Noticias
A Universidade de Granada lembra a figura de Bal y Gay nas súas Xornadas de Cultura Galega
Xénero:
| 28 / 11 / 2006Jesús Bal y Gay (1905-1993) é un dos músicos desa xeración perdida que truncou a Guerra Civil. Foi compositor, crítico, musicólogo, mestre, impulsor de revistas e editoriais e desenvolveu, tanto no Estado como no seu exilio en México, un labor comprometido coa construcción dunha infraestructura musical inexistente. Sobre a súa figura fálase nesta edición das Xornadas de Cultura Galega que se desenvolven ata o xoves na Universidade de Granada.
Máis información sobre as xornadas no web da Universidade de Granada e sobre Bal y Gay na nosa hemeroteca
As salas de concertos consolidan a súa oferta ao se coordinaren no colectivo Clubtura
Xénero:
| 28 / 11 / 2006Son espazos polo xeral discretos, en ocasións situados en poboacións ben pequenas. Aínda que non o pareza, Galicia está inzada de locais que programan de cando, en cando, concertos. Sen dúbida todos coñecemos algún que nos queda preto. Poida que mesmo teñamos oído dos máis grandes: A Capitol, La Iguana, o Playa Club... Agora, o colectivo de salas quere mudar a situación e darse a coñecer, e para isto acaba de presentar Clubtura, un colectivo que agrupa unhas corenta salas do noso país.
Lume presenta o seu novo disco “Folk Express”
Xénero:
| 27 / 11 / 2006Once temas conforman o novo traballo do quinteto Lume que estes días comezan a presentar en concerto. “Folk express” é o segundo disco da formación e nel aseguran non perder “o sabor orixinal” do seu concepto musical. Cinco músicos curtidos en grupos como Mutenrohi, Quempallou, Cinnamon Gum, Kerkennai ou tocando con Cristina Pato conforman esta banda, eles son: David González Outumuro na percusión; Roi Maceda, acordeonista; Carlos Campo Seijo no Violín; Diego Fortes a cargo de gaita e frauta e Juan Carlos Fernández Fasero na guitarra acústica. A súa discográfica, Zouma Records, tamén está de actualidade xa que ven de renovar o seu sitio web. A compañía ourensá pon na rede gran cantidade de información actualizada sobre os seus artistas, así como música e vídeos cos que poder coñecer máis o seu son e os seus concertos. Os temas do disco “Folk Express” de Lume poden escoitarse xa na rede no sitio do grupo ou no da discográfica.
Máis información en Zouma Records
Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros
Xénero:
| 22 / 11 / 2006Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.
A Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un circuítos de concertos organizado en catro eixes
Xénero:
| 8 / 11 / 2006O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá este sábado a presentación do Circuíto 4x4. Esta iniciativa da Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un ciclo de actuacións musicais artelladas en catro eixes: Tradicionais, Canción de Autor, Con-Fusión e Tradición Instrumental, con catro grupos en cada un dos ámbitos. A Xunta asumirá en cada caso o 30% dos custos, correspondendo aos concellos o resto do orzamento. Polo momento non se sabe cantos municipios apostarán polo circuíto, pero un cento de técnicos locais de cultura están convidados á presentación do sábado.
Máis información no web da Consellaría de Cultura; dosier do proxecto en PDF no mesmo web; nova en Galicia Hoxe
O IGAEM anuncia a creación dun circuíto para músicos novos en colaboración con 35 salas privadas
Xénero:
| 30 / 10 / 2006A idea é estabilizar a oferta de música en vivo, que se concentra actualmente nos meses verán. Con este fin, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais acaba de anunciar a posta en marcha dun circuíto de concertos para bandas novas. Nesta iniciativa o organismo público colaborará con 35 salas privadas de todo o país, coas que se compartirán custos de contratación. Está previsto que uns setenta grupos dedicados a diferentes xéneros participen no programa. Ao tempo, a Dirección Xeral de Xuventude vai pór en marcha trinta locais de ensaio para grupos por todo o país.
Máis información na edición de hoxe de La Región e no web da Dirección Xeral
O Consorcio para a Promoción da Música nomea a Félix Palomero como novo xerente da Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 17 / 10 / 2006A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) xa ten substituto para Patrick Alfaia. O novo xerente do conxunto é Félix Palomero despois de que a xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música aprobara onte o seu nomeamento. No curriculum de Félix Palomero (León, 1962) destaca a remodelación artística e administrativa das dúas formacións pertencentes ao Instituto Nacional das Artes Escénicas, a Orquestra e os Coros Nacionais de España, durante os seis anos que estivo como director técnico.
Máis información en La Voz de Galicia e no web da Sinfónica de Galicia
A Filharmonía de Galicia presenta a temporada de abono despois da primeira xira americana
Xénero:
| 16 / 10 / 2006Despois da súa primeira xira sudamericana, a Real Filharmonía presenta este xoves a temporada musical. Das 30 citas que se sucederán ata o vindeiro 14 de xuño no Auditorio de Galicia, destaca a inclusión no seu repertorio de bandas sonoras cinematográficas. Un día despois, o venres 20, comezará en Vigo unha nova edición do “Are more”, un ciclo de música clásica que este ano conta con dúas liñas de traballo: dunha banda programar concertos fóra de Vigo e, da outra, un cartel de calidade pero sen as grandes figuras doutras edicións. Por último, Patricia Barber e Christian McBride serán os principais reclamos do Festival de Jazz de Lugo que terá lugar entre o 13 e o 18 de novembro.
Máis información nos web da Real Filharmonía e no do Festival de Jazz de Lugo
e do Festival Are More
Tres músicos abandonan a formación de Los Limones pero o proxecto permanecerá arredor de Santi Santos
Xénero: VIDEO
| 9 / 10 / 2006 +A volta do grupo ferrolán Los Limones co seu recente disco “Palabra” está complicarse, polo menos de portas a dentro, coa disgregación da actual formación. No foro do sitio oficial do grupo aparecen desde finais de setembro mensaxes avisando sobre unha ruptura que xa foi confirmada polo guitarrista Miguel De La Cierva, que asegura que tanto el como o batería Pipo García e o veterano Álvaro Lamas, ao cargo da steel guitar, abandonan a actual formación. Desde a discográfica Carlito Records negan que se poida falar de ruptura xa que segundo eles “Los Limones é Santi Santos”, e engaden “el ten todos os dereitos e é o líder”, asegurando que a existencia do proxecto musical Los Limones enténdese só como acompañamento arredor do músico ferrolán. Así postos Los Limones seguirá coa promoción de “Palabra” con Santi Santos á fronte pero cambiando substancialmente a formación coa que se presentou neste disco.
Comeza en Vigo a segunda fase eliminatoria do concurso de grupos MusicaliA 2006
Xénero:
| 5 / 10 / 2006Cun concerto dos grupos Killer Barbies e Grasa celebrarase este venres o comezo da segunda fase do concurso MusicaliA 2006 na que concorren trinta e seis grupos de pop e rock. O concurso está patrocinado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo e pretende apoiar e fomentar a ilusión dos grupos de Galicia e do norte de Portugal que buscan abrirse camiño no mundo da música. Na primeira fase máis de 100 grupos enviaron as súas maquetas e realizouse unha preselección por parte de profesionais da música onde se valoraba especialmente a orixinalidade e a calidade das composicións, tanto nos textos coma na musicalidade. A segunda fase consiste nunha serie de concertos nos que os 36 grupos seleccionados actuarán en directo a razón de tres grupos por noite. O xurado puntuará agora a posta en escena e escollerá a tres grupos que pasarán á final. Os concertos comezarán o venres 13 de outubro e terán lugar todos os venres dos meses de outubro e novembro do presente ano e de febreiro e marzo de 2007. A celebración da gran final será o venres 30 de marzo de 2007.
Máis información en Xornal de Vigo