Noticias
O disco en solitario de Roi Casal sae á venda hoxe
Xénero: | 24 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO
Desde hoxe xa está dispoñible nas tendas o disco Lendas Douradas, primeiro en solitario do arpista de Milladoiro. O álbum editado por PAI Música recolle 12 temas maioritariamente cantados e compostos por Roi Casal, malia que tamén déixase escoitar a voz de Silvia Ferre nalgunhas cancións. Hai, no repertorio que ofrece o disco, unha variedade de matices musicais, que van desde a virtuosidade de Casal na arpa en temas como Fandango e Recordos da infancia ata a presenza do rock eléctrico en temas como Inimigos ou, en menor medida, Noite de San Xoán. A revisión do folk popular e mesmo do cancioneiro medieval tamén teñen cabida en Lenda Dourada No capítulo das letras cabe destacar o protagonismo das achegas poéticas de Manuel María e Rosalía de Castro ao disco.
La Voz de Galicia lanza un coleccionable sobre música tradicional
Xénero: | 24 / 11 / 2008
Dez libro-discos de sesenta e oito páxinas con cadanseu CD que inclúe dez cancións por entrega. Esta é a proposta que fai o xornal La Voz de Galicia con O son e a terra, o coleccionable que comezará o vindeiro trinta de novembro. O proxecto recupera temas tradicionais do país vencellándoos a diferentes áreas xeográficas. Ademais, os libros achegarán información sobre os elementos sociais, culturais e naturais de cada unha destas zonas. A nivel musical, os discos recollerán dúas versións dos diferentes temas, unha interpretada por formacións tradicionais e outra que inclúe instrumentos do folk máis contemporáneo coma o acordeón, a frauta, o violín ou o bouzouki.
Un curso da Universidade de Vigo ensina a facer gravacións musicais de calidade
Xénero: | 19 / 11 / 2008
O experto enxeñeiro musical do Oceano Estudio de Vigo, Javier F. Abreu está a impartir na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra un curso de introdución á gravación musical. O curso, organizado pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, comezou o pasado 5 de novembro e esténdese ao longo do primeiro cuadrimestre ata o 28 de febreiro todos os mércores á mañá. Abreu, cuxa traxectoria o ten levado a gravar con moitas e moi diferentes formacións musicais do país, achega aos alumnos ás últimas tecnoloxías en sonorización e gravación musical, facendo prácticas cos equipos dispoñibles. O obxectivo é adquirir unha visión global do mundo da produción musical e conseguir realizar unha gravación de diferentes instrumentos musicais acústicos e electrónicos. Traballarase con sistemas de captación de son, dispositivos de rexistro, mestura e procesamento, así como con aplicacións informáticas como o Pro Tools.
Pontevedra acolle o primeiro encontro sobre música contemporanea para gaita
Xénero: | 17 / 11 / 2008
Musgafol é o título do concerto que amosará, o vindeiro venres 28 de novembro, as posibilidades da gaita de fol para interpretar música contemporánea en compañía do piano. Este evento, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra, contará coa presenza de nomes coma Óscar Ibáñez, Pablo de Vigo, Olalla Bouzas, Agustín Sánchez ou David Bellas entre outros. As actuacións gravaranse para a posterior edición dun CD deste concerto. Con esta inciativa quérese reivindicar as composicións realizadas especificamente para a gaita no século XXI no marco da música académica.
Un disco para manter viva a memoria musical de Rianxo
Xénero: | 14 / 11 / 2008
Como “a mellor demostración dun secular e fecundo diálogo entre a tradición e o futuro de todos nós” considera Xosé Luis Axeitos, académico da RAG a gravación e edición do CD Son de Rianxo no que el asina un texto a modo de introdución. Dezaseis cortes de música tradicional a cargo de gaiteiros e formacións da zona do Barbanza, como Ramón Carou, Xosé Figueiras, Os Cangrexeiros ou Río do Anxo entre outros conforman este disco do que se tiran 1.000 exemplares e que presentan hoxe ás 20:30 horas no CEP Brea Segade de Taragoña. O disco é froito dun traballo de recollida sonora e gráfica por parte de Educaldea, un proxecto de educación activa coordinado por docentes de dito centro escolar, en colaboración coa asociación cultural Barbantia. A gravación realizouse nos estudos da Radio Galega.
O festival Voces femininas xunta en Vigo catro promesas da música
Xénero: | 14 / 11 / 2008
Sevigny, Nina Kinert, Emmy The Great e Wendy Mcneill comparten o feito de ser cantantes novas que teñen un futuro prometedor. E tamén que actuarán xuntas o vindeiro sábado 22 no marco do festival Voces Femininas que nace na cidade para ofrecer música alternativa feita por mulleres. Esta primeira edición do certame consistirá nun único concerto que agrupará as catro cantantes, pero no futuro terá máis días, actividades paralelas e proxeccións. O festival está organizado pola produtora Coconut co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a firma de moda Pilar Bande, Caixanova e Radio Vigo.
Dosier: formacións musicais en Galicia
Xénero: | 13 / 11 / 2008
Santiago e A Coruña teñen a súa propia formación musical (A Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica, respectivamente) e Vigo non podía ser menos. O vindeiro 7 de decembro terá lugar o seu concerto inaugural, no que farán unha homenaxe a Reveriano Soutullo tocando pezas que non se interpretan desde hai un século. A formación contará con 60 músicos, escolleitas nas audicións que se celebran estes días. O cordobés Francisco Navarro Lara será o encargado de dirixir esta formación que levará o nome de Banda Sinfónica de Vigo. Aproveitamos a súa estrea para repasar as últimas formacións creadas no país.
Cultura anuncia un plan integral para a música gravada e en directo
Xénero: | 13 / 11 / 2008
Ninguén dubida do importante papel que desenvolve a música para unha cultura. Nin que alén do papel cultural, é un sector de negocio. Estas dúas facetas están combinadas no Primeiro Plan Galego da Industria Musical que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) desenvolverá a partir do vindeiro ano. É un documento que fixa a política a seguir para este sector no que atende á creación, produción, distribución e visibilidade da industria musical galega. O plan atende tanto á música gravada como a da música en directo. Así o explicou a conselleira de Cultura no Parlamento, ao tempo que anunciou que o procedemento a seguir para e elaboración do Plan é semellante ao do teatro, baseado na participación dos membros do sector.
Pontevedra acolle o V Encontro Internacional de Pandeiros de Mao
Xénero: | 12 / 11 / 2008 + DOCUMENTO
O Concello de Pontevedra e a Central Folque organizan a vindeira fin de semana a quinta edición do DUF, o Encontro Internacional de Pandeiros de Mao. Como principal novidade desta xeira, o evento ábrese ao público e centra as súas actividades na Praza da Ferraría da capital do Lérez. O eixe da edición será a orixe destes instrumentos na cultura árabe. Obradoiros de construción de pandeiros, mostras de artesáns, un serán urbano e concertos a cargo de Leilía, o iraní Barbos e o exipcio Mohammed el Sayed son algunhas das propostas que compoñen o programa.
Vellas Artes o novo traballo conxunto de Vaamonde, Lamas e Romero
Xénero: | 11 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO
Cunha clara chamada á tradición cultural, Vellas Artes titulase o disco que desde hoxe está á venda de Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero. Os tres multinstrumentistas, amplamente coñecidos no eido da música tradicional a través de proxectos como Nova Galega de Danza, Luvas verdes e outros, únense neste álbum editado pola discográfica Falcatruada para presentar unha proposta “atrevida pero divertida”. O disco ofrece once cortes, aos que dan en chamar “11 historias musicais” e unha pista audiovisual cun fragmento dun concerto no Parlamento de Galicia. Música tradicional cunha nova vestimenta sofisticada e elegante é que promete unha posta en escena na que a música e a oralidade estean presentes a partes iguais.


