Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os estudios de gravación galegos sobreviven expostos ás mudanzas do mercado e á influencia crecente das novas tecnoloxías

OS FOGóNS DA MúSICA

Os estudios de gravación galegos sobreviven expostos ás mudanzas do mercado e á influencia crecente das novas tecnoloxías

MISCELáNEA | xaneiro 16, 2007

imaxe non dispoñible

Son un dos piares da industria musical. As cociñas onde se depura, prepara, mellora e matiza o son dos artistas. Os estudos de gravación galegos sostéñense no noso pequeno mercado nun momento en que as novas tecnoloxías ameazan con mudar irremisiblemente todo o sector. E buscan estratexias para tirar adiante.

Evidentemente, como parte fundamental que son da industria musical, os estudios de gravación galegos viven suxeitos ás tempestades que axitan o sector. "O gran problema que teñen os estudos de gravación en Galicia é sen dúbida a falta dun sector fonográfico consolidado", explica Nani García desde os estudios Bruar da Coruña. Neste panorama, Desfase Sound é un caso peculiar, xa que o estudo naceu a partir do selo Zouma Récords e cara a el desenvolve a maior parte do seu traballo. De calquera xeito, isto non lles impide comprobar unha certa mudanza no mercado, e desde alí, Xoán Carlos Fasero explícanos que "agora mesmo a produción é frouxa en canto a orzamentos, se o comparamos co que se investía en gravar un disco hai tres ou catro anos". A concretar aínda máis este fenómeno, Segundo Grandío, responsable do estudio Casa de Tolos, lembra que "antes os orzamentos eran moito máis altos, probablemente podemos multiplicar por dez o que se gasta agora nun disco para saber o que era nos anos oitenta ou noventa". Esa diferenza repercute, segundo explica Fasero, no resultado final dun produto discográfico: "Un estudo é tempo, independentemente de se o material é bo ou malo. Hai unha diferenza destacada entre ter cinco días para gravar e mesturar ou ter un mes". A revolución na distribución que supón Internet tamén está a influír no desenvolvemento destes negocios. "Coa aparición da rede preséntasenos a posibilidade de chegar directamente ao consumidor, e de aí a proliferación de pequenas discográficas e da autoedición", apunta Nani García un proceso pode explicar en boa medida o descenso en canto se inviste por disco.

A busca de alternativas
"Xa que cada vez temos menos chamadas de compañías que deciden non facer gravacións ou queren facelas por catro pesos", explica Segundo Grandío, "o noso plan foi facer o noso propio selo e controlar todos os elos da cadea". O selo PAI fai deste estudo parte dunha iniciativa semellante, pero á inversa, á de Desfase Sound e Zouma. Pero non é abondo, Casa de Tolos optou ademais, por dar máis servizos."Temos a sorte tamén de que ampliamos o rango de actividades e ao estudio inicial engadimos un segundo de audio, un de vídeo e mesmo un estudio de gravación móbil". Pola súa banda, nos estudios coruñeses Bruar encontran no audiovisual unha importante bolsa de mercado. "As nosas instalacións estanse especializando na mestura para cine en 5.1, e resulta un espazo cómodo á hora de masterizar todo tipo de músicas", explica Nani García. O xa comentado incremento da autoedición supón tamén unha achega importante á economía dos estudos. Produtos que son descoñecidos para o grande mercado como as gravacións de corais ou de bandas de música municipais achegan en ocasións unha boa parte do catálogo de empresas coma o estradense Estudio Phonos. "Hai moitos casos coma o dunha coral que fai un CD, grávano e distribúeno. Entón hai un mercado mergullado, xa que o produto moitas veces non chega a estar nunha tenda", explica Fasero.

A opción grande
"Non poden proliferar os estudos que dan un servizo de moita calidade porque o investimento é moi alto e cumpriría unha facturación moi elevada para que fosen viables", explican desde Bruar. De xeito paradoxal, "temos en Galicia unhas instalacións únicas en España que é `Mans Scoring Stage´. Estas instalacións pioneiras xurdiron da iniciativa de Bruar e mais da Fundación Paideia, que dispuña dun plató insonorizado ao que lle buscaba unha saída. "Propuxemos a idea de transformar estas instalacións nun espazo para a gravación de grandes formatos acústicos, o que se coñece coma un `scoring stage´, onde se desenvolve fundamentalmente a gravación de música para cine ou audiovisuais". Ademais do propio estudo, o proxecto inclúe a Galiza Filme Orquestra, un servizo que permite contratar os músicos profesionais que sexan necesarios para cada traballo.

A gravación dixital
As novas tecnoloxías están a influír moito no xeito en que se gravan os discos.
"A era dixital da moitas posibilidades. Estamos aínda tentando encarreirar ese barco", apunta Grandío. "Moitos estudos que se baseaban en grande medida no mecanismo analóxico están pechando. Cos sistemas dixitais estanse conseguindo cada vez mellores resultados sen chegarmos aínda á calidade dos analóxicos. Pero pódense conseguir cousas como que semelle que canta ben alguén que non o fai", recoñece. Desde Bruar estudios, pola súa banda, salientan as posibilidades que abren estas tecnoloxías á hora de traballar: "Axúdanos a construír e medir espazos máis precisos, a facer rexistros de son cada vez mellores e a ter prezos máis axeitados. Ademais hai unha achega tímbrica extra, o que engrandece a nosa paleta de cores", destaca Nani García. Claro que, canda aestas oportunidades, tamén advirte que "cómpre ter en conta que á hora de gravar formatos acústicos de bo tamaño seguen sendo necesarios os metros cúbicos de aire. Grandes ou medianos espazos insonorizados con distintas medidas de reflexión seguen sendo moi caros e non son substituíbles".

Gravar en zapatillas
Para alén das ferramentas coas que contan os propios estudos, a universalización dos ordenadores está a democratizar en boa medida o acceso ás gravacións. "Agora co tema dixital moita xente fai o que pode na casa e reserva para o estudo só o necesario", indica Fasero, quen recoñece as vantaxes deste sistema, aínda que lles poida tirar traballo. "Iso non ten que ser malo, porque na casa tes todo o tempo no mundo", apunta. "Eu recoméndolle a todos os profesionais que teñan un sistema na casa. Pancho Álvarez, Budiño, Rodrigo Romaní, Leilía ou Mercedes Peón fan a gravación na casa e logo postproducen no estudo", súmase Grandío. "É moito máis cómodo, permite o que eu chamo `gravar en zapatillas´. Tes todo o tempo do mundo e podes escoitar e retocar unha e outra vez".

A variada calidade galega
Entre uns e doutros, de calquera maneira, recoñecen que a día de hoxe un grupo galego pode encontrar, a nivel técnico todo o que precise no noso mesmo país en canto a gravación. "Non teñen necesidade de ir fóra, nin compañía que llo pague", explica Grandío: "Os estudos de aquí pódense comparar cos de calquera outra parte do mundo". Tamén coincide nesta apreciación Fasero, que sinala que "poden gravar o que queiran en Galicia. Outra cousa é que esteas a buscar unha persoa concreta cun son determinado para o teu disco e que vaias fóra buscalo", recoñece. Desde os seus outeiros privilexiados, os responsables dos estudos comproban tamén como flúen as modas musicais. "Nótase variación nos grupos que pasan por aquí. Agora hai un auxe das formación tipo fanfarra, coma Lamatumbá. Nos primeiros anos noventa era o rock o que chegaba aos estudos, e entre o 95 e o 2003 practicamente só se gravaba folk", apunta Fasero. "A cantidade de grupos mais ou menos non varía, muda o estilo".

Continuará
En xeral no sector están convencidos de que os estudios van continuar aquí por moitas innovacións técnicas e crises discográficas que haxa. "Son un elo fundamental da industria e non vai desaparecer", asevera Fasero. Aínda que os seus responsables aseguran en xeral que foi o gusto pola música e non o afán de lucro o que os levou a este negocio, as perspectivas non semellan especialmente escuras para estes espazos. De calquera xeito, á hora de falar de posibles medidas para mellorar a situación, as propostas van por fortalecer a industria musical. Para Grandío "reactivar o directo é a clave, posturas coma a do IGAEM de crear unha rede de concertos farán que se active moito a música en Galicia e que logo os grupos poidan gravar". Pola súa banda, desde Bruar fan unha aposta moi concreta. "A única política viable para subsidiar este sector é a de crear un servidor potente de venda de audiovisual galego e cubrir o investimento máis importante que é a promoción e o posicionamento dese servidor na rede", apunta Nani García. "Deste xeito medraría a demanda profesional do sector de gravación". Aí queda iso. Gravando...