Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros
Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros
novembro 22, 2006
Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.
O último anuario da SGAE (tendo en conta que só contabiliza as actividades de pagamento) destaca que o folk é a actividade máis programada en Galicia. Se a isto lle sumamos que o primeiro documento que analiza o apartado didáctico di que hai 20.000 estudantes en 700 centros de ensino podemos comprender a relevancia que ten a música tradicional no noso país.
Dúas caras dunha mesma moeda
Antes de debullar a situación actual cómpre diferenciar que existen dúas facetas relacionadas coa música tradicional. Dunha banda está o carácter cultural, de reflexo do acervo do país, mentres que polo outro lado, está o seu aspecto educativo. No primeiro, existe certa unanimidade por todos os sectores, mentres que no segundo, o consenso xa non é tal. Non o é hoxe, nin o foi nunca. Rodrigo Romaní, profesor do departamento de música tradicional da Escola de Artes e Oficios (Antes “Universidade Popular” e dependente do Concello de Vigo) explica que o desencontro entre o ensino musical e a música tradicional foi desde sempre. “Nin a administración nin os círculos de música culta, que eran os que máis accesos tiñan á educación convencional e regrada, nunca se preocuparon por notar constancia deste feito musical, que é unha realidade incontestable”.
Dentro desta realidade, a día de hoxe Romaní afirma que se están a mover os fíos para que ambos campos que de sempre estiveron desvencellados comecen a achegarse.
A situación actual
En primeiro lugar, o Conservatorio Superior de Música de Vigo, dependente da Consellaría de Educación e un dos dous que hai en Galicia ofrece a especialidade “Instrumentos da música tradicional e popular”. Comezou a ofertala hai catro anos, cando se implantou o bacharelato LOXSE. Como título superior consta de catro cursos, polo que este ano sairán os primeiros titulados nesta especialidade (cuxo estudo é equivalente a un licenciado universitario). Polo demais, a gaita galega ten validez académica desde o 30 de novembro de 1977, cando así o acreditou o daquela Ministerio de Educación e Ciencia. A día de hoxe o grado de medio impártese en Ferrol, Vigo e Ourense. Pero á marxe destes centros de estudo, existe todo unha serie de centros nacidos ao amparo dos concellos. Son uns 700 e están recollidos no “Libro Branco da Educación en Música Tradicional” que vén de presentar a fundación Sondeseu.
O primeiro informe
“O libro branco da educación en música tradicional en Galicia” é un documento elaborado a raíz dos datos recollidos nun traballo de campo feito entre febreiro e xuño deste ano cunhas mil entrevistas realizadas nos centros de ensino entre o profesorado dos mesmos. “Nós, explica Rodrigo Romaní, queríamos descubrir unha cadea de valor, é dicir, entrar nos aspectos socioeconómicos da música tradicional. Ninguén discute a dimensión cultural, pero existe toda unha dimensión socioeconómica que estaba por explorar”. Os resultados deste informe revelan datos como que existen arredor de 20.000 estudantes repartidos en 700 centros de ensino que están promovidos, na súa maior parte por asociacións veciñais e concellos. Cada ano organízanse, segundo o libro branco, unhas 1.350 actividades repartidas entre música e baile tradicional que manexan, como mínimo, de tres millóns de euros. “Hai que ter en conta, asegura Romaní, que existe toda unha economía mergullada arredor da música e o baile tradicional que é moi difícil de cuantificar, pero que se aventura moi elevada”. Ademais, o estudo tamén asegura que o 70% dos docentes son autodidactas e aprenden en asociacións culturais, entidades que, segundo Romaní “teñen un papel importante porque foron as que aguantaron desta candea, as que transmitiron e practicaron este tipo de coñecementos, ata hoxe”.
Por outra banda, Romaní conta que “non temos moito lugar para onde mirar á hora de regrar este tipo de procesos, así que temos que contar coa singularidade do sitio no que estamos e da particularidade da linguaxe de transmisión oral. Iso si, hai que ter en conta que non son unha serie de pezas e artistas, é ante todo un proceso que se transmite de forma oral, que vai por outro tipo de mecanismos. Non son pezas de museo, senón música viva”.
O estudo é un punto de partida para mellorar a situación da música tradicional pero, como asegura Romaní “non é en base a ideas particulares como imos mellorar esa situación, senón a través do achegamento entre todos os implicados”. E iso foi precisamente o que aconteceu esta fin de semana, no "I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Gaiteiros" que a Asociación Gaiteiros Galegos organizou en Santiago.
O sector
Santiago Caneiro, presidente da Asociación Gaiteiros Galegos explica que “faltaba unha posta en común de todas as persoas que se dedican ao todos os campos (Conservatorios, Escolas de música tradicional, Asociacións Culturais e Centros de Ensino Obrigatorio) e, tendo en conta a longa vida que tiña a asociación, foi como se xestou este congreso, que tivo unha asistencia masiva”. O primeiro encontro destas características analizou as principais experiencias educativas, as diferentes metodoloxías e serviu para intercambiar opinións. “Houbo moitas ideas, explica Caneiro, e chegamos á conclusión de que a cultura musical onde se ten que traballar e ensinar é no ensino regrado. Pero ao mesmo tempo sabemos que non se necesita que todo sexa vía oficial e regrada, senón que tamén ten que deixar oco para a transmisión oral, á propia espontaneidade e idiosincrasia”.
No congreso púxose de manifesto que se rompeu a cadea de tradición por dous motivos, “ou porque morreron os portantes ou porque os fillos e netos non teñen acceso aos nosos maiores polo seu hábito de vida” di Caneiro. Iso implica que a nosa cultura tradicional ten que transmitirse nas escolas”. E para iso hai que formar aos docentes. Santiago considera que existen textos sobre a nosa tradición musical, pero coida que hai moito que facer, que é un terreo que está practicamente virxe. “Falta un apoio na parte da catalogación do traballo que hai recollido ata o de agora, que está na súa práctica totalidade en arquivos privados. É certo que hai problemas pero creo que non son insalvables. Polo demais, hai xente que está a traballar nesta liña, pero falta moito por facer”.
Por último, no congreso tamén se constatou a boa situación da nosa música tradicional. “Desde os anos setenta, houbo unha recuperación tanto polo número de persoas que a practican, como polo método e non se producen en lugares puntuais senón en todos os sitios e niveis” explica Santiago. "É certo que no pasado houbo belixerancias, pero afortunadamente están solventadas e podemos ir trazando un horizonte común con seriedade".