Ir ao contido directamente.


Noticias

Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena

Xénero: Fusión | 26 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.

Atlantic Fest quere volver en xullo ao formato orixinal

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

A expectativa dunha volta a condicións máis benignas para os eventos culturais anima xa os anuncios previos. Así a organización do Atlantic Fest de Vilagarcía amósase convencida de que este verán que ven poderá ofrecer o encontro co formato orixinal recuperado ao estilo pre-pandemia e pon xa datas. Será entre o 15 e o 17 de xullo cando a cita regrese á Praia da Concha, que ía celebrarse en 2020. Ademais o cartel comeza tamén a deseñarse incluíndo algúns nomes propios: Andrés Calamaro, Fangoria + Nancys Rubias, Los Planetas, Maria Arnal i Marcel Bagés, Rojuu, Los Hermanos Cubero, El Último Vecino, Depresión Sonora, Kora, Las Dianas e Rocío Saiz.

García MC lanza o seu primeiro longa duración

Xénero: Hip-Hop | 21 / 1 / 2022

Garcia-MC-Arquipelago-Quilombo.jpg

Flamante, unha colaboración con Natasia Zürchers, é o primeiro single do álbum de debut de García MC. Logo de varios EPs o veterano rapeiro lanza o LP Arquipélago Quilombo, dez temas nos que segue a liña da súa formación Nación Quilombo e aposta pola mestura de ritmos do mundo coa palabra como eixo.

A orquestra Vigo 430 conta con convidados internacionais na súa nova temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

A violinista e directora holandesa Rosanne Philippens abrirá este 28 de xaneiro a Tempada 2022 da Orquestra Vigo 430. A formación inicia un novo ciclo de cinco concertos que se prolongará ata o vindeiro mes de abril e que complementa o seu ciclo de outono. Canda a Philippens, que abordará a 3ª Sinfonía de Beethoven e mais o concerto para violín de Brahms, o programa inclúe a presenza doutras figuras internacionais.

O dúo BellónMaceiras publica un disco-libro infantil

Xénero: Folk | 13 / 1 / 2022

bellonmaceiras_buguinas.jpg

O dúo de música tradicional BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) ven de presentar o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.

Os d'Abaixo voltan con Somos a pedra

Xénero: Folk | 5 / 1 / 2022

somosapedra_osdabaixo.jpg

Logo dunha exitosa campaña de Verkami, a banda Os d'Abaixo presentaba este mes de decembro Somos a pedra. O terceiro traballo do grupo recupera pezas populares, entre elas algunha das gravadas por Alan Lomax, e incorpora composicións propias para sumar un total de once temas. As traballadas melodías integran arranxos inéditos na traxectoria da banda e ritmos vivos para deconstruír formas tradicionais. O sexteto propón sonoridades nas que o baile se mestura coa escoita pausada, cunha percusión máis variada que en anteriores traballos.

Brath continúa a súa experimentación con Clan Atlante

Xénero: Folk | 4 / 1 / 2022

brath_clan_atlante.jpg

En marcha desde 1980, o veterano grupo de folk e fusión Brath acaba de tirar do prelo o seu duodécimo traballo, no que continúa a apostar pola experimentación a partir da música de raíz. O que fora o primeiro grupo galego en integrar instrumentación eléctrica na tradición lanza o libro-CD Clan Atlante. O novo álbum mestura "composicións de fondo raigame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons do jarocho mexicano, dando como resultado un traballo ecléctico e diferente", segundo indica a banda no seu texto de presentación. Unha colección de temas no que se percibe a vontade de experimentar e que se atreve mesmo a fundir ska con pasodobre.

Un ciclo amosa o traballo das bolseiras de música da Deputación a Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

Sons para un regreso é o título do ciclo de concertos que amosa estes días 6 e 7 de xaneiro o traballo das bolseiras de música da Deputación da Coruña. Na primeira das xornadas a cita achega ao teatro Colón o traballo da pianista Rosalía Gómez Lasheras, que desenvolve a súa carreira ao longo de escenarios de toda Europa, Oriente Medio ou Estados Unidos e da saxofonista Patricia Cadaveira, que combina o labor de compositora coa de instrumentista e docente e que botou a andar ademais o proxecto Marés Sonoras.

O falecemento de José Antonio Viñas deixa orfa a agrupación Queixumes dos Pinos

Xénero: Folk | 3 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

O folclore galego lamenta, nesta pasaxe de ano, o falecemento de José Antonio Viñas Mira, destacado divulgador da nosa tradición. Viña fundou hai 25 anos a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos en Pereiro de Aguiar, Ourense, e viña dirixindo o grupo desde aquela. Ademais, na actualidade ostentaba a vicepresidencia da International Union of Folclore Association. No seu haber están recoñecementos como o Oscar Folclore Award en 2012, o premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2019 ou a medalla de ouro da Medalla de oro da IGF (World Folklore Union).

Un libro-CD recolle a historia e sons das pioneiras Pandereteiras de Mens

Xénero: Folk | 27 / 12 / 2021

Mens-Capa.jpg

Cinco mulleres labregas da comarca de Bergantiños que foron as pioneiras en levar o formato feminino das pandereteiras aos palcos e escenarios do espazo público nos anos 70 e 80. Elas foron as Pandereteiras de Mens e un novo libro-CD publicado por aCentral Folque recupera a súa historia elgado, grazas ao estudo da etnomusicóloga e doutora en Antropoloxía Beatriz Busto. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas desde que, no ano 1972 e por primeira vez, se subiron ao palco do Teatro Colón da Coruña. O traballo é unha achega a unha parte indispensábel do patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha compilación de músicas de diversos arquivos, incluídas aparicións televisivas, e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.

<< Inicio / Anterior . 361 a 370 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR