Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A internacionalización e a variedade marcan a evolución da música galega desde o movemento Bravú
A internacionalización e a variedade marcan a evolución da música galega desde o movemento Bravú
novembro 7, 2007
Hai dez anos a música galega viviu unha das súas máis importantes revolucións. O movemento Bravú, que celebra estes días aniversario, supuxo unha ruptura e marcou tendencias. Claro que aquilo foi só un comezo, e desde aquela sucedéronse, na última década, varias fases e tendencias ata a situación actual. Facemos un repaso por este panorama da man de varios profesionais do mundo da música, que achegan visións non sempre coincidintes sobre esta situación.
Unha xuntanza de músicos e xente na cultura nunha taberna de Viana (Chantada), marcaba o comezo do Movemento Bravú. Era 1997. Hai pouco máis dunha semana, a noticia era a presenza da música galega na principal feira dedicada á World Music do planeta, a Womex de Sevilla. Que aconteceu polo medio?
Desde os estudios
Arturo Vaquero, responsable dos estudios lugueses Abrigueiro e creador el mesmo no ámbito da música electrónica, ten claro que aquela xuntanza deixou pegada. “O Bravú foi un movemento moi forte nos seus comezos. Supuxo unha puñada de forza á música e unha chegada de ar fresco ao rock galego. O mesmo que comunidades coma Euskadi xa levaban moito tempo co rock vasco e cousas así, agradeceuse ese movemento aquí”. O impacto, segundo Vaquero, transcendeu o propio xénero do rock que caracterizou o movemento. “Toda a música que se fai sempre ten a súa difusión e a súa mestura noutros estilos. De feito, penso que xente que estaba facendo Bravú daquela, agora está noutros grupos traballando outros estilos pero sen esquecer aquelas bases. Creou unha escola en canto ao que é o espírito das cancións, na mensaxe e nas letras. Eu véxoo agora en tendencias mais electrónicas coma o hip hop ou trip hop”, explica.
Despois do bravú
Tamén para Pepe Carreira, xornalista musical que leva o programa “Deriva Atlántica” na Radio Galega, existe unha pegada deste movemento noutras músicas. “Penso que o Bravú pegou sobre todo na cuestión da autoestima. Demostrou que se podía facer música en galego e que chegase ao público. Ademais, chegou a moita xente nova, que viu que había persoas próximas a eles que podían facer música, e iso abriu en certo xeito unha porta e animou a moitos a se meter no tema”, lembra Carreira. Desde a experiencia de Vaquero, pouco despois do Bravú “comecei a escoitar e mesmo a traballar nalgún proxecto de músicos que eran algo mais electrónicos, coma Safari Orquestra, ou grupos de hip hop coma Dios ke te Crew, que mantiñan en certo xeito a esencia do Bravú dos Eskornabois e de toda aquela etapa dos Diplomáticos”. Tampouco esquece o responsable dos estudios Abrigadoiro a eclosión metaleira que se deu no noso país e que aínda amosa certa vitalidade. “Tamén houbo esa explosión do metal pero, non sei por qué, non terminou de callar como nos gustaría. Quedou un pouco máis agochado e foi unha pena”, lembra. En xeral, despois do Bravú semella que o noso panorama musical quedou un pouco baleiro. “Quizais si se deu iso, pero penso que aí entraron moitísimos factores. Desde a administracións, por exemplo, só se enchían ocos e se facían festivais sen involucrar o colectivo da música. Entón iso xerou unha certa falta de expectativas na xente. Pero de calquera xeito a música non deixou de existir e de ter presenza en Galicia”, lembra Carreira. A maiores disto, “algo que fallou tamén nos noventa foi o mercado interno, que é algo importantísimo”.
A constante folk
De xeito paralelo a estes movementos, Vaquero retrata unha década na que o folk gozou dunha xeral boa saúde, malia ás diferenzas que houbo entre aqueles anos en que os nosos músicos tocaban con Mike Oldfield e as actuais propostas de mestizaxe. “O tema do folk penso que estivo, está e estará, porque traballa unha fórmula moi achegada á música tradicional que nunca pasa de moda. Con maior ou menor presenza pero sempre vai estar aí. Iso non vai pasar, por exemplo, con cousas máis caducas como pode ser o bravú, o heavy ou a musica electrónica”, sinala. Pola súa banda, Pepe Carreira destaca que neste tempo “o folk ou neofolk marcou un antes e un despois en canto á dar a coñecer o potencial que había no país fóra das nosas fronteiras. Hai referencias coma Milladoiro, Carlos Núñez ou Berrogüetto que están presentes en calquera feira internacional”.
A evolución tradicional
A completar esta visión, Óscar Losada, xornalista, organizador dos premios “La Opinión” de folk e mais editor da revista “O cartafolk”, sinala a importancia do actual panorama deste estilo. “De catro ou cinco anos para acó, si houbo un movemento claro que se concentra en poucos músicos pero que, con moitos proxectos, diversificaron e enriqueceron a música de raíz”, explica. Refírese a traballos coma os de Espido, Marful, Nordestin@s, ou Nova Galega de Danza, que traballan na fusión de estilos coa raíz, aos que Losada suma “outros grupos que aínda sacarán disco coma Talabarte Trío, ou Bonovo, que penso que vai abrir outras vías”. Para este especialista, está claro que ese movemento é a principal novidade da música de raíz na última década. Ao tempo, Losada recoñece que implica unha mudanza na sensibilidade folk ao longo destes anos. “Agora iso estase a ver con naturalidade, hai doce ou trece anos non se vería do mesmo xeito. Precisabamos abrir campos cara a outros camiños e outros tipos de público”. Sobre a posible pegada do Bravú no folk galego, non lle concede unha especial importancia. “Paréceme que foron dous vieiros diferentes. Aínda que o Bravú tiña algúns toques de raíz, non deu tampouco en ningunha tendencia de folk-rock”, explica.
A outra actualidade
Seguindo coa actualidade, e malia ás continuas novas sobre concertos e lanzamentos discográficos que imos vendo, Vaquero albisca un panorama “moi estancado en canto a ideas, salvo algúns grupos coma Safari Orquestra, Galegoz, Dios Ke te Crew ou Loretta Martin. E isto para Galicia é moi pouco, isto tería que estar cheo de grupos con tendencias de todos os estilos. Quizais as discográficas se animan menos e hai máis propostas individuais, pero paréceme que tanto o mercado coma o sistema de discográficas e de estudos está algo parado”. Nese sentido, valora especialmente o traballo de promoción internacional da música que está a desenvolver o IGAEM coa presenza en feiras internacionais e a marca Galiciantunes. “Este tipo de axudas veñen moi ben para erguer un pouco o ánimo dos grupos, facéndolles un circuíto de concertos ou dándolles un apoio internacional para que se poidan ver fóra”, conclúe.
Eclosión
Contraposta á percepción de Vaquero, atopamos a impresión que ten Carreira sobre a actualidade musical. “Estamos a ollar a eclosión musical máis importante que se viu na nosa historia”, sinala, sen esquecer os movementos que xurdiron a finais dos setenta e a coincidir coa Movida viguesa. “Estanse editando discos con moita calidade e temos aí cousas coma o jazz. Penso que de aquí vai saír algo gordo”. Nese sentido, sinala, “parécenme moi atinados os procesos que están a facer desde a administración á hora de colocar a nosa música en feiras internacionais”. Canda á promoción exterior, “agora hai un mercado asentado de consumidores de música feita no país, e iso paréceme fundamental”, completa a lembrar fenómenos coma o éxito do proxecto Nordestin@s, que saíu hai agora un ano.
Dun xeito ou doutro, está claro que as cousas mudaron o seu na última década. Quédanos agora agardar por onde van ir os camiños da nosa música nos vindeiros anos. E quizais, dentro dun tempo, unha nova celebración lembre algún evento de actualidade como un novo fito fundacional para os nosos sons.