Ir ao contido directamente.


Noticias

Hoxe sae á venda o segundo disco longo de Marco Maril en solitario como Apenino

Xénero: Pop | 17 / 9 / 2007 + VIDEO

not_10636.jpg

Tres anos despois do seu anterior disco “Bumerán, Bumerán” o santiagués Marco Maril volveu pasar polos estudos Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol para gravar “Un rayo de sol”, editado por Jabalina Música. Das dez cancións deste novo traballo de Apenino nove delas son propias e hai unha versión de The Field mice. A súa música ofrece un pop de corte electro-acústico sobre unha base electrónica, que culmina un amplo espectro de arranxos que van desde o máis modesto ruído, á orquestración máis rotunda. Marco A. Maril creou Apenino despois de desfacer o grupo Dar Ful Ful que compartía con Xabi Font, tamén formou parte do grupo Hemisferio Izquierdo e Fulsomes, así como creou tamén o alter-ego El Oso Goloso para outras aventuras musicais paralelas a Apenino.

Máis información en Jabalina Música

Os compositores galegos de finais do XIX trasladaron á música a identidade do país

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

Cando se cumpren cen anos da estrea oficial do himno galego na Habana, a Universidade de Santiago celebra unhas xornadas para pór en común diferentes visións sobre o papel identitario que desenvolveu a música no século XIX. Precisamente un dos profesores participantes das xornadas, Luís Costa, explica que os coros e os compositores galegos desenvolveron un papel fundamental no desenvolvemento da nosa identidade. Na súa opinión, tanto Aires da Terra, que marcou os camiños do coralismo, como Veiga, Montes ou Chané como directores de diferentes orfeóns, foron quen de ofrecer música con carácter voluntario.

Máis información en Galicia Hoxe

Juan Rivas participa con dous temas de “Mundo feliz” na banda sonora da película Babykiller

Xénero: Pop | 14 / 9 / 2007

not_10626.jpg

O músico vigués Juan Rivas segue mantendo de actualidade o seu disco “Mundo feliz”(Pop&Co, 2007) que presentou por todo o estado acompañado da banda Donatore di Groove. O cantante foi contactado polo director de cine Miguel Martí, que despois de asistir a un concerto decidiu inserir na súa película “Barbykiller” dous temas deste disco e mesmo a aparición de Rivas na longametraxe, próxima a estrearse. O novo vídeo do tema “Como un tonto” cantado a dúo con Germán Coppini inclúe xa imaxes da película e dos seus protagonistas: César Camino e Macarena Gómez.

Vídeo de Como un tonto"

Unha edición facsímile recupera o “Cancioneiro Gallego” de Bal y Gay

Xénero: Clásica/Lírica | 13 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

Vigo acollerá a presentación a vindeira semana unha edición facsímile do “Cancioneiro Gallego”. Esta obra do músico Bal y Gay, considerado un dos piares da nosa etnomusicoloxía, foi a primeira que se desenvolveu a través dunha recollida no rural e supuxo unha ruptura cos sistemas de traballo previo. O libro conta cun prólogo do catedrático da USC Carlos Villanueva, que reclamou a necesidade de recuperar material inédito vencellado a esta obra.

Máis información en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos

O segundo disco de Fanny + Alexander saerá á rede no vindeiro outubro

Xénero: Indie | 12 / 9 / 2007 + AUDIO + VIDEO

not_10616.jpg

O segundo disco longo do dúo compostelán Fanny+Alexander verá a luz o vindeiro mes de outubro no netlabel A Regueifa a súa obra baixo licenza Creative Commons. Co título de "Finais dos 70s, comezos dos 80s" Noel Feáns e Efi Arias presentan nove temas, sete propios e dúas versións de Fuxan os Ventos e The Smiths, nos que continúan o vieiro iniciado no seu debut Lusco e Fusco mesturando pop, electrónica, rock, hip-hop e música tradicional galega. As letras serán, de novo, adaptacións de obras de poetas galegos, dende Elvira Riveiro a Pilar Pallarés pasando por Daniel Salgado, Carvalho Calero e Lois Pereiro. O primeiro “single”, “Danzarei para ti (se botas outra moeda)”, xa pode escoitarse no seu Myspace, mirarse en Youtube e e descargarse en mp3 na Regueifa.

A Real Filharmonía de Galicia presenta unha nova temporada na que consolida o seu repertorio propio

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

A catedral de Santiago será o escenario no que a Real Filharmonía de Galicia abra o vindeiro día 27 (21:30 horas) a súa temporada 2007/08. Un concerto que sintetiza as liñas desta edición: obras clásicas, contemporáneas e, sobre todo, elevará á categoría de solistas integrantes da propia formación. Ademais, interpretará obras encargadas aos compositores galegos Juan Vara (titulada “Enigmas da temporalidade” sobre un poema de Eloy Sánchez Rosillo) e a Xabier de Paz. Entre as orquestras convidadas destaca a Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixirá Víctor Pablo e a Wiener Akademie, dirixida por M. Haselbock.

Máis información no web do Auditorio e sobre a Real Filharmonía na nosa hemeroteca

María do Ceo presenta un novo disco no que viaxa musicalmente entre Camariñas e Lisboa

Xénero: Melódica | 11 / 9 / 2007

not_10606.jpg

A cantante luso-galega María do Ceo presentará este mércores , día 12, ás 12 da mañá, no Café Isaac, de Ourense o seu novo disco “Tan lonxe Tão lonxe”. No seu sétimo disco, a fadista nacida en Oporto presenta unha dúcia de temas nas que fai “unha viaxe de Camariñas a Lisboa” recollendo estilos e ritmos diferentes de cada lugar. O disco conta cunha presentación, a xeito de prólogo, escrita po Patricia Kraus. A cantante ten en proceso un seguinte traballo discográfico previsto para a primavera do 2008 que levará por título Moraima e no que cantará poemas de Curros Enrriquez, Celso Emilio Ferreiro, etc.

A Sala Capitol de Compostela poderá cancelar a súa programación musical

Xénero: Miscelánea | 7 / 9 / 2007

not_10587.jpg

En poucos anos, a Sala Capitol, ubicada en Santiago de Compostela, converteuse nun referente galego e estatal na súa programación musical, pero o seu propietario, Francisco Sanín, anunciou que esta actividade poderá finalizar en outono, “debido á falta de apoios”. Desde a súa apertura, a sala tivo un complicado encaixe administrativo para delimitar os usos e os horarios de apertura deste antigo cine compostelán. Agora, Sanín anuncia que, de non frutificar as negociacións co Concello de Santiago para estender o horario de apertura, finalizará esta programación. Recentemente, Santiago xa viu o peche doutros dous espazos emblemáticos de programación cultural: a Sala Yago e a Sala Galán.

Máis información en El País e La Voz de Galicia

Os coruñeses Grasa presentan na Fnac a súa primeira maqueta e videoclip

Xénero: Pop | 6 / 9 / 2007 + VIDEO

not_10583.jpg

O sexteto Grasa, formado hai dous anos con antigos compoñentes de outras bandas coruñesas como Enkueros e Peyotex, presenta hoxe nas instalacións da tenda Fnac da Coruña a súa primeira maqueta autoproducida gravada a principios deste ano. O grupo presenta tamén o seu videoclip “Karthikeyan” no que se mesturan imaxes de animación con imaxe real . O concerto, ás 19,30 horas, servirá para coñecer mellor os temas deste traballo e ver o vídeo producido por eles mesmos. Grasa está formado por Tereza Filgueiras, Diego Díaz, Manuel Seoane, Ricardo Costa, Rafael Hermo e Antonio de la Prieta. O grupo actuará o vindeiro 6 de outubro no Café Cultural Auriense da cidade das Burgas.

Máis información en El Ideal Gallego

O novo selo Kamikaze Música presentará tres lanzamentos discográficos antes de rematar o ano

Xénero: Miscelánea | 4 / 9 / 2007

not_10568.jpg

Con “As palabras espidas” dos galegos NAO inaugurarase o vindeiro 12 de novembro o catálogo discográfico de Kamikaze Música a nova editora creada pola empresa viguesa de servizos e xestión musical Kamikaze Producións. O disco de NAO ven de rematar a súa gravación nos estudios Garate de Andoain baixo a produción de Kaki Arkarazc, a formación de rock metaleiro presenta once temas novos neste seu primeiro traballo discográfico. Kamikaze Música prepara tamén dous discos a cargo dos grupos lusos Peste & Sida e Bob Da Rage Sense, de punk e Hip-Hop respectivamente, que se agarda que saia á rúa o 26 de novembro.

<< Inicio / Anterior . 3171 a 3180 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR