Noticias
A orquestra Olympus buscará en Negreira o Guinness á actuación máis longa da historia
Xénero: IMAXES
| 26 / 9 / 2007 +Vintecatro horas sen parar de cantar, bailar e tocar agardan aos catorce compoñentes da orquestra Olympus de Negreira a partir das doce da noite do vindeiro 31 de outubro. Esta agrupación musical que ameniza festas por toda Galicia ten como obxectivo bater a marca do Libro Guinness á actuación musical máis longa da historia, que agora mesmo está nas 16 horas continuadas. Para este fin están traballando un equipo de case medio cento de persoas e contan co apoio do seu club de fans, de máis de 4.000 socios, e de varias empresas entre as que hai varios medios de comunicación, bebidas enerxéticas e pilas que nunca se esgotan. A formación, punteira no seu campo, intenta con este fito facer unha homenaxe aos seus seguidores incondicionais e ao resto das orquestras do país que, como eles, animan as festas e verbenas de toda a xeografía. A excepcional actuación terá lugar na Praza do Concello de Negreira e, de ser preciso, instalarase unha carpa.
Máis información en Tierras de Santiago
e no sitio web de Orquesta Olympus
Artistas da discográfica Falcatruada participarán dunha mesa redonda sobre a proxección internacional da súa musica
Xénero:
| 24 / 9 / 2007No Forum das instalacións da Fnac na Coruña reuniranse hoxe ás 19:30 horas diferentes artistas cun nexo común: editar co selo discográfico Falcatruada. Baixo o título de “Sons de Galiza. Enfeitizando o mundo” membros de Lamatumbá falarán da súa experiencia no Popkomm de Berlín; a coruñesa Silvia Penide falarán da súa traxectoria polos escenarios de Italia, Eslovenia ou Croacia; Tamén estará alí Guadi Galego, nomeada aos Grammy latinos, membro de Espido, voz e gaita de Berrogüetto, e unha dos tres integrantes de Nordestin@s, xunto con Abe Rábade, que tamén participará na mesa redonda. A proxección da música galega que percorre o mundo e cómo o fenómeno da Internet fai que estes artistas teñan miles de fans inscritos nos seus foros web son algúns dos temas que sairán a debate neste interesante encontro.
Magín Blanco presenta o seu novo disco en solitario
Xénero: VIDEO + AUDIO + IMAXES
| 24 / 9 / 2007 +O músico rués Magín Blanco está a vivir una segunda xuventude artística. Despois de dez anos sen gravar o ano pasado sacou o disco “Ella” (PAI, 2006), este ano participou cunha canción no concurso A polo Ghit! e agora presenta un novo álbum en solitario “Realidad” (PAI). Case sen pausa despois de “Ella” Magín volveu entrar nos estudios Casa de Tolos para sacar este traballo que presentou o pasado sábado nas instalacións da Fnac na Coruña. “Realidad”, está tecido cunha colección de cancións, a medio camiño entre a música de autor e o pop, seguindo a liña intimista iniciada no seu primeiro disco, pero cunhas cancións mais vitalistas e coidadosamente arranxadas. Magín gravou os seus primeiros temas en 1987 con outras formacións e en 1988 tivo o seu primeiro disco propio “La Rosa” (Edigal).
Luis Emilio Batallán presenta o cuarto disco da súa carreira musical
Xénero:
| 21 / 9 / 2007"Tu Retrato" (2007) é o cuarto disco de Batallán, co que bota unha media dun disco por década. No seu novo traballo o creador de “Aí ven o maio” pon música e voz a versos de Gil de Biedma ou Fonollosa, entre outros. Dos doce temas do disco só un está en galego”A cada un o seu” con letra e música do propio artista. Toques de jazz, blues, pop e sons caribeños salpican o disco que hoxe presentou Luís Emilio Batallán en sociedade no Club Internacional de Prensa en Santiago.
A Escola de Gaitas da Deputación buscará outro local para dar clases en Cangas
Xénero:
| 21 / 9 / 2007O deputado provincial e ex-alcalde de Cangas José Enrique Sotelo acusou de sectarismo ao actual goberno local cangués por rexeitar o servizo da Escola de Gaitas da Deputación. Noutro episodio deste enfrontamento entre visións contrapostas da didáctica da tradición musical Sotelo asegurou que, pese a non dispor das instalacións municipais , o prazo de matrícula segue aberto e xa hai conversas para conseguir un novo local para as clases. Sotelo asegurou que de manterse a demanda por parte dos alumnos o curso seguirá adiante aínda que non dispoñan do Auditorio. Este é o segundo desencontro da deputación no tema das escolas de gaitas, hai dous anos romperon relacións coa Asociación de Gaiteiros galegos polo mesmo asunto.
Máis información en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
Cangas rexeita a escola de gaitas da Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 20 / 9 / 2007O debate sobre o modelo de escolas de gaitas de Deputación de Pontevedra volta á actualidade. Desta volta é o Concello de Cangas o que rexeita continuar a súa colaboración neste sentido co organismo provincial por considerar que o modelo de ensino non se corresponde co estilo tradicional galego. Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación.
Máis información no Faro de Vigo, La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
A Real Filharmonía de Galicia grava obras de Mompou coa mezzosoprano Marisa Martins
Xénero:
| 19 / 9 / 2007Antes do inicio da temporada de abono a Real Filharmonía ven de rematar esta semana a gravación no Auditorio de Galicia de catro pezas compostas polo compositor catalán Frederic Mompou, falecido hai agora 20 anos. Baixo a dirección de Antoni Ros Marbà, Warner Music poñerá en valor toda a calidade artística de Mompou, coa edición deste disco, que inclúe as pezas El Combat del Somni, a Suite Compostela, 5 Poemas sobre textos de Paul Valéry e Cançons i danses. O mestre Ros Marbà é o autor dos arranxos ás tres primeiras obras da gravación. A mezzosoprano hispano-arxentina Marisa Martins é a encargada de poñer voz ás pezas. Foi a viúva de Mompou, Carmen Bravo, recentemente falecida, quen legou ao mestre Ros Marbà unhas cartas nas que manifestaba o seu desexo de que fose Martins quen cantase as composicións do seu marido. O disco entra agora en proceso de post-produción e aínda non se coñece a súa data de presentación.
Máis información en El Correo Gallego
Deluxe súmase á representación de músicos galegos en Popkomm
Xénero:
| 18 / 9 / 2007Coas portas da décimo novena edición da feira Popkomm a punto de abrirse en Berlín a embaixada musical galega ultima os seus preparativos. Ás xa previstas actuacións de Faltriqueira, Berrogüetto e Lamatumba no programa “Sounds from Spain” súmase agora a presenza de Deluxe. Xoel López presentará as súas cancións do disco “Fin de un viaje infinito” o día 20 na gala "European Music & Media Night", na que compartirá escenario con seis músicos de outros países. Ademais, a conselleira Ánxela Bugallo acaba de anunciar que estará presente na feira e manterá xuntanzas con empresas e grupos musicais. O evento, que vai pola súa terceira edición, reúne a moitos executivos musicais, representantes de multinacionais e provedores de servizos.
Máis información en Popkomm
e na EMMN
A innovación musical centra as últimas citas do festival Sinsal 2007
Xénero:
| 18 / 9 / 2007O cuarteto da República de Tuva, Huun-Huur-Tu compón o cartel da “Estación verán” do Festival Sinsal 2007, que terá lugar o 1 de outubro no Centro cultural de Caixanova. A “Estación outono” terá un programa dobre no que Litius, The Exploding Star Orchestra e Sea&Cake (28 de outubro) e Raccoo-oo-oon e Acid Mothers Temple & The Melting Paraíso UFO, ofrecerán propostas arriscadas, inusuais e comprometidas. Un programa que converte esta nova edición do Sinsal nun dos referentes da música alternativa e innovadora do país.
Máis información no web do Festival
Os boirenses Supersandwich gañan a primeira edición do certame “Nsaio no camiño”
Xénero: VIDEO
| 17 / 9 / 2007 +Na final celebrada o pasado sábado máis de catro milleiros de persoas reuníronse no Pazo de Feiras e exposicións de Lugo para ver as actuacións dos seis grupos finalistas e a posterior actuaciópn do grupo Los Suaves. Supersandwich, formado por once músicos, acudiu como finalista na categoría de mestizaxe do certame. Os composteláns “Pito de Pikasso” foron finalistas na modalidade de rock, o grupo de Ponteareas Capitán Furilo o foron na categoría de pop mentres de Colectivo Oruga, Coanhadeira e Solemne eran finalistas nas categorías de novas tendencias, folk e hip-hop respectivamente. Supersandwich mestura a rumba o ska e o rock sobre unha base funky. O premio, valorado en 30.000 euros, consiste na gravación e promoción dun disco. A Dirección Xeral de Xuventude anunciou a intención de editar un disco coas cancións dos finalistas e a preparación dunha segunda edición deste certame.
Máis información en El Progreso