Ir ao contido directamente.


Noticias

Os estudios de gravación galegos sobreviven expostos ás mudanzas do mercado e á influencia crecente das novas tecnoloxías

Xénero: Miscelánea | 16 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

Son un dos piares da industria musical. As cociñas onde se depura, prepara, mellora e matiza o son dos artistas. Os estudos de gravación galegos sostéñense no noso pequeno mercado nun momento en que as novas tecnoloxías ameazan con mudar irremisiblemente todo o sector. E buscan estratexias para tirar adiante.

Falece Cesáreo Rodríguez, considerado o grande mestre da gaita da diáspora galega

Xénero: Folk | 10 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

O camposanto da Chacarita, en Bos Aires, celebraba onte o funeral de Cesáreo Sánchez, que faleceu o pasado luns aos oitenta e catro anos de idade. Sánchez estaba considerado coma o grande mestre de gaita da diáspora galega, e ata o momento da súa morte impartía clases semanais de gaita. Ao longo da súa vida fundou e colaborou con diferentes agrupacións musicais na emigración.

Máis información en La Voz de Galicia; biografía do músico en galiciaconvos.com

Certames de Rondallas e Reiceiros coinciden con propostas desde Laza para recuperar os cantos de reis

Xénero: Coral | 8 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

Está claro que nos últimos anos estamos a vivir un rexurdir dos cantos de Reis. Este mesmo sábado fallábase en Boimorto o III Certame Galego de Xugadas de Reiceiros, que organiza este concello canda a Consellaría de Cultura. No encontro resultou vencedor o Grupo Axóuxere de Melide, mentres que o segundo foi para o dúo Xosé e Suso, de Toques. De terceiros quedaron Airiños da Peneda, de Redondela e mais a Cuadrilla de Cabrui. Con algo máis de experiencia, Vigo acolleu o XXVI Certame de Rondallas, no que resultou gañadora Helios, de Bembrive, entre as once participantes. A mesma formación fíxose tamén co premio do certame homólogo que se celebrou no Concello do Porriño. Para máis, en Laza o colectivo Amigos de Entroido estreaba sábado un coro que pretende recuperar os cantares de reis neste concello.

As bases do certame de xugadas de reiceiros no web da Consellaría de Cultura;as rondallas en Faro de Vigo; a recuperación de cantares de Reis en Laza en Galicia Hoxe; máis sobre estes temas no noso tema

Nordestin@s dignifica as cancións populares mariñeiras cunha sofisticada fórmula de fusión co jazz

Xénero: Fusión | 4 / 1 / 2007

not_9099.jpg

A unión libre entre Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade deu como resultado o concerto Nordestin@s, celebrado en setembro deste ano no Teatro Principal de Compostela e gravado neste disco do mesmo nome que agora se presenta como produto da man da discográfica Falcatruada. O repertorio, baseado na tradición das cancións mariñeiras “que ulen a mar e a taberna”e cunha posta en escena sinxela na que o trío dá todo de si coas voces das dúas cantantes e o piano de Abe Rábade, comezará agora unha xira invernal por sala e teatros de cidades, vilas e pobos. Guadi Galego subliñou a perfección do formato para unha xira invernal así como a súa vocación por chegar a pequenas vilas ademais de ao circuíto máis urbano. Este disco en directo, o primeiro na caso das dúas cantantes, reinterpreta con frescura as cancións populares, adaptadas nas súas letras e músicas, incorporando a fusión do jazz na sofisticación do piano de Rábade que “non tapa o que de popular teñen as cancións”, deixando claro o seu arraigamento na cultura do país.

Máis información en Nordestin@s

Críticos europeos salientan o traballo de Faltriqueira mentres Luar na Lubre inicia xira con apoio da Xunta

Xénero: Folk | 2 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

O ano comeza con novas sobre a proxección exterior da nosa música, especialmente do folk. Os críticos que elaboran a prestixiosa lista Worl Music Chart Europe cos mellores discos folk de 2006 destaban o traballo "Effecto" do grupo eumés Faltiqueira. Ao tempo, Luar Na Lubre anunciou a pasada fin de semana que vai iniciar unha xira internacional para a que conta co apoio da Consellaría de Industria. Venezuela, Arxentina, Cuba ou Brasil son algúns do países que visitará a formación, que quere servir para promover o turismo no nosos país. Finalmente, e xa fóra do folk, unha obra de Fernando Neira e Tito Lesende revela que oito discos galegos de pop-rock están na lista dos 201 mellores de todo o estado desde 1966. Os Resentidos, Siniestro Total, Andrés do Barro e Deluxe son algúns dos nomes do país que aparecen nesta lista.

Máis información noFaro de Vigo, en La Voz de Galicia e en El País

O quinteto de Xacobe Martínez Antelo presenta o seu primeiro disco

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 12 / 2006

not_9131.jpg

O contrabaixista Xacobe Martínez, un dos membros do trío Sumrrá, presenta estes días na Sala Nasa de Santiago o seu novo traballo “Isto é Jazz!!!” (Free Code Jazz Records). No disco Martínez actúa como líder do quinteto co seu nome á fronte, e achega nove cortes da súa propia composición nos que rende unha homenaxe ao trío de Thelonius Monk , Charles Migus e John Coltrane. Con Xacobe Martínez están no quinteto Pablo Castaño, saxo alto; Toño Otero, saxo tenor; Marcelino Galán, guitarra e Max Gómez na batería. Martínez manterá o quinteto en paralelo á súa actividade con Sumrrá cos que xa ten dous discos.

Máis información no web de Xacobe Martínez

O disco Nordestin@s sitúase entre os cen máis vendidos do Estado

Xénero: Fusión | 20 / 12 / 2006 + VIDEO

not_9099.jpg

Aínda que ben lonxe do éxito de Alejandro Sanz, un grupo galego conseguiu situar o seu disco entre os cen máis vendidos en todo o Estado durante o Nadal. Nordestin@s, o proxecto de Uadi galego, Ugia Pedreira e Abe Rábade entrou nesta prezada lista, segundo informan deste a discográfica Falcatruada. Desde a súa saída o pasado once de decembro e en vinte días, o proxecto conseguiu vender xa máis de dúas mil copias, unha respectable cifra a nivel galego.

Máis información en Falcatruada e en La Voz de Galicia

Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.

Xénero: Alternativa | 19 / 12 / 2006

imaxe non dispoñible

Pór en valor os sons ata o punto de que nos permitan recoñecer os lugares. Esta é a aposta que fai escoitar.org, un colectivo que emprega as novas tecnoloxías para ir construíndo aos poucos, coa colaboración dos internautas, o mapa sonoro de Galicia. Aínda que o concepto pode semellar estraño nun primeiro momento, calquera pode participar nesta proposta seguindo unhas pequenas indicacións. Aquí che contamos como facer para engadir paisaxe. Nós xa o fixemos.

Os coruñeses “Stereotipos” gañan o concurso de grupos noveis Novaxove

Xénero: Miscelánea | 7 / 12 / 2006 + VIDEO

not_9023.jpg

Dos catro grupos finalistas que tocaron na sala Capitol de Santiago de Compostela, foron os coruñeses “Stereotipos” os que conseguiron o acordo unánime do xurado do I Certamen de grupos noveis Novaxove Music, quedando fóra as bandas “Cornelius”, “The Blows” e “Los Marcianos”. No certame organizado polo portal xuvenil de Caixanova participaron un total de 69 grupos das catro provincias dos que 55 presentaron finalmente un traballo propio. As maquetas, que poden escoitarse no devandito portal abarcan un abano de estilos, desde o funk ao pop, pasando polo hip-hop, dance, punk ou folk. A votación das maquetas a través do portal representou o 50% da puntuación final, a outra metade partiu dun xurado composto por: David Quintanilla (Criteria Music), Francisco Gil (NXira), Salva Ronko (40 Principales), Xoel López (Deluxe), Tito Lesende (SGAE), Xavier Valiño (Ultrasónica), Iván Ferreiro (ex-Los Piratas) e Antonio Fernandes (Novaxove). Os gañadores gravarán en breve o seu primeiro disco, para despois embarcarse nunha xira por España.

Máis información en NovaXove

Compostela acolle a segunda edición da Noite de música e palabra solidaria

Xénero: Miscelánea | 7 / 12 / 2006

imaxe non dispoñible

A ONG Implicadas no Desenvolvemento celebra por segundo ano "Implícate! Noite de música e palabra solidaria". Será o vindeiro dezaseis de decembro, as oito da tarde no compostelán Auditorio de Galicia. Deluxe, Avalon, Rosa Cedrón, María Reimóndez, Carlos blanco, Chévere, Lucía Aldao e Rosa Aneiros entre outros intervirán nun espectáculo que quere unir a expresión artística co apoio a proxectos de desenvolvemento. A gala estará presentada por Yolanda Castaño e Paco Lodeiro.

Máis información en Galicia Hoxe ; e no de Implicadas

<< Inicio / Anterior . 3231 a 3240 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR