Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As salas de concertos consolidan a súa oferta ao se coordinaren no colectivo Clubtura
As salas de concertos consolidan a súa oferta ao se coordinaren no colectivo Clubtura
novembro 28, 2006
Son espazos polo xeral discretos, en ocasións situados en poboacións ben pequenas. Aínda que non o pareza, Galicia está inzada de locais que programan de cando, en cando, concertos. Sen dúbida todos coñecemos algún que nos queda preto. Poida que mesmo teñamos oído dos máis grandes: A Capitol, La Iguana, o Playa Club...
Agora, o colectivo de salas quere mudar a situación e darse a coñecer, e para isto acaba de presentar Clubtura, un colectivo que agrupa unhas corenta salas do noso país.
Arredor de 2.500 concertos dos que se celebraron en Galicia nos últimos tres anos tiveron como escenario unha sala de música ao vivo. Con capacidades que oscilan entre as 30 e as 800 persoas (só a compostelá Sala Capitol), cunha media de 200 prazas, estes espazos conseguen reunir uns 47.000 espectadores cada ano para asistir a espectáculos en directo. As cifras impresionan bastante, se ben é certo que tanto o tamaño das salas coma a frecuencia dos concertos oscilan moito. Hai desde aqueles que programan unha actuación semanal ou mesmo menos, aos que desenvolven propostas continuadas con varios eventos na mesma semana. A media, segundo aseguran os coñecedores do sector, está nunhas oito actuacións cada mes. As diferenzas afectan tamén a aspectos coma os anos de actividade, (hai veteranos con vinte anos de música ás costas) ou a orientación musical. Alberto Grandío, responsable da sala lucense Clavicémbalo, lembra que "eu fago agora dezanove, pero en xeral a media son oito anos de existencia". En canto ás propostas musicais que xorden das salas "hai un lote de locais que programan pop ou pop-rock, entre sete e dez de jazz, un que só programa folk e outros, coma nós, que fan de todo". A escaseza de salas en moitos lugares é responsable, en moitos casos, desta falta de especialización. "Nunha cidade coma Lugo só hai unha sala, en Bueu tamén, entón non te podes dar o luxo de programar unha única cousa, aínda que teñas as túas preferencias", recoñece Grandío.
Salas unidas
Salvando as diferenzas, todos estes locais puxeron os alicerces, hai xa un ano, dunha rede galega coa que coordinar a súa actividade, que en moitos casos eles mesmos descoñecían. "Eu sabía que había moitas salas, pero non tiña nin idea de que fosen tantas", recoñece alguén que vive neste mundo como é o propio Grandío. "Na primeira xuntanza que convocamos achegáronse vinte e pico, e actualmente estamos corenta salas". Segundo os responsables do colectivo, o único que cómpre para se integrar é contar cunha programación estable, entendendo como tal entre 25 e 35 espectáculos ao ano, a depender do tamaño da poboación en que se encontra a sala. A iniciativa facíase pública o pasado 23 de novembro co nome de Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. "A asociación naceu por iniciativa de Leiro, da sala Aturuxo, e miña. Estabamos nunha xuntanza da coordinadora estatal de salas e, a verdade, deunos vergoña que aquí non existise unha rede como as que existen en Cataluña ou Valencia", recoñece Grandío.
Programación e publicidade
O reto grande do sector é conseguir unha programación conxunta, é dicir, contratar ao tempo varias actuacións para un grupo en diferentes salas, o que permite abaratar custos e coordinar as propostas de diferentes cidades. "Cada un estaba no seu feudo e ninguén se preocupaba de tirar do carro. Houbo iniciativas de coordinación, pero non unha cousa coma esta, a xente está a responder dun xeito fantástico", apunta. O máis habitual é que polo momento a contratación se faga de xeito atomizado. "En xeral son os propios artistas os que contactan para ver onde poden tocar, pero tamén depende de cada sala buscar o que lle interesa", di Grandío. Outra conta pendente é tirar á luz a intensa actividade do sector e conseguir que o público potencial coñeza os concertos que se desenvolven alén do seu contorno máis inmediato. "O cómodo é que unha persoa que estea na Coruña poida entrar no web de Clubtura e vexa que concertos hai na provincia de Pontevedra, por exemplo", destaca Grandío. Ademais do formato web, o colectivo aposta pola edición conxunta de flyers e mesmo dalgún tipo de revista no que se poidan coñecer polo miúdo as proposta musicais destes espazos. A marca "Clubtura. Sala asociada" aparecerá en breve nos locais membros "como unha garantía de que son espazos cun equipo de son decente e cunha boa calidade musical, aínda que iso sempre pode depender dos gustos", apunta Grandío.
Función social
Debemos ter en conta que moitas salas de concertos están localizadas en pequenas vilas onde acadan constituírse en auténticos centros sociais. "Ás veces as nosas salas son coma o auditorio da vila. Hai cursos, colectivos que empregan o lugar para facer xuntanzas...", sinala o responsable do Clavicémbalo. Alén disto, os responsables do sector destacan que é neste tipo de locais onde se foguean e de onde xorden os que logo serán grandes nomes da música. "A maioría dos grupos que están hoxe arriba xorde das nosas salas, tanto das galegas como das catalás ou madrileñas. Menos o enxendro este de Operación Triunfo, claro. Os grupos cócense e fan o seu traballo nas salas"
E cultural
Dentro das reivindicacións do colectivo está que estes espazos sexan considerados como salas culturais e unha normativa que dalgún xeito os englobe. Na actualidade toda unha serie de licencias e mesmo de condicións físicas dos locais en canto a superficie ou insonorización acubillan as actuacións. "Ata o de agora, ti pedías unha axuda pública e non había onde te meter" apunta Grandío. "Un paso polo momento utópico é que estas salas estean debidamente controladas, rexistradas e asesoradas pola Xunta, e que o seu funcionamento non dependa do capricho dos concellos". A idea é que exista unha coordinación supramunicipal neste sentido, que garanta unhas mínimas condicións para cada local. "Hai países onde estas licencias as outorga o Ministerio de Cultura, do mesmo xeito que un teatro ou un auditorio".
O apoio público
Polo momento, estes espazos acaba de dar un grande paso de cara ao seu recoñecemento público. A coincidir coa presentación de Clubtura facíase pública a convocatoria pola que o Instituto de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) establece a Rede Galega de Música ao Vivo. Esta proposta prevé contar cunha selección de setenta grupos recoñecidos ou que están a comezar na música, que percorrerán o país de local en local. De entre todos eles as salas escollerán os que máis lles interesen. Á hora de pagar, a Xunta achega unha parte dos custos de contratación e as salas fanse cargo doutra. No caso dos grupos noveis, a institución pública achega 180 euros e as salas 60, mentres que os conxuntos consolidados reciben 600 euros da administración e douscentos do local. "Imos programar 1.050 concertos en 2007 dentro do programa da Xunta", explica Grandío, "e á parte irá a programación de cada sala. Un grupo non vai vir a todas, pero pode tocar en dez ou quince. Estamos a falar de moitos concertos, e quedamos moi contentos co convenio".
Vocación e minoría
Deste xeito, as salas semellan camiñar a unha maior visibilidade na nosa cultura, e un apoio que pode garantir en moitos casos a supervivencia destes espazos de música ao vivo. "De concertos só non se pode vivir, hai un compoñente de tolemia entre a xente que está metida aquí", asegura o encargado do Clavicémbalo. A pesar das grandes cifras que manexa este sector, os responsables das salas teñen claro que o público que se achega a cada unha delas non é en ningún caso unha multitude, nin sequera unha maioría dentro das propostas de ocio. "Evidentemente non deixamos de ser para un público minoritario", recoñece Grandío. "Hai xente á que non lle interesa a música nin a cultura. Pero tamén o jazz é para minorías e os concello pagan grandes concertos. Fóra do fútbol e pouco mais todo é minoritario".
Tamén che pode interesar:
- 5/ 4/ 2023 | O VI Ciclo Clube achega 60 actuacións
- 1/ 2/ 2017 | A Rede de Música ao Vivo ofertará menos actuacións neste semestre
- 20/ 5/ 2015 | As salas galegas apoian o Día sen Música contra o IVE cultural
- 9/ 12/ 2005 | As salas de concertos galegas únense para loitar polos seus dereitos e coordinar o seu traballo