Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.
Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.
decembro 19, 2006
Pór en valor os sons ata o punto de que nos permitan recoñecer os lugares. Esta é a aposta que fai escoitar.org, un colectivo que emprega as novas tecnoloxías para ir construíndo aos poucos, coa colaboración dos internautas, o mapa sonoro de Galicia. Aínda que o concepto pode semellar estraño nun primeiro momento, calquera pode participar nesta proposta seguindo unhas pequenas indicacións. Aquí che contamos como facer para engadir paisaxe. Nós xa o fixemos.
A iniciativa xurdiu, no seo do portal artístico Alg-a.org, como unha proposta de diferentes creadores para recoñecer a importancia do son como fonte de coñecemento do noso contorno fronte á preeminencia que na actualidade se lles outorga aos estímulos visuais. O colectivo está formado por Chiu Longina, Berio Molina, Horacio González, Juan Gil e Julio Gómez, creadores con experiencias previas na arte sonora e con formación que van desde a antropoloxía á musicoloxía, pasando polas propostas máis variadas no traballo co audio. A idea básica de escoitar.org é ir gravando anacos sonoros do noso contorno e colocalos na rede, amosando onde se fixo a gravación e coa opción de engadir texto e fotos contextualizando o son que se recolleu. A proposta está aberta a todo o mundo e pretende, en último termo, amosar a paisaxe sonora de Galicia. "Calquera pode facer gravacións", explica Berio Molina, un dos membros do equipo fundador de Escoitar.org. Aínda que o mesmo non está mal contar con algunhas propostas neste sentido. Nós fixemos tres gravacións de Santiago de Compostela que están á espera de ser admitidas no banco de datos do sitio.
Búscanse paisaxes
O primeiro paso para participar neste proxecto é pensar nunha paisaxe sonora que nos pareza digna de ser recollida. E non sempre é sinxelo. "Non todo o mundo dispón dunha paisaxe na casa para subir, é algo difícil". "A paisaxe comeza co feito da escoita. Ir escoitando pola rúa mentres se camiña permite ir encontrando cousas que che interesan. Algo que nos gusta moito facer é ir pola rúa, a gravar nun minidisc e cos cascos postos, chégache o contorno moi amplificado, e é unha experiencia estraña", apunta Molina. Outro dos membros do equipo, Juan Gil, sinala como exemplo unha das ideas nas que está a traballar. "Hai un pequeno proxecto que é gravar as mesmas zonas en diferentes épocas do ano para ver como evolúen os elementos sociais, e comprobar como funcionan os espazos públicos a nivel de sons ao longo do tempo", sinala.
Na variedade está o gusto
Realmente, as posibilidades son moitas. Desde gravacións nas que se escoitan unicamente os sons da natureza ata eventos sociais ou entrevistas nas que se xunta o interese etnográfico co lingüístico. "Son moi interesantes, funcionan tamén coma un bodegón que recolle o acento da xente, un xeito de falar que tamén é moi interesante como parte da paisaxe sonora do país", apunta Molina, que sinala como unha das súas gravacións favoritas" unha que son uns paxaros que gravou Julio na praia de Bouzas, nunha zona verde moi pequena. Chama moito a atención esta concentración de aves nun espazo tan breve". Aínda que o material que outra xente colgou no web do proxecto pode servir de guía, a filosofía de Escoitar.org anima precisamente á orixinalidade nas propostas. "A intención é non condicionar a xente á hora de participar, que cada persoa considere o que debe formar parte do mapa. Na actualidade os sons que identifican Galicia veñen en boa medida marcados pola linguaxe oficial. A idea con isto é que sexa a suma dos traballos individuais os que definan cales son na realidade", explica Juan Gil.
Con que se caza o son
Malia que o proceso é relativamente sinxelo, a nivel práctico un profano no campo da gravación sonora vaise enfrontar a un lote de dúbidas. Qué aparellos se poden empregar para recoller sons, por exemplo. "O que adoitamos levar é un minidisc e un micrófono estéreo pequeno" apunta Molina desde o colectivo. "Son equipos bastante baratos, o minidisc costa uns cen euros e o micro outro tanto". No caso de que non dean os recursos para tanto, pódese empregar calquera outro dispositivos de recolla de sons: teléfonos móbiles, gravadoras de audio de casete ou dispositivos MP3. "O proceso de selección das paisaxes non está na calidade. Pódese subir de todo, é despois o usuario quen fai a selección ao visitar o web. O proxecto tenta adaptarse ao que vai buscando o usuario". Entón basicamente é escoller unha ferramenta. No web de escoitar.org xa se preocuparon de achegar un texto de axuda sobre que tipo de material podemos encontrar no mercado á hora de gravar e as diferentes vantaxes e inconvenientes de cada un.
Textos para os audios
Unha vez superado ese primeiro paso, temos a nosa gravación. Agora cómpre achegarse á rede e empregar os nosos coñecementos informáticos para subir o arquivo de audio, localizar no mapa interactivo do web o lugar no que fixemos a gravación e, se queremos, engadir un texto ou fotografías que contextualicen o lugar da gravación. "É bastante recomendable engadir este tipo de contidos. O proxecto quere ser tamén un espazo de documentación sobre a paisaxe sonora galega. Se gravas unha paisaxe e contas unha historia sobre ela vai coller mais sentido. Se ao son dun avión que pasa lle engades a explicación de onde vai e por qué pasa nese momento enriquécese moito o contido", explica Molina. Así que o mesmo debemos pensar, xa no momento en que gravamos, en qué tipo de información queremos engadir, para ila recollendo xa no mesmo sitio.
Empregos sonoros
Aínda que poida parecer curioso, todo este son pode ter aplicacións alén das puramente recreativas. Desde o interese filolóxico polos acentos e vocabularios que se poden recoller neste espazo ata o contido antropolóxico dos sons actuais ou das entrevistas as posibilidades son moitas. E se xa entramos en ámbitos artísticos, multiplícanse. O emprego de sons ambientais para a creación musical non é, nos nosos días, ningunha novidade, e en escoitar.org xa están subidas algunhas propostas que mesturan diferentes gravacións con fins artísticos. "Hai paisaxes cun interese estético ou formal moi forte. Por exemplo, fixemos unha gravación en Pontevedra nunha garaxe case baleira onde aparece un son grave moi forte no fondo que pode dar moito xogo. Ademais, nesa gravación escóitase unha máquina de moedas que produce un ritmo moi curioso", asevera Molina. E é que está visto que todo é pórse a escoitar.
Por un futuro audible
Polo momento son algo máis de 150 as gravacións que están xa dispoñibles no web. "Non hai tantas achegas como seguramente tería se fose unha páxina de vídeo", sinala este investigador do son. De calquera xeito, os promotores amósanse satisfeitos do eco que está a acadar a súa iniciativa. "Están a saír proxecto para traballar mais a fondo co son. Imos facer unha serie de entrevistas a cidadáns en Vigo para despois publicar un libro e un DVD. En xaneiro sairá a nova versión do web, que quere permitir a que calquera poida integrar os mapas cos sons no seu sitio. Levamos feitos tres obradoiros sobre escoitar.org e temos pendentes dous mais". Os proxectos para o son multiplícanse, e é de prever que no futuro teremos, nós e mais os nosos descendentes, a ocasión de descubrir como soaba Galicia en 2006, e agardemos que aínda moitos anos a seguir.