Ir ao contido directamente.


Noticias

Xa está en marcha a preparación do segundo congreso de ensinantes de música tradicional

Xénero: Folk | 10 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela. O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música tradicional. Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será ata o 16 de Novembro de 2007. O pasado ano na primeira edición deste congreso presentouse por parte da Fundación Sondeseu o primeiro libro branco de educación do sector con relevantes cifras.

Máis información na Asociación de Gaiteiros
e o noso tema sobre Educación en música tradicional

Carlos Childe Troupe abre con “Cooking Melodies” a colección de Blues & Jazz do selo PAI

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 10 / 2007 + IMAXES + VIDEO

not_10799.jpg

Os coruñeses Carlos Childe Troupe editan co selo PAI o seu primeiro disco “Cooking Melodies”, gravado no estudio Casa de Tolos coa produción artística de Segundo Grandío. A discográfica abre con este disco, e máis coa reedición de “15 years old blues” de Miki Nervio & The Bluesmakers, o seu apartado de Blues & Jazz, que levaban tempo desexando ter. A formación encabezada por Childe e na que tamén están Santi Roma, Víctor Sánchez e os irmáns Juan e Luís Tinajero presentan neste menú una ducia de temas de blues e swing nos que a desgarrada voz de Childe entra nos estándares destes xéneros con versións de clásicos como “God bless the child” ou “Summertime blues” entre outros. Tamén colaboran neste disco os metais dos Mañufe Horns (Pablo Casal, Jose Pérez e David Fernández “Michi”) e os teclados de Mr.D de Moon Cresta. “Cooking Melodies” presentarase o sabado día 27 de Outubro ás 19:30 horas na Fnac de A Coruña.

O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo pasará a ser Escola

Xénero: Folk | 10 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

A Concellaría de Educación de Vigo informa de que teñen a intención de converter o Conservatorio de Música Tradicional nunha Escola que se integre na Escola Municipal de Música. Novas dependencias e a estabilidade laboral dos ensinantes, “facendo fixos ou interinos a toda a xente posible” son as novas propostas para o centro, segundo asegura a titular do departamento, Laura López Atrio, que engadiu que o novo espazo terá "mellores condicións" e “unha orientación educativa avanzada".

Máis información no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional

Luar na Lubre presenta o seu novo disco e inicia xira na Coruña

Xénero: Folk | 8 / 10 / 2007 + VIDEO

not_10778.jpg

Con “Camiños da fin da terra”(Warner Music) a formación liderada por Bieito Romero acada o décimo disco da súa carreira musical. O álbum sairá a venda o vindeiro día 23 de outubro presentarse nas instalación da Fnac da Coruña ese mesmo día; contén catorce cancións inspiradas nas tradicións, lendas, paisaxes e personaxes que conforman a identidade galega e a súa ascendencia celta. Luar na Lubre dará o seu primeiro concerto oficial da xira de presentación de “Camiños da fin da terra” no Teatro Colón da Coruña o día 25 deste mes seguindo despois polo resto do Estado e en Alemaña. A banda folk xa adiantou o seu primeiro videoclip do disco, a canción “Os Animais”, unha popular melodía de orixe irlandesa cunha letra de inspiración bíblica adaptada neste caso polo poeta Xabier Cordal.

Nace a Orquestra Barroca Galega para cubrir un oco no panorama musical do Norte

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

No Norte do Estado non existía ningún conxunto barroco. Por iso, a soprano arousá Laura Alonso e a súa parella, o clarinetista alacantino Tony Salar abandeiran o proxecto da Orquestra Barroca de Galicia. A soprano exercerá de madriña mentres que Salar será o director dunha formación que ofrecerá o seu primeiro concerto en decembro. O seu repertorio centrarase en compositores coma Pergolesi, Gluck, Rosini ou Mozart.

Máis información no web da formación

Dezasete localidades acollerán os encontros de sesenta e dúas corais do país

Xénero: Coral | 5 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

A Consellaría de Cultura e a Federación Coral Galega organizan un programa de encontros de corais para dar a coñecer o traballo musical que elaboran estas formacións musicais no noso país. As actuacións comezarán mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames e durarán até o 23 de decembro. Os concellos nos que haberá actuación son os seguintes: Brión, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Noia, Outes, Sada, Santiago de Compostela, Vimianzo, O Rosal, Oia, A Gudiña, Vigo, Vilaboa e Ourense. En total serán 62 as corais participantes nas actuacións que se desenvolverán en 17 localidades. Nos eventos a coral local encárgase de darlle a acollida ás corais visitantes.
Máis información na Consellaría de Cultura e Deporte

A comunidade “hardcore” mobilízase por solidariedade cos integrantes do grupo Ictus

Xénero: Rock | 3 / 10 / 2007

not_10743.jpg

A Sala Zona de Bueu acollerá este sábado un concerto de catro grupos e dous picadiscos que busca recadar cartos que axuden aos integrantes do grupo de hardcore Ictus. Os grupos Prap´s , Kogito, Última Sacudida e The Señoritos, xunto a DJ Gavu e DJ David Graña porán a música nesta noite na que os roqueiros dan toda unha lección de solidariedade. O 2 de agosto pasado o grupo lugués Ictus percorría Europa nunha xira na que xa presentaban temas do seu cuarto disco gravado antes do verán, un accidente nunha autopista de Bielorrusia rematou traxicamente coa xira colocando en estado de máxima gravidade ao seu batería, Mejuto, cun traumatismo vertebral que o mantivo inconsciente moito tempo e completamente paralizado. Desde entón a comunidade musical do hardcore e o punk tense envorcado en diversas mostras de apoio moral e económico para axudar nos gastos médicos e de intendencia que todo isto lles causou. O de Bueu é o segundo concerto destas características despois do celebrado en Llodio o pasado 21 de setembro.

Máis información en Máis Alá Distri
e no MySpace de Ictus

Abe Rábade representará ao jazz de España nos premios europeos Eurodjango

Xénero: Jazz/Blues | 2 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

Abe Rábade e o trompetista catalán Raynald Colom son os dous jazzistas escollidos para representar ao estado español no Eurodjango Award 2007 –premios creados na honra do lendario músico Django Reinhardt- na categoría de Novos Talentos Europeos. O xurado para as candidaturas españolas que elixiu ao músico compostelán para representar ao jazz do Estado estivo composto polos prestixiosos críticos Claudio Cifuentes, Pablo Sanz, Chema García, Alejandro Cifuentes, Jorge García, Federico G. Herráez, Manolo Ferrán, Ángel G. Aparicio, Pere Pons e Ferrán Esteve. O fallo do Eurodjango Award será o día 1 de Decembro na cidade de Luxemburgo onde Rábade interpretará dous temas de “Open Doors” o último traballo do seu trío. É primeiro ano que España está representada neste certame.

Máis información en El Paíse nos Eurodjango Awards

Chega ás tendas o “Desafinante crónica” de Silvia Penide precedido polo seu éxito na venda en liña

Xénero: Cantautor | 2 / 10 / 2007 + IMAXES + VIDEO

not_10733.jpg

Xa se pode pedir desde hoxe nas tendas o novo disco de Silvia Penide (Meicende, 1979) , cuarto do seu currículo discográfico e co que a artista presenta o seu traballo máis elaborado ata o momento e tamén “co que máis profundo mergullo no meu propio universo”, como ela mesma di. "Desafinante crónica” (Falcatruada) foi gravado nos estudos Abrigueiro de Lugo coa produción de Arturo Vaquero e a colaboración dun bo feixe de músicos galegos. Aínda que é agora cando o disco entra nas tendas a súa versión dixital xa leva á venda na rede en diversas tendas virtuais desde o 18 de setembro engadindo o tema extra “Cambio de ritmo”. Na súa primeira semana na tenda iTunes de Apple “Desafinante crónica” acadou o sexto posto entre os albumes máis vendidos de música latina e o posto 20 na lista xeral. A canción “Reventaba” escoitarase en continua rotación nas emisoras de radio e o videoclip da mesma nas cadeas de televisión musicais.

Máis información en Falcatruada

O programa radiofónico Inframundo distribúe de balde unha escolma de grupos coruñeses

Xénero: Miscelánea | 27 / 9 / 2007 + AUDIO

not_10708.jpg

Dezaseis bandas da Coruña, dos máis variados estilos, participan en “Inframundo Volume I”. Este CD que se presenta hoxe, promovido polo programa Inframundo de Cuac FM, amosa unha selección da escena herculina, e del tiraranse mil copias que se distribuirán de balde. Desde o programa xa anunciaron a súa intención de publicar un segundo volume, para o que animan as bandas da zona a que acheguen os seus temas.

Máis información en La Opinión e no web de Inframundo

<< Inicio / Anterior . 3151 a 3160 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR