Ir ao contido directamente.


Noticias

Celébrase en Compostela o I Certame Galego de Bandas de Música

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

O I Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Compostela entre o 23 e o 25 deste mes, concentrará dezasete formacións deste tipo. Ao tempo, a Consellaría de Cultura, que organiza o certame, anunciou onte o investimento de 250.000 euros en actividades de formación e de apoio a estes grupos. Destes, 80.000 euros servirán para organizar cincuenta encontros de música popular e outros 50.000 irán a promover a participación de bandas galegas en encontros no exterior.

Máis información en La Voz de Galicia

O novo disco de Triángulo de Amor Bizarro sae hoxe á rúa cos temas das súas primeiras maquetas

Xénero: Indie | 13 / 11 / 2007 + VIDEO + IMAXES

not_11019.jpg

O trío coruñés presenta agora o seu segundo disco co selo independente, e tamén de orixe coruñesa, Mushroom Pillow. Aclamados unanimemente pola crítica como un dos grupos revelación do ano tras a publicación do seu primeiro traballo, homónimo do grupo, o grupo paseou os seus directos por todo o país e desde hoxe pon na rúa “El hombre del siglo V”. O novo disco inclúe os temas das súas dúas primeiras maquetas auto traducidas, coas que quedaron semifinalistas dous anos consecutivos no Proxecto Demo, organizado polo Festival Internacional de Benicàssim, ademais de tres temas gravados para a ocasión. Con este cd o grupo ofrece un punto e seguido co que completa a discografía desde os seus inicios ata as máis recentes incorporacións ao repertorio do seu directo.

Falcatruada abre unha nova plataforma de promoción musical na rede para os seus discos

Xénero: Miscelánea | 8 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

A discográfica coruñesa Falcatruada segue a facer da comunicación na rede un dos seus puntos de fortaleza estratéxica. A editora, que presentou recentemente o novo disco de The Homens, pon agora na rede una nova ferramenta de promoción da música dos seus artistas, Clubedixital, un novo espazo na rede no que, de xeito sinxelo, escoitar, descargar e mesmo compartir temas dos seus lanzamentos. No Clubedixital estarán as últimas novidades discográficas, e proverá de accesos á información sobre os artistas, ás novas e á tenda de Falcatruada. O clube inaugúrase hoxe co adianto en primicia das novas cancións de Narf e de Xosé Manuel Budiño, artistas que lanzarán os seus novos traballos discográficos nas vindeiras semanas.

Máis información no Clubedixital

Os bolseiros da Fundación Barrié protagonizan un ciclo de espectáculos na Coruña e Vigo

Xénero: Miscelánea | 7 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

Seis espectáculos a cargo de 18 intérpretes e tres artistas visuais, baixo a coordinación musical de Cristina Pato e a coordinación escenográfica de Pilar Alonso, todos eles bolseiros da Fundación Barrié de la Maza compoñen o Ciclo de Becarios da Fundación, que comeza con concertos na sede da Fundación na Coruña hoxe e mañá na sede de Vigo e durará ata o 29 de novembro. Nestes espectáculos soarán obras de compositores contemporáneos no contexto de escenografía especialmente creadas para cada un deles. Esta iniciativa da Fundación Pedro Barrié de la Maza esta vencellada coa celebración do corenta aniversario da súa actividade, xuntando a bolseiros das áreas de interpretación, composición musical e de dirección escenográfica. Os concertos serán de entrada libre ata completar aforo.

Máis información na Fundación Pedro Barrié de la Maza

Lugo aposta por nomes coñecidos para o seu Festival de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 7 / 11 / 2007

not_10979.jpg

O Círculo das Artes de Lugo parecerá, do 12 ao 17 de novembro, un club de jazz de Nova York. Principalmente porque as bandas de jazz neoyorquinas máis destacadas estarán na XVII edición do festival de Jazz. O vocalista e compositor Sachal Vasandani, John Scotfield e Joe Locke son algúns dos nomes que destacan do cartel desta edición no que se investiron preto de 80.000 euros. Canda o Círculo, o Club Clavicémbalo, a Escola de Maxisterio e a de Veterinaria serán os escenarios dos concertos.

Máis información no web do festival e na nosa hemeroteca

A internacionalización e a variedade marcan a evolución da música galega desde o movemento Bravú

Xénero: Miscelánea | 7 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

Hai dez anos a música galega viviu unha das súas máis importantes revolucións. O movemento Bravú, que celebra estes días aniversario, supuxo unha ruptura e marcou tendencias. Claro que aquilo foi só un comezo, e desde aquela sucedéronse, na última década, varias fases e tendencias ata a situación actual. Facemos un repaso por este panorama da man de varios profesionais do mundo da música, que achegan visións non sempre coincidintes sobre esta situación.

A quinta edición do festival Castañazo Rock homenaxeará o Bravú

Xénero: Alternativa | 2 / 11 / 2007

not_10956.jpg

Un concerto do grupo Trifulca e unha “jam Session” na discoteca Mogay dan hoxe a saída ao recuperado festival Castañazo Rock de Chantada. Nesta quinta edición do evento organizado pola Asociación Cultural "O Castanhazo" o eixo principal da celebración xira arredor da conmemoración da creación do bravú, datada no ano 1994. O programa do Castañazo inclúe a presentación do disco “120 capadores” no que máis de vinte bandas e artistas fan unha homenaxe ao desaparecido grupo Diplomáticos de Monte-Alto. Unha mesa redonda na que participarán coñecidos músicos e xornalistas falará despois sobre a situación da música galega anterior a aparición do Bravú e de cómo este influíu no panorama musical e de outras artes, ata os nosos días. Ás 17 horas no mercado Gandeiro de Chantada inaugurarase a 1ª Feira do Disco Galego, pensada para divulgar e promocionar todos aqueles discos que viran a luz en Galicia nos derradeiros anos. Xa no eido da festa haberá feira tradicional con pulpo e churrasco, e non faltará o magosto. O gran concerto chegará á noite coas actuación de seis bandas.

Máis información no sitio de O Castañazo 2007

A Fundación Sondeseu dirixira a escola municipal de música tradicional de Vigo

Xénero: Folk | 2 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

O Concello de Vigo chegou a un convenio coa Fundación Sondeseu para separar o Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios e crear una nova escola municipal. Baixo o nome de E-Trad o novo organismo educativo municipal de ensino musical estará xestionado pola fundación dirixida por Rodrigo Romaní que será quen contrate ao profesorado. Inicialmente o E-Trad seguirá usando as dependencias da Escola de Artes e Oficios, pero a concelleira de educación, Laura López Atrio, xa avanzou que no futuro pasará a un edificio que reúna todas as escolas municipais de teatro, música e danza e que estará situado nun solar xunto ao colexio Fleming. Esta nova pecha un período de incertidume de varios meses desde que no mes de xuño una inspección de traballo constatou a ilegalidade nos contratos de nove docentes.

Máis información no Atlántico Diario e tamén no Faro de Vigo e no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional

A orquestra Olympus entra no Libro Guiness das marcas cunha actuación de 24 horas seguidas

Xénero: Miscelánea | 2 / 11 / 2007 + IMAXES

not_10948.jpg

Arroupados por milleiros de seguidores e cunha infraestrutura organizada á medida a orquestra nicrariense Olympus ven de conseguir o seu ambicioso obxectivo de bater a marca de actuación máis longa do mundo a cargo dun único conxunto musical. Durante vinte catro horas, desde as 00:00 horas do día 1 ata a mesma hora do venres 2, os catorce integrantes desta potente formación musical mantiveron a música soando no escenario montado na Praza do Concello de Negreira. A pesar dalgúns problemas técnicos o grupo non parou en ningún momento, realizando diferentes relevos que non impediron que contra o final da proeza o cansazo xa fixera mingua neles. A orquestra, una das máis recoñecidas das que animan as festas do país, supera así a anterior marca de dezaseis horas de actuación ininterrompida e sitúa a Negreira e Galicia nunha das páxinas deste famoso libro que recolle todo tipo de marcas extremas.

Máis información en Galicia Hoxe no sitio web de Olympus e nos nosos arquivos

Cornelius prepárase para competir na fase nacional da Batalla Global das Bandas

Xénero: Rock | 29 / 10 / 2007 + VIDEO

not_10929.jpg

Con dous temas seus a interpretar en oito minutos terán que conseguir Cornelius o favor do xurado e mais do público para superar aos seus cinco rivais na fase nacional do Global Battle of Bands. A “Batalla mundial de bandas” é o único certame de grupos emerxentes de ámbito internacional que existe na actualidade e ofrece ao seu gañador una xira mundial e 100.000 dólares. Cornelius, que ven de presentar este mes o seu primeiro disco “Greatest Hits” (PAI Música), conseguiu chegar á final nacional do vindeiro sábado 3 de novembro na que 6 bandas, finalistas de entre 34 presentadas, terán que competir entre si na sala Gruta 77 de Madrid para poder viaxar á final mundial en Londres. Cornelius depende agora deses oito minutos e do apoio do público, que representa o 50% do voto, para superar aos outros cinco grupos e tocar na final londiniense. O Concello de Vilagarcía de Arousa, decidiu poñer autobuses gratis para quén queira acompañar e animar ao grupo neste importante concurso. O estilo musical da banda arousá abarca rock, funk, rock&roll, hard rock ou acústico, cantado sempre en inglés. A banda está formada por David "Chiquillo", Antonio Casado, Toni B. Willisch, Jose Vilas, Andoni Arcos e Ton Risco.

Máis información no sitio oficial do GBOB e no My Space de Cornelius

<< Inicio / Anterior . 3131 a 3140 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR