seu primeiro concerto e a 'Na Loita' (2021) que foi gravado ao vivo no Festival Jazz de Ría de Narón en agosto do pasado ano. O disco está dispoñible en todas as plataformas dixitais, incluíndo You Tube.
Grampoder publica hoxe o seu novo disco 'PM'
Xénero:
| 4 / 3 / 2022O dúo compostelán Grampoder, conformado por dous terzos do trío que foran The Homens, ven de poñer final oficial ao "tempo indeterminado de reflexión e renovación de fondo de armario" co que se despediron en 2015 tras a publicación do seu mini EP 'Tigerland'. A banda xa se deu por "resucitada" dando algúns concertos desde 2019 pero agora é cando esa volta plásmase na forma dunha nova gravación de estudo. O álbum longo 'PM' é a súa nova carta de presentación musical, con este disco de 10 novos temas volven cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.
Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión
Xénero:
| 3 / 3 / 2022Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.
O Son do Camiño presenta o cartel da súa volta en pleno Ano Santo
Xénero:
| 3 / 3 / 2022O festival O Son do Camiño, volve ao Monte do Gozo de Santiago no seu formato orixinal e en pleno Ano Santo e xa ten un cartel case completo que ven de presentar. Máis de 40 nomes artístico conforman a oferta musical de tres días, do 16 ao 18 de xuño, e se ben as cabezas de cartel son artistas da escena internacional (The Chemical Brothers, Liam Gallagher, Foals, Jason Derulo ou Editors) e con ampla presenza de músicas urbanas (C Tangana, Anuel AA, Jhay Cortez, Duki, Justin Quiles, Nathy Peluso ou Nicki Nicole) tamén hai espazo nas letras intermedias e pequenas para os artistas galegos.
Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira
Xénero:
| 2 / 3 / 2022A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.
Dakidarría reúnen todos os seus sinais de identidade en 'Colaxe'
Xénero:
| 28 / 2 / 2022Xa está aquí 'Colaxe' (El Garage Producciones, 2022), o agardado novo disco da banda Dakidarría. Seis anos despois do disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria, o grupo volve e gravar novos temas para esta celebración de 18 anos de actividade nos que nunca deixaron de estar presentes sobre os escenarios e festivais do país. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.
Siniestro Total sáese das estradas pero non para a música
Xénero:
| 24 / 2 / 2022Para Siniestro Total non era o mesmo durmir que estar durmindo (como dicían en 'Camino de la cama') e agora non é o mesmo deixar de facer concertos que deixar de facer música. Nunha rolda de prensa celebrada onte en Madrid, unha das máis grandes e prolíficas bandas de rock da historia de España aclaraba (ou non) os termos do que será o seu derradeiro concerto, o de despedida dos escenarios coincidindo co seu 40 aniversario de existencia. Julián Hernández e Javier Soto acudían ao encontro cos medios acompañados de Miguel Costas, ex-vocalista da banda (deixouna en 1994) para promocionar e contar o que vai pasar o vindeiro 6 de maio no Wizink Center da capital española, que se presente coma o "derradeiro concerto" baixo o nome "40 Años sin pisar a Audiencia Nacional".
Pancho Álvarez e o dúo Caamaño & Ameixeiras parten como favoritos nos XXI Premios Opinión
Xénero:
| 22 / 2 / 2022Mellor disco (Cordas históricas), mellor tema orixinal (Versos na pedra) e mellor artista. Estas son as tres candidaturas que Pancho Álvarez acumula na vixésimo primeira edición dos Premios Opinión da Música de Raíz. Comparte ese número co dúo Caamaño & Ameixeiras, que optan tamén a mellor disco (Aire!), mellor tema orixinal (Mercedes y dolores) e mellor adaptación dun tema tradicional (Maneo de Cambre).
As Tanxugueiras volven a Ortigueira encabezando cartel
Xénero:
| 18 / 2 / 2022O Festival Internacional do Mundo celta de Ortigueira volve este ano e nel volven a estar as Tanxugueiras, como xa estiveron en 2019, pero esta vez no máis alto do cartel. As pandereteiras foron anunciadas esta semana como a fichaxe estrela deste festival de referencia da música folk e tradicional, onde xa estiveron na 41ª edición pre-pandemia. O festival, que se celebrará entre o 10 e o 17 de xullo, tamén confirmou a presenza dos escoceses Red Hot Chilli Pipers.
Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume
Xénero:
| 16 / 2 / 2022Vagalume, terceiro disco en solitario de Álvaro Iglesias, continúa a aproximación á música tradicional galega desde o contrabaixo solista. A seguir a liña que iniciou con Alma en 2018, desta volta o intérprete dálle un especial protagonismo aos nomes convidados nestes dez novos temas tirados da tradición.