Ir ao contido directamente.


Noticias

Un estudo destaca a dependencia da industria musical da Administración

Xénero: Miscelánea | 13 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Os músicos do país non son só músicos, son tamén traballadores noutras profesións. Para exercer o seu traballo musical teñen unha gran dependencia da administración, están moi pouco especializados e actúan como pequenos “home-orquestra” que producen, editan e se representan a si mesmos. Estas son algunhas características da industria musical no noso país que recolle o informe elaborado por E-burbulla para o IGAEM e cuxos datos principais publica hoxe El País.

Os versos de Álvarez Blázquez saltan á música no DVD “Palabras liberadas”

Xénero: Miscelánea | 13 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

O Concello do Porriño presentaba onte o proxecto "Palabras liberadas" para Xosé maría Álvarez Blázquez. A iniciativa inclúe a presentación dun DVD no que se recitan e se presentan versións musicadas de textos do autor, con estilos coma o rock, o rap ou a música coral a cargo de El Cubo, Kedro ou Uxía. Os recitados corren por conta de poetas e escritores coma Luz Pozo, Xavier Rodríguez Baixeras ou Manuel Forcadela. A iniciativa conta co apoio da Consellaría de Cultura, que presenta outras propostas no web 17demaio.org.

A SGAE destaca un incremento das representacións de teatro, danza e os concertos en directo

Xénero: Miscelánea | 7 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

As actuacións en directo da música pop viven a súa época dourada no noso país. As cifras dos asistentes aos concertos de Maná, Joaquín Sabina e Serrat ou Fito & Fitipaldis provocaron un espectacular ascenso dos dereitos de autor dese ano, un 31% máis que no anterior. É o que se avanza do informe anual da Sociedade Xeral de Autores (SGAE). Canda esta cifra, o que tamén medrou foron as representacións de teatro, danza e demais artes escénicas (un 11.1%). En canto á actividade de xestión desta entidade, os seus ingresos medraron en Galicia un 2%, e tamén subiu o número de afiliados nun 4.7%, que se traduce en 2.650 socios.

Nadadora salta ás pistas de baile co seu novo disco

Xénero: Pop | 7 / 5 / 2008 + IMAXES + AUDIO

not_12090.jpg

O cuarto disco da carreira de Nadadora leva por título "La química que nos une" (Jabalina Música) e desde esta semana está nas tendas. Un mini CD que, ademais do tema inédito que o abre "Septiembre no está tan lejos" e o vídeo de "El bosque", dirixido por Alberto Baamonde e Cristina López, inclúe catro remesturas de cancións do seu segundo álbum, “Hablaremos del miedo”, a cargo de Jaime Cristóbal de Souvenir, Dorian, Javier de Standard e Homeboy dj todos eles artistas relevantes da escena musical independente que han achegan unha visión diferente das cancións do grupo de O Grove. O disco adapta as cancións de Nadadora para a pista de baile, e anticipa unha maior presenza do son electrónico e as bases programadas nas vindeiras composicións da banda sen deixar de lado os sinais de identidade do quinteto. A masterización estivo a cargo de Arturo Vaquero, nos estudios Abrigueiro de Friol (Lugo).

O programa Outra + Outra facilitará a gravación de dezaoito discos

Xénero: Miscelánea | 6 / 5 / 2008

not_12088.jpg

Un total de 18 propostas musicais, xa sexa de formacións como de solistas pertencentes en todo caso á Rede Cultural da Deputación da Coruña, poderán acceder ás axudas para gravación do programa Outra+Outra impulsado pola Deputación e a Fundación Paidea. O convenio que pon en marcha esta edición foi asinado onte polo presidente da institución provincial, Salvador fernández Moreda, e a súa homóloga da fundación, Rosalía Mera. Un xurado de especialistas escollerá os 18 beneficiarios deste programa entre todas as solicitudes enviadas ante do 16 de maio. Cada un dos seleccionados gravará o disco no Centro Mans e disporá despois de un milleiro de copias do mesmo. A Deputación destina a este obxectivo un total de 34.800 euros que cubrirán o 50% do custe da gravación e edición, a outra metade correrá a cargo dos artistas.

O Xacobeo levará a organización artística do festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 6 / 5 / 2008

not_12084.jpg

Aínda que xa participara en outras edicións como patrocinador do Festival Internacional do Mundo Celta a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo entrará este ano directamente na organización do evento. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe un convenio asumindo a contratación e produción dos espectáculos e actividades paralelas, así como o deseño da publicidade e imaxe corporativa a cargo do Xacobeo. A parte da organización artística do prestixioso festival quedará así enteiramente nas mans do Xacobeo. O alcalde de Ortigueira, Rafael José Girón, tamén asinou o convenio polo que o Concello comprométese en cuestións loxísticas, de vixilancia, limpeza, transporte, servizos sanitarios, licencias e autorizacións, etc.

O Vía Stellae incorpora a música dos creadores galegos contemporáneos

Xénero: Clásica/Lírica | 6 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

A Xunta está a preparar o camiño para o vindeiro 2010. Ademais dos programas para mellorar a oferta hostaleira ou o patrimonio das rutas de peregrinación, o Festival de música de Compostela e os seus Camiños reforza a calidade nesta edición. En primeiro lugar, na nómina de artistas que, ao listado de directores como Mac Minkowski ou Rinaldo Alessandrini presentes xa na segunda edición, se lle engaden outros como Martin Gester, Daniel Harding ou Federico María Sardellini. En segundo lugar, porque os selos discográficos Naïve e Decca gravarán algúns dos concertos programados. E en terceiro lugar, porque se crea o ciclo “Vía Stellae 20/21” que achega a música destes dous séculos e incorpora creadores contemporáneos galegos. En total 85 concertos, dos que o 90% serán de balde (previa retirada de invitación) sucederanse entre o 4 e o 23 de xullo por toda Galicia. Sen embargo, o barroco e en especial a música de Bach seguirán sendo os fíos conductores deste certame.

Michel Camilo e Eddi Palmieri son os principais reclamos do Festival de jazz de Ourense

Xénero: Jazz/Blues | 6 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

O final deste mes de maio terá como banda sonora o jazz. Se esta fin de semana coñecíamos o programa dunha nova xeira do Imaxina Sons, onte deuse a coñecer o cartel da duodécima edición do Festival Jazz de Primavera de Ourense que comeza o xoves. Unha cita que contará coa presenza de Michel Camilo e Eddie Palmieri, que suman entre os dous unha ducia de Grammys e son os principais reclamos. Pero non son os únicos, Jorge Pardo, o cuarteto Arguy ou o trompetista Randy Brecker estarán por Ourense neste certame que se prolonga ata o 28 de maio.

O festival de Vigo Imaxinasons abrirase cun concerto de Clunia Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 5 / 2008 + DOCUMENTO

imaxe non dispoñible

A celebración do 25 aniversario da formación coruñesa Clunia Jazz é un dos pratos fortes que este ano presenta o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons na súa cuarta edición. O festival estará presente en diferentes espazos da cidade e desenvolverá diversas actividades paralelas durante once días entre o 26 de xuño e o 6 de xullo. Este festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida ao jazz realizado en Europa, á marxe de condicionantes comerciais, apoiando especialmente aos músicos que realizan á súa actividade no ámbito galego asemade. De aí que ademais da extensa lista de artistas estranxeiros como Wayne Shorter, entre outros, tamén estean os de formacións de artistas do país como Clunia Jazz, Terela Gradín, Lucía Martínez ou Paco Charlín. Vinte actuacións, un ciclo de cine, conferencias, clases maxistrais e unha exposición fotográfica conforman o programa presentado o pasado mércores, 23 de abril.

Víctor Pablo seguirá como director da Orquestra Sinfónica de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Catro anos máis. Este é o tempo polo que Víctor Pablo Pérez, actual director da Orquestra Sinfónica de Galicia, asinou recentemente a súa ampliación de contrato. Deste xeito, o director burgalés achegarase ás dúas décadas desempeñando este posto. Precisamente nesta temporada, a programación prevista outórgalle máis actuacións e diminúe a presenza de directores convidados a só oito concertos no ciclo de abono.

<< Inicio / Anterior . 3051 a 3060 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR