Noticias
Entradas a prezo reducido procuran máis público para o festival Are More
Xénero:
| 26 / 10 / 2007Gratuítas e con prezo que oscila entre o un e os dez euros. Esta é a política de prezos nesta edición do Festival de Música Are More (30 de outubro-17 de decembro), o principal evento musical que se sucede en Vigo e que este ano busca captar novos públicos. Polas obras no Teatro Fraga Caixa Galicia, o Teatro Salesianos, o Auditorio “Martín Códax”, e varias igrexas acollerán os concertos nos que destaca a presenza de Angelika Kirchschlager, o Novalis Quartett e o grupo de gospel The Black Heritage Singers.
Máis información no web do Are More e na nosa hemeroteca
Falece Carlos Asorey, propietario do Club de Jazz Dado Dadá de Santiago
Xénero:
| 24 / 10 / 2007Despois dunha longa enfermidade onte faleceu en Santiago Carlos Asorey, propietario do club de jazz Dado Dadá, un dos locais de jazz máis antigos de Galicia e en funcionamento. Hoxe despídense deste home moi querido moitos músicos, magos e actores que pasaron polo escenario deste mítico local que rexentaba coa súa muller Carmen Eixo. Fai dous anos o club celebraba o seu 25 aniversario xa que o 16 de Febreiro de 1.980 abría as súas portas o Jazz Club Dado Dadá na Rúa de Alfredo Brañas de Santiago. Dende aquela pasaron máis de 9.000 noites de jazz, flamenco, canción de autor, pop, rock, teatro, humor, maxia e tertulia animadas e organizadas por Asorey e a súa dona. Neste tempo polo seu escenario pasaron algunhas das figuras máis interesantes do panorama cultural nacional e internacional e moitos músicos célebres que pasaron pola capital visitaron o local e mesmo participaron con concertos improvisados e jam-sessions.
Máis información en El Correo Gallego e o noso Tema do día sobre 25 Aniversario do Dado Dadá
O Concello da Coruña celebra con concertos a Semana da Biblioteca
Xénero:
| 23 / 10 / 2007Como un agasallo para os lectores habituais definiu a concelleira de Cultura do Concello da Coruña o programa de concertos que esta semana acollerán as salas de lecturas da cidade. Como celebración musical da Semana da Biblioteca desde onte a ata o xoves cada día haberá concertos nestes centros. As caboverdianas de Batuko Tantaka abriron onte a semana na Biblioteca da Sagrada Familia, hoxe será o grupo Serra-llhe Aí! na Biblioteca de Monte Alto; o mércores o dúo Bellón e Maceiras actuará en Durán Loriga ás 19:30 horas e o xoves o Forum Metropolitano acollerá dúas actuacións, Kin García trío e Bonovo a partir das 20 horas.
Maís información en Concello da Coruña
O festival Womex de Sevilla contará con representación galega
Xénero:
| 23 / 10 / 2007O festival Womex, o maior que existe dedicado ás músicas do mundo, contará por primeira vez cunha representación galega. O Instituto de Artes Escénicas e Musicais e mais as asociacións profesionais desta industria achegan ao encontro un posto, representacións dunha ducia de empresas do sector, proxeccións audiovisuais e mais un CD con cancións seleccionadas desde asociacións do sector e un libro promocional, todo baixo o lema “The spirit of Finisterrae”. O evento, que se desenvolve entre o 24 e o 28 deste mes en Sevilla, inclúe tamén un concerto do grupo Marful.
Máis información no web de Cultura, web de Galiciantunes e nos nosos arquivos
Elodio y los Seres Queridos sacarán o seu primeiro disco en decembro cunha discográfica zaragozana
Xénero: VIDEO
| 22 / 10 / 2007 +Aínda que os temas do disco “Esto que tienes delante” levan meses escoitándose por Internet e mesmo nas radios, o traballo dos vigueses ainda non tiña data de edición no soporte discográfico habitual do momento, ata agora. Este sábado o grupo formado por Eladio Santos, Óscar Durán, Manuel Santamaría e Marcos Vázquez fixo público a través da rede que o día 10 de decembro sairá á rúa “Esto que tienes delante” editado polo selo zaragozano “Grabaciones en el mar”, que tamén ten editados grupos como El Niño Gusano ou La Habitación Roja, entre outros. O líder do grupo, Eladio Santos, ten tras de si unha importante traxectoria en formacións como Foggie Mental Breakdown, Los tres Sudamaricones e Tony Lomba & Elio dos Santos.
Escoitar.org editará no 2008 tres cedés cos sons que corren o risco de desaparecer
Xénero:
| 22 / 10 / 2007O grupo Escoitar.org leva máis dun ano recuperando sons que, segundo o seu criterio, están en perigo de desaparición. O resultado verá a luz en 2008, momento no que editarán tres cedés que están divididos en bloques temáticos: un dedicado a sinais acústicos, outro a sons industriais e o último a sons de interacción social, como poden ser os toques das campás.
Máis información no web de Escoitar.org, en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos
O Concello de Ames quere o Conservatorio Folque de Lalín
Xénero:
| 22 / 10 / 2007Varios concellos están interesados en se facer co proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque que actualmente funciona en Lalín. Segundo publicaba “La Voz de Galicia” esta fin de semana, o concello de Ames recoñeceu que está desenvolver contactos coa dirección do centro sobre esta posibilidade e que existen outras propostas municipais no mesmo sentido. Ao tempo en Vigo comezaban o pasado mércores os cursos da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular) coa ausencia da metade dos profesores, pendentes aínda de regularización laboral. Entre as materias afectadas, está unha boa parte das que compoñen a oferta do Conservatorio de Música Tradicional.
Máis información en La Voz de Galiciaedición Santiago e Edición Vigo e no noso tema sobre estas cuestións
A Sinfónica de Galicia inaugura a temporada trala súa aplaudida xira por América
Xénero:
| 19 / 10 / 2007Entre a xira por Sudamérica e as citas pendentes en Alemaña, a Orquestra Sinfónica de Galicia aterra na Coruña para ofrecer o primeiro concerto da temporada. Faino no seu recinto habitual, Pazo da Ópera da Coruña (20:30 horas) co pianista ruso Arcadi Volodos como principal reclamo. Ábrese así a temporada na que a formación coruñesa interpretará a integral das sinfonías de Beethoven e que achegará a Natalie Stutzman, Alexei Volodin, ou Libos Pesek.
Máis información no web da Orquestra Sinfónica de Galicia e na nosa hemeroteca sobre a formación
The Homens xa teñen na rúa o seu novo disco en CD e vinilo
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 16 / 10 / 2007 +O terceiro disco do trío The Homens xa está na rúa en tres formatos, ante isto o nome do disco, “Tres”, estaba cantado. O novo traballo do grupo compostelán de powerpop comezouse a gravar no mes de xullo nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Santi García, tomou forma no verán e agora xa está nas tendas de todo o país. Trátase dun disco cargado de letras acedas, retrousos pegadizos e moita diversión. Apostando por un deseño atrevido e atractivo a discográfica Falcatruada edita este disco en formato especial: 500 copias en vinilo de 12”, incorporando un disco cos temas en mp3 e un póster no interior; tamén hai unha versión en CD en formato económico en digipack. O trío formado por Martin Wu, Roi e Xocas xa ten como costume publicar as súas composicións baixo licenza Creative Commons e o disco enteiro agás dúas cancións pode descargarse desde o sitio web do grupo.
Máis información en La Voz de Galicia
O selo PAI-Música editará o novo traballo discográfico de Lamatumbá
Xénero:
| 11 / 10 / 2007O grupo ourensán Lamatumbá ven de preparar a post-produción do seu próximo traballo discográfico nos estudios Casa de Tolos de Gondomar segundo ven de informar nun comunicado a discográfica PAI-Música. Lamatumbá ficha con este novo traballo por PAI- Música despois de que o anterior “Lume (para que saia o sol)!” o editara con Falcatruada no 2005 e que no 2001, da man do selo Xingra sacara “Pachangüilanuí”, o seu primeiro disco. O grupo entrará nos estudios de Gondomar para empezar a gravar os novos temas a partir do 5 de novembro. Lamatumbá vendeu máis de tres milleiros de copias do seu anterior traballo e recentemente formou parte da embaixada musical española no PopKomm.
Máis información sobre Lamatumbá nos nosos arquivos