Noticias
Comeza a edición invernal do programa cultural Vai de Camiño
Xénero: | 22 / 1 / 2009
O programa “Vai de Camiño” 2009, organizado pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, inicia mañá venres unha nova edición, a cuarta, coa novidade da incorporación dunha programación específica para o inverno. Esta programación dá cabida a propostas artísticas adaptadas aos espazos cubertos dispoñibles nos concellos polos que transcorren as diversas rutas xacobeas. A oferta constará basicamente de grupos de danza, canción de autor e concertos de pequeno formato. Lugo, Ribadeo e Ferrol acollen esta fin de semana as primeiras actuacións a cargo do grupo de danza contemporánea “Thomas Noone Dance”. Tomarán parte da programación de inverno compañías de danza como Nova Galega de Danza e novos intérpretes como Andrés Suárez, Samuel Leví ou Roberto Sobrado, que contarán co apoio dun amplo abano de artistas consagrados neste xénero como Xoán Rubia, Xoán Eiriz, María Manuela, Miro Casavella, Joaquín Lera ou Xurxo Mares, entre outros.
A proposta de jazz fusión Organic Collective presenta o seu primeiro disco
Xénero: | 21 / 1 / 2009
Marcos Pin (guitarra) e Carlos López (batería) son dous coñecidos músicos que participan en diferentes formacións de jazz e que agora xúntanse no proxecto de fusión Organic Collective, na que están acompañados por Pablo Castaño (saxo) e Juan Galiardo (piano, rhodes e hammond). A formación ven de presentar hoxe na sede da SGAE en Santiago – ARTeria Noroeste- o seu primeiro álbum Maybe in other life, editado polo selo independente Audia Records. O disco contén nove temas orixinais compostos polo lugués Marcos Pin, salvo unha peza composta por Juan Galiardo e outra por Carlos López.
Quiosco: Música ao Vivo
Xénero: | 21 / 1 / 2009
Chega o Girl Power. As mulleres toman o mando no pop, rock e o hip hop nos últimos proxectos musicais do país. Esta é a reportaxe central do último número de Música ao vivo, a revista de Agadic que se distribúe de balde nos locais da Rede Galega de Música ao Vivo. A rapeira Aíd; Isa Cea, baixista de Triángulo de Amor Bizarro; Efi Arias de Fanny+Alexander son algunhas das protagonistas deste número que tamén fala de La Fábrica de Chocolate e de Sugar Mountain ademais de recuperar en imaxes os mellores concertos do 2008.
Disco de ouro para os nigraneses Ragdog con un só tema
Xénero: | 19 / 1 / 2009 + VIDEO
Más de dez mil descargas para teléfonos móbiles da súa canción Nada más fixeron posible que o grupo de Nigrán Ragdog conseguise un Disco de ouro sen ter editado o seu traballo en disco tanxible ningún. A banda, formada na localidade pontevedresa no ano 2002 obtivo este recoñecemento auspiciada polo selo dixital Espacio Movistar, da man do cal tamén actuou no Rock in Río, o Summercase e recentemente viaxaron a Colombia a promover o seu traballo segundo asegura o xornal La Voz de Galicia. Ragdog está formado por Álex Lores, Pablo García, Alberto Leyenda e Juanma Treinta e anteriormente actuaron como banda de acompañamento de Amaro Ferreiro. O seu álbum en liña ten once cancións e agora comezan a promoción do seu tema Donde estabas.
Lino Braxe e Rómulo Sanxurxo presentan Avenida Atlántica
Xénero: | 16 / 1 / 2009
Unha proposta poético-musical ao abeiro das relacións entre Cuba e Galicia é a proposta que achega o Teatro Colón da Coruña esta noite. Avenida Atlántica é un espectáculo artellado por Lino Braxe e Rómulo Sanxurxo no que se mesturan sons das dúas beiras do océano. O espectáculo chega da man da Deputación da Coruña e mais da Fundación Caixa Galicia, e xa se puidera ver en Cuba no acto de irmandamento da Torre de Hércules co Faro do Morro da Habana.
Dúas óperas de Puccini e Donizetti amplían a colección de iniciación infantil de Kalandraka
Xénero: | 14 / 1 / 2009
A editorial Kalandraka ven de engadir no pasado mes de decembro dúas novas publicacións á súa colección de libro-discos de iniciación á opera para nenos. Os dous novos rexistros corresponden ás obras Turandot, de Giacomo Puccini (1858-1924) e O elixir do amor de Gaetano Donizetti (1797-1848). Esta colección de divulgación infantil da lírica impulsada por Kalandraka en colaboración co selo especializado HIPÓTESI contén una adaptación do libreto, ilustracións dalgunhas pasaxes, indicacións oa longo do relato que corresponden cos pistas do CD de audición e una breve biografía do compositor. Turandot é un drama lírico situado na corte imperial chinesa; a adaptación corre a cargo de Joan de Déu Prats e a interpretación musical da Orchestra & Coro do Teatro Comunale dell´Opera di Genova, dirixido por Daniel Oren. A ópera O elixir do amor é una das poucas incursións do compositor no xénero bufo e o seu argumento xira arredor dun triángulo amoroso nun entorno vilego. A adaptación é de Stefanía Fantauzzi e a interpretación musical corre a cargo da Hungarian State Opera Choir and Orchestra dirixidos por Pier Giorgio Morando.
O festival de Jazz de Coruña celebra unha nova edición mesturando estilos e xéneros
Xénero: | 9 / 1 / 2009
O jazz da coruña cumpre 25 anos. Os mesmos que ten Clunia, a formación liderada por Nani García que organiza desde hai catro anos o festival de jazz, Iberojazz. Esta edición do certame desenvólvese do ao 15 ao 31 de xaneiro en teatros e clubes da cidade. Dez concertos que nesta ocasión pretenden achegar o jazz feito en Portugal coa presenza do lisboeta Zé Eduardo Unit ou co concerto que darán estudantes das escolas superiores de música de A Coruña e Oporto. Abre o programa unha mesa redonda sobre o jazz en tempos de crise.
A recuperación de cantares de reis enche as rúas de música
Xénero: | 5 / 1 / 2009
A tradición dos cantares de reis está a demostrar unha vizosa recuperación no noso país. Sexa coa denominación de ranchos, cantares ou mesmo na forma de danzas, múltiples localidades están a levar estes días estas composicións populares ás rúas. Deste xeito, Mondariz acolle o vindeiro día 11 o III Encontro de Ranchos de Reis. Mañá mesmo localidades coma Riofrío ou Salceda de Caselas celebrarán os seus propios, mentres o día sete en Ponteareas haberá unha danza de reis. Pola súa banda, Boimorto fallaba onte o V Certame de Cantares de Reis, unha cita fundamental para os interesados por este tipo de pezas.
Nsaio Xeral porá en contacto industria e grupos musicais emerxentes
Xénero: | 26 / 12 / 2008
Nsaio Xeral é un encontro entre diferentes empresas da música galega e representantes de grupos musicais que pretenden dar os primeiros pasos na súa carreira artística. Celebrarase o 17 de xaneiro no IES Rosalía de Castro e será unha xornada completa con obradoiros, castings e concertos. Segundo Rubén Cela, director Xeral de Xuventude -departamento que organiza o encontro- do que se trata é de "consolidar o papel de Nsaio como unha ponte entre os grupos e as industrias musicais", papel do que, asegurou, deuse o primeiro paso no cultur.gal.
O premio Maketón ao mellor disco vigués vai para o Upskirts de The Blows
Xénero: | 23 / 12 / 2008
A gala da oitava edición dos premios Maketón Estrella Galicia, que recoñecen o mellor da escena musical viguesa, rematou cun palmarés no que o Upskirts (Pupilo Records) de The Blows aparece como o mellor disco do 2008, o premio ao mellor directo foi para o grupo galego-arxentino Phantom Club, mentres que a traxectoria musical de Juan Rivas foi, este ano si, premiada polas votacións. Rivas xa acumual con esta tres estatuíñas do Maketón en distintas categorías. O premio á mellor maqueta de grupo local 2008 foi para Inerttes. Pechouse a gala coa entrega do premio especial 2008 aos "CASTROCONCERTOS", da Concelleira de Xuventude do Concello de Vigo polo apoio aos grupos noveis de Vigo.


