Noticias
Alén da Rianxeira: A vila das cancións
Xénero:
| 25 / 3 / 2022Historias de cancións que son tamén a historia dunha vila. O Cancioneiro escolar urxente de Rianxo publica este mes de marzo na rede o seu segundo volume. Para alén de rescatar as curiosas conexións que posúen melodías populares con feitos históricos locais, o proxecto pon de relevo o papel fundamental da escola na transmisión do noso patrimonio sonoro.
Música e arquitectura únense en Santiago co ciclo 'Onde a música habita'
Xénero:
| 25 / 3 / 2022Pór en valor a arquitectura notable da cidade de Santiago de Compostela como marco de accións culturais, neste caso musicais, é o obxectivo do ciclo "Onde a Música Habita", organizado polo Concello e a delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG Santiago). Serán en total catro concertos ao longo do ano que achegarán a música a espazos arquitectónicos referentes na cidade pero dos que moita cidadanía descoñece a súa relevancia arquitectónica, a pesares de ser edificios coñecidos e utilizados. Cada concerto será introducido polo actor Quico Cadaval, que contará aos asistentes a historia de cada localización e en cada concerto a música porase ao servizo da arquitectura, adaptando cada proposta musical ás características do espazo.
Novedades Carminha pisan o freo
Xénero:
| 21 / 3 / 2022"Decidimos que precisamos un descanso e por iso imos parar indefinidamente", así comunicaba hoxe o grupo Novedades Carminha a súa intención hoxe a través das redes sociais. A interrupción desta "etapa" de actividade non incluirá concertos nin xiras de despedida, segundo a banda " nin intentaremos sacarvos a pasta cun disco en directo ou un recopilatorio", din aos seguidores. O grupo desexa que este afastamento implique unha recarga de forzas que incite a botar de menos a actividade e "vernos de novo", indica sobre o futuro, "e se non, aí quedan os nosos discos", din referíndose aos 5 álbums que foron publicando nos seus 14 anos de carreira musical. Xustamente co seu derradeiro traballo 'Ultraligero' (Ernie Recordos, 2019), a banda acadaba nos Premios MIN 2020, da música independentes estatal, o éxito absoluto no panorama musical dese ano, coroada con tres a Mellor Álbum Pop do ano, Mellor Artista e tamén ao do Mellor Directo nacional. Os Novedades Carminha estiveron presentes en festivais e deron concertos por España, EE.UU. e México ante milleiros de persoas.
Os festivais amosan músculo e determinación na súa volta
Xénero:
| 18 / 3 / 2022Coas incertezas previas esvaecéndose e as futuras aínda por chegar, os festivais manteñen o pulso firme cara o verán e seguen a botarlle combustible á súa maquinaria. O festival O Son do Camiño puxo hoxe á venda as súas entradas por días tras esgotar nunha horas de todos os abonos dispoñibles, 12.000, o pasado día 9. Ademais diso, en Pontevedra o festival Surfing The Lérez anuncia a súa volta por San Xoán, os días 23, 24 e 25 de xuño, este carismático evento volverá ao seu escenario habitual, na Illa das Esculturas. Outros festivais anuncian tamén importantes novidades e incorporacións estes días, amosando que a súa actividade está enfocada na volta a normalidade sen deixar espazo ás dúbidas ou medos.
Baiuca entra en oito categorías dos Premios MIN
Xénero:
| 17 / 3 / 2022Os Premios MIN da música independente en España xa teñen semifinalistas, elixidos polas votacións do público. A proposta de electro-trad, ou folktrónica segundo se prefira, de Baiuca é o proxecto musical galego máis presente nas listas, aparecendo ata en oito categorías destes premios. Séguenlle con catro postos semifinalistas as Tanxugueiras e a Banda da Loba. Triángulo de Amor Bizarro, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras ou Chicharrón son outras das formacións galegas que se manteñen nas listas tras o proceso de votacións populares. Na categoría de álbum en galego son quince as producións que competirán este ano e que terán que pasar pola seguinte fase de votación do xurado profesional.
Os festivais de jazz premian a Sumrrá
Xénero:
| 15 / 3 / 2022A Asociación de Festivais de Jazz Plataforma Jazz España ven de presentarse en sociedade facendo públicos os seus dous primeiros artistas recoñecidos cos Premios Jazz España. A formación galega Sumrrá recolleu o premio a Mellor Proxecto Consolidado do Catálogo Jazz España, no que entran a votación entre os asociados as formacións que participaron das programacións do ano anterior. Así, Sumrrá foi o primeiro proxecto consolidado máis recoñecido polos programadores, compartindo protagonismo co trío da artista catalá Lucía Fumero, como Mellor proxecto emerxente. Os Premios Jazz España consisten nunha xira de concertos polos festivais asociados. Xacobe Martínez Antelo acudiu por Sumrrá ao acto de entrega dos galardóns e presentación do proxecto da asociación na sede da Fundación SGAE en Madrid.
Heredeiros da Crus deixan gravada a súa versión acústica nun novo disco
Xénero:
| 11 / 3 / 2022As restricións derivadas da alerta sanitaria tiveron diferentes tipos de impacto sobre a escena musical, cando se puideron levar a cabo os primeiros concertos unha das limitacións era que o público tiña que estar sentado e quieto. Esa circunstancia pegaba ben pouco cos habituais concertos enerxéticos de Heredeiros da Crus pero a experimentada banda de rock do Barbanza foi quen de ofrecer aos seus seguidores un formato axeitado ao momento, revisando o seu repertorio en acústico na que foi denominada "Xira Angústica" coa que recorreron Galicia. Froito desa experiencia, chega unha nova gravación do grupo, recollida en directo o pasado ano no Palexco de A Coruña no que foi o seu derradeiro concerto neste formato. 'Xira Angústica. Live in A Coruña' (Dotbeat, 2022), é un traballo que recolle esa proposta atípica do grupo, amosando unha faciana descoñecida. En total este disco, o duodécimo da súa discografía e o segundo que recollen en directo tras "All right Chicago [Rock'n'roll] (BOA Music, 2000)", ofrece 13 melodías espidas de fogos de artificio que crean novas escoitas do seus himnos a escribir na historia da música en Galicia no momento en que a incombustible formación celebra os seus 30 anos de actividade. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais.
O terceiro álbum da Orquestra Galega de Liberación mira alén do Miño
Xénero:
| 10 / 3 / 2022A Orquestra Galega de Liberación suma un novo rexistro ao seu prolífico percorrido como emblema do jazz improvisado. 'Meets Portugal' é o terceiro disco presentado pola OGL en pouco máis dun ano. Como os anteriores foi gravado ao vivo, neste caso recollendo a actuación íntegra feita en Tui o 9 de setembro durante a apertura do encontro MUMI 2021, reunindo músicos galegos e portugueses. Toda a música deste concerto foi improvisada no acto e composta en tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material fora acordado, aprendido ou composto previamente segundo indica a propia OGL. Dezasete músico participan desta gravación, seis deles lusos, feita xustamente na apertura dese evento que representa o encontros entre as escenas portuguesa e galega nas beiras do Miño. Seis temas cuxas execucións supoñen un total de 54 minutos conforman este terceiro traballo desta formación de música que reúne artistas e intérpretes dos distintos ámbitos do mundo clásico, o jazz, a música de vangarda e a performance. 'Meets Portugal' segue ao seu primeiro disco, 'Orquestra galega de Liberación' (2021) co que se recolleu o seu primeiro concerto e a 'Na Loita' (2021) que foi gravado ao vivo no Festival Jazz de Ría de Narón en agosto do pasado ano. O disco está dispoñible en todas as plataformas dixitais, incluíndo You Tube.
Grampoder publica hoxe o seu novo disco 'PM'
Xénero:
| 4 / 3 / 2022O dúo compostelán Grampoder, conformado por dous terzos do trío que foran The Homens, ven de poñer final oficial ao "tempo indeterminado de reflexión e renovación de fondo de armario" co que se despediron en 2015 tras a publicación do seu mini EP 'Tigerland'. A banda xa se deu por "resucitada" dando algúns concertos desde 2019 pero agora é cando esa volta plásmase na forma dunha nova gravación de estudo. O álbum longo 'PM' é a súa nova carta de presentación musical, con este disco de 10 novos temas volven cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.
Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión
Xénero:
| 3 / 3 / 2022Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.