Ir ao contido directamente.


Noticias

Do Cumio presenta un libro para aprender canto e danza tradicional

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Un libro-disco que recolle 23 xogos tradicionais vertebrados arredor da nosa música e do baile tradicional. Esta é a aposta de "Para cantar e bailar", a publicación que presentaba onte Edicións do Cumio. O traballo, da autoría de Luís Prego, recupera xeitos lúdicos de aprendizaxe que lles permiten aos máis novos iniciarse nos distintos tipos de baile galego.

Volve Projecto Mourente cun novo disco de pop electrónico caseiro para bailar

Xénero: Electrónica | 19 / 5 / 2008 + AUDIO + VIDEO

not_12180.jpg

Como xa fixeran anteriormente co disco de Fanny +Alexander a plataforma A Regueifa edita, ao mesmo tempo, na rede e en formato CD o novo disco de Projecto Mourente, "Kara.o.ke". Despois do éxito de difusión que tivo co disco “Baixo os eucaliptos”, a proposta musical de Carlos Valcárcel, xa instalado no panorama musical, abriuse neste traballo á participación de outros músicos e colaboradores sen renunciar ao seu principio fundacional de facer pop electrónico caseiro enfocado como un entretemento. Desde estes fundamentos acompañan a Carlos Valcárcel Martin Wu (The Homens) e Noel Feáns (Fanny & Alexander) tocando guitarras, Xan Vázquez nos coros e Yolanda Valcárcel como voz adicional. Previamente á saída do disco adiantouse na rede o videoclip da canción “Os piores inimigos”. Os 10 novos temas veñen acompañados, ademais, dos remixes feitos por Cable, Fanny & Alexander e Colectivo Oruga e de unha versión do hit de The Homens "Non podo máis". Como é habitual A Regueifa edita o disco baixo licenza Creative Commons 2.5 xenérica.

Cultura homenaxea o compositor Henrique Macías con tres concertos

Xénero: Alternativa | 19 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Tres recitais na Coruña, Compostela e Vigo, a cargo da formación portuguesa Sond´Arte Electric Ensemble recuperarán o legado de Henrique Macías. Serán os días 22, 23 e 25 deste mes, con entrada de balde no Teatro Rosalía, o Salón Teatro e mais o MARCO, respectivamente. Con esta iniciativa quérese homenaxear o desaparecido compositor galego que faría cincuenta anos neste 2008.

Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos

Xénero: Folk | 19 / 5 / 2008

not_12167.jpg

Non cómpre ir a libros de texto e aos clásicos para aprender as bases da linguaxe musical. Máis achegada do que Mozart, a nosa tradición sonora achega material abondo para iniciarse neste ámbito. Desde o seu traballo na escola de Outeiro de Rei, Antón Castro ensínalle aos seus alumnos a pasar das cantigas ao pentagrama. Un xeito diferente e propio de se introducir nesta arte.

Xarín volven á actualidade discográfica oito anos despois do primeiro disco

Xénero: Folk | 15 / 5 / 2008 + AUDIO

not_12156.jpg

Despois de máis de 8 anos de silencio discográfico a formación de gaiteiros das terras bravas do Incio, Xarín, presentan o seu segundo traballo discográfico “Galaguech”. Unha ducia de temas que beben da máis pura tradición musical do seu entorno conforman este disco, que axeitadamente toma o nome dunha voz usada na Pobra de Brollón para mandarlles beber ás vacas. Malia o seu marcado carácter tradicionalista nove das pezas son composicións dos membros da banda e só tres pertencen ao repertorio popular. Xarín demostran así a súa habelencia na composición creando pezas que engaden ao sabor tradicional a frescura da súa contemporaneidade. Como xa pasara no primeiro disco, o sexteto segue amosando a alma máis alegre da festa galega en todo o seu esplendor. O disco está editado por Zouma Records e foi gravado nos estudios Desfase Sound de Ourense.

Sete festivais de música galegos únense nunha marca para aumentar a súa repercusión

Xénero: Miscelánea | 15 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Teñen en común que son festivais musicais e úneos o interese por aumentar a súa forza e solucionar problemas conxuntamente. E desde onte que teñen a marca “Galicia Escoita”. Os sete festivais de música do país que crearon esa alianza son: “Día da Música” (Santiago, 21 de maio), FAX 08 (A Limia, 27 e 28 de xuño), Cultura Quente (Caldas de Reis, 11 e 12 de xullo), Mar de Fondo (Noia, 18 e 19 de xullo e 1 e 2 de agosto), Sonearte (Viveiro, 8 e 9 de agosto) e Reperkusión (Allariz do 19 ao 21 de setembro).

Un disco recolle unha selección do patrimonio musical da provincia de Pontevedra

Xénero: Folk | 14 / 5 / 2008

not_12143.jpg

A Deputación de Pontevedra presentou esta semana o primeiro disco dunha nova liña editorial dedicada á difusión do patrimonio sonoro do seu Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. “Pontevedra en Música” é o título do CD que, realizado en colaboración con Edicións Do Cumio, recolle una selección de diferentes agrupacións e estilos da música tradicional. Gaiteiros solistas, grupos de gaitas, bandas de gaitas, pandereiteiras, grupos de música tradicional, grupos de música folk, masas corais, bandas de música e canción galega está presentes neste CD. Nomes como os de Iván Costa, Óscar Ibáñez, Os Alegres, Xistra de Coruxo, Ardentía Pai da cana, O Fiadeiro, Crema de Gaita, Liorna, Coral Casablanca ou a Banda Artística de Merza entre outros representan á musica da provincia nas 22 pezas deste volume.

A Sinfónica de Galicia desdóbrase para achegar dúas óperas na apertura do Festival Mozart

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

“Grandes artistas, grandes directores de escena, grandes cantantes para interpretar un gran teatro de autor”. Esta é a declaración de intencións que Paolo Pinamonti avanzou sobre esta nova edición do Festival Mozart que comeza o xoves 22 na Coruña. Unha nova liña que aposta, non só por recuperar obras do compositor salzburgués, senón tamén polo carácter renovador da escena lírica do seu tempo. Publicacións, proxeccións pero sobre todo moitos concertos compoñen o cartel desta edición que contará con dúas producións propias: “Cosí Fan Tutte” e “O Rapto no Serrallo”. Ademais, xa se avanzou que a vindeira temporada réndelle homenaxe a Graham Vick, outro dos drandes directores de escena do século XX.

Xosé Constenla presenta o seu segundo disco con temas unidos por un sentimento de entusiasmo

Xénero: Cantautor | 14 / 5 / 2008

not_12138.jpg

"Olladas dun entusiasta" (Setestrelo Editora) constitúe o segundo traballo discográfico do cantautor compostelán Xosé Constenla, despois de “Quen fixo berrar ao silencio” (autoedita, 2005). Este álbum de 13 composicións propias é unha produción do propio Xosé Constenla en colaboración con Ramón Feáns (arranxos e dirección musical) para o selo de nova creación Setestrelo Editora. Gravado e misturado nos estudios PINK de O Milladoiro (Ames) conta con moitas colaboracións, entre as que destaca a presenza do cantautor madrileño Javier Bergia. Ramón Feáns (guitarras, bouzouki, baixo e programacións), Paulo Gacio(frauta traveseira e saxo soprano), Paco Nogueiras (acordeón) e Javier Rodríguez (teclados) foron os músicos que gravaron os distintos instrumentos que aparecen no traballo. O artista presentará o seu traballo este xoves no Pub Tarasca de Santiago e a distribución do disco correrá da man de Lonxa Cultural.

Jabón Blue pásase á autoedición co seu segundo disco “By the White”

Xénero: Rock | 13 / 5 / 2008 + AUDIO

not_12134.jpg

O proxecto musical de Javi Maneiro busca a consolidación co seu segundo disco, “By the White”, que eles mesmos producen e editan e co que presentan tamén una nova xira “A la Crocha Tour”. Quince temas que, cunha base rocanroleira, van desde a festa máis salvaxe do “Himno da Crocha” –única canción en galego- ata as baladas como “Tela de araña” pasando polos aires máis power-pop en “Mi voz”. As súas letras falan do entorno cotián, traballo, parella, drogas, a vertixe da vida, referencias locais do Barbanza, etc. O quinteto do que forman parte Javi Maneiro, Diego Castaño, Marcos Otero, Pony e Kuervo gravou o disco o pasado mes de febreiro nos Estudios Hispamusic de Madrid. A primeira subida a escena cos temas de “By the White” fíxose o pasado mes no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira e o vindeiro concerto programado será o 28 de xuño en Dodro.

<< Inicio / Anterior . 3041 a 3050 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR