Ir ao contido directamente.


Noticias

O Festival de Zarzuela chega á oitava edición incorporando novos xéneros

Xénero: Clásica/Lírica | 16 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

Todo lírica é o lema baixo o que se presenta unha nova edición do Festival de Zarzuela de Santiago. Un programa que este ano incorpora outros xéneros musicais como o tango ou o musical americano. A encargada de abrir o certame será a mezzosoprano italiana Manuela Custer, que interpretará obras de Mariano Castelnuovo Tedesco e Xavier Montsalvage. O certame que se desenvolve ata o 3 de xaneiro permitirá debutar en Compostela ao barítono coruñés Borja Quiza quen, pese a súa xuventude, ten un lugar destacado no panorama lírico internacional.

Publícase o segundo disco dos coruñeses Guru Deva

Xénero: Pop | 11 / 12 / 2008 + IMAXES

not_13664.jpg

O grupo Guru Deva presenta cun concerto na Sala Mardi Gras este sábado o seu novo disco Vago, baixo o selo coruñés Wonderland . O disco ten once temas cantados en castelán e foi gravado nos estudios Mobilette Sound de Cecebre. Guru Deva está formado por Félix Arias, Fernando Esclusa, o batería Mecha e o baixista Bieito. Todos eles integrantes de outros coñecidos proxectos musicais anteriores como Viuda Gómez ou simultáneos como Los mecánicos e Lovely Luna. Vago supón o seu segundo disco, cinco anos despois de After All (Rock Indiana, 2003) e segue a liña do grupo nacido en 2001, sons pop-rock dos anos 60. O da coruña será o primeiro dunha serie de dez concertos cos que proximamente percorrerán toda Galicia presentando este traballo.

María do ceo pon música e voz aos poetas de Celanova

Xénero: Melódica | 9 / 12 / 2008

not_13637.jpg

A cantante ourensá de orixe portuguesa María do Ceo chega ao seu décimo disco editado cun traballo que, co gallo do centenario da morte de Curros Enríquez no ano 2008, canta a este e outros poetas das terras de Celanova. O luxoso libro-disco edítase co apoio de numerosas institucións como o Concello de Celanova, a Fundación Curros Enríquez, a Deputación Provincial de Ourense, a Mancomunidade Terra de Celanova, “la Caixa”, o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia. Os 17 cortes do disco No bico un cantar, gravado e mesturado nos estudios Desfase de Ourense, achegan oito poemas de Curros Enríquez ademais de letras xurdidas dos poemarios de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), Castor Elices (1847-1886), Serafín Marqués, Armando González e Méndez Ferrín, este último ademais asina un prólogo da obra.

Vintecatro orquestas seguidas actuarán durante cincuenta horas

Xénero: Miscelánea | 5 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

Todo este longo fin de semana a música soará sen parar na discoteca Nova Exágono de Lugo na procura da marca de actuacións en local pechado e cuberto. O establecemento quere celebrar o seu cuarto aniversario reunindo a 24 das formacións musicais que amenizan as festas do país para tocar durante 50 horas seguidas. Comezando o sábado ás oito da tarde o tempo de actuación de cada formación será de dúas horas con apenas un intervalo de 10 minutos entre elas. A Orquesta Olympus, posuidora da marca Guinnes de actuación ininterrompida será unha das moitas formacións que pasen pola discoteca.

O colectivo Sinsal presenta no Cultur.gal un proxecto educativo para divulgar a música

Xénero: Miscelánea | 4 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

¿Cál foi a primeira gravación galega?¿Que eran as maquetas? ¿Onde naceron os picadiscos? ¿Cómo se fabrica un vinilo? ¿Deseñou Picasso portadas de discos? ¿Que é o Backspin?. Estas son as preguntas que pretende respostar o Colectivo Sinsal co seu proxecto Escola Sinsal: a historia da música enlatada. Un proxecto educativo que o colectivo vigués presenta hoxe no marco do Cultur.gal, o Salón das Industrias Culturais, que se desenvolve na Coruña ata o vindeiro domingo. O proxecto adapta as súas actividades, que van desde obradoiros, montaxes e actuacións, para ir descubrindo de xeito práctico outras formas de ver a música.

A Sinfónica de Galicia participa no proxecto de YouTube para crear na rede unha orquestra

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 12 / 2008

imaxe non dispoñible

“A música clásica só ocupa o 1% dos contidos dixitais en Internet” afirmaba David Robles, un dos responsables de Google en España. Unha situación que pretenden mudar coa creación dunha orquestra na rede a través do portal de vídeos YouTube. Por iso, ata o 28 de xaneiro están dispoñibles as distintas partes da partitura que, os que queiran participar, deberán interpretar e gravar. Os vídeos que se suban a Youtube serán seleccionados por un xurado que seleccionará os cen membros do conxunto. Aproveitamos que a Orquestra Sinfónica de Galicia participa no proceso de selección dos músicos, para revisar os diferentes proxectos desta entidade.

Milladoiro une musicalmente o eixo atlántico

Xénero: Folk | 2 / 12 / 2008 + AUDIO

not_13589.jpg

Milladoiro presentou o pasado 25 de novembro no Teatro Colón de A Coruña o seu novo traballo discográfico, A Quinta dás lágrimas nun concerto con motivo da conmemoración do día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O novo disco presenta a conxugación musical conxunta de Galicia e Portugal collendo como inspiración os amores de Don Pedro de Portugal e Dona Inés de Castro, galega que foi raíña de Portugal despois de morta. O disco, editado pola discográfica PAI Música dirixida por Segundo Grandío, xurde das sinerxias entre a produtora do grupo, Cormorán, e o Eixo Atlántico. Este disco fai o número vinte e tres da historia do grupo máis importante da música folk galega e coincide coa saída do disco ensolitario do seu arpista Roi Casal. Os oito temas de A Quinta das Lágrimas van desde o medioevo representado polas Cantigas de Alfonso X ata a o contemporáneos José Afonso os poemas de Manuel Antonio, Cunqueiro ou Pessoa pasando polo folclore popular das dúas beiras do Miño.

A Academia do Audiovisual compila en formato CD a música cinematográfica do país

Xénero: BSO | 28 / 11 / 2008 + AUDIO

not_13577.jpg

As composicións que Manuel Balboa (A Coruña, 1958-2004) fixo para as películas Martes de Carnaval, O baile das ánimas ou Canción de berce (coa que foi candidato aos Goya) fan parte do CD co que a Academia Galega do Audiovisual inicia As músicas da Academia. Trátase dun proxecto que pretende compilar as pezas que compositores galegos teñen feito para producións audiovisuais. O CD distribuirase xunto con Papeis da Academia, a publicación coa que a entidade presidida por María Bouzas recolle o acontecer audiovisual galego ao longo dun ano. Neste número reflexiónase sobre a crise do modelo audiovisual clásico, as relacións coa literatura e a lingua, e o novo escenario que marca a TDT.

Dez clases maxistrais exploran as diferentes dimensións da música actual

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 11 / 2008 + DOCUMENTO

imaxe non dispoñible

A música como medio de comunicación, a hibridación coa tencoloxía, a súa importancia no cine e mesmo na narración… estas son só algunhas das múltiples facetas desta arte. E sobre elas pretende reflexionar o I Curso de Cultura Musical que organiza a o Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF). Un programa que se desenvolve en dez clases maxistrais que van desde o 1 de decembro ata o 20 de abril de 2009 de aberto a aficionados e estudantes.

Cantos na maré chega á súa sexta edición

Xénero: Miscelánea | 26 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Cantos na maré, o Festival Internacional da Lusofonía, chega o vindeiro mes de decembro á súa sexta edición en Pontevedra. O evento contará desta volta coa presenza de Sérgio Godinho, Waldemar Bastos, Sara Tavares, Paulinho Moska e Xabier Díaz. Ademais do concerto que se celebrará o vindeiro sábado 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, o evento inclúe a proxección de documentais entre os días 10 e 13 de decembro, encontros de creadores e un proxecto de creación dunha rede coma punto de encontro entre os espazos da lusofonía.

<< Inicio / Anterior . 2921 a 2930 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR