Noticias
Aíd presenta un hip-hop alternativo e renovado co seu primeiro traballo
Xénero: | 11 / 2 / 2009 + AUDIO
Aíd, “a nova tecnoloxía do rap”, xa está aquí co seu primeiro disco Jugando (Autoeditado) froito de máis de dous anos de evolución musical xunto a El Puto Coke que asina a produción. Ten 18 anos, compaxina os seus estudos de Enxeñaría de Telecomunicacións co hip-hop, a súa paixón como ela mesma asegura. Aída Alonso, coñecida como Aíd, gañadora o ano pasado da cuarta edición do Heineken Greenspace para novos valores ten xa na rúa o seu disco que este venres presentará en directo na sala La Iguana de Vigo. Dezaseis temas, dous deles en galego, nos que a rapeira é capaz de tecer un discurso narrativo vital de primeira orde entre o particular e o universal arroupado por un son heterodoxo con moi bo gusto. Nos seus temas distínguense as influencias que ela mesma admite do son Chicago característico da Motown en intros, e bases que van do funk ao soul e mesmo o lounge. A MC fai toda unha declaración de intencións e presentación persoal no tema Boogie Vigo no que, como en outras cancións fai numerosas mencións ao universo virtual no que ten envorcado o seu traballo, blogs, My Space, foros, etc.
Alén estréase na longa duración con Volver a nacer
Xénero: | 10 / 2 / 2009
Os chantadinos Alén sacan ao mercado estes días o seu primeiro disco longo Volver a nacer, anteriormente xa editaran Simplemente (2006), unha DEMO da que chegaron a distribuír 1000 copias. O disco que chega agora ás tendas inclúe trece temas, dous deles duplicados en versións galega e castelá, un making of da gravación e un libreto de 24 páxinas, obra do artista e deseñador José María Picón, que recolle a persoal atmosfera da "viaxe de experimentación a través do rock contemporáneo" proposta por Alén. Gravado entre os meses de novembro de 2007 e novembro de 2008 nos estudios Pousada Son (Ames) e os Océano Estudios (Nigrán) a produción técnica estivo baixo o control en todo momento de Javier Abreu . Nos temas do disco o cuarteto de Chantada quixeron deixar constancia das súas diversas influencias musicais, “dentro dos parámetros da música rock”. A banda pon á venda a súa ópera prima mediante o seu My Space e páxina web oficiais; tamén estará en Tendas Tipo, Discos Castelló, Media Market e Fnac, e desde Alén fan animan a todo o que teña un exemplar orixinal a poñelo na rede a disposición do público que queira descargalo gratuitamente.
U-lo disco?
Xénero: | 6 / 2 / 2009 + IMAXES
O trío formado por Marcos Teira, Xacobe Martínez e Pepe Sendón presenta hoxe ás 21:30 horas na Sala NASA de Santiago o seu primeiro disco, homónimo da formación U-lo Trío?. O álbum está autoeditado e foi gravado nun par de sesións na primavera do 2008, tocando xuntos na mesma sala once temas habituais do seu repertorio nos concertos. As gravacións recollen as interpretacións tal como saíron sen retocar. U-lo Trío? Formouse en 2007 coa intención de explorar instrumentalmente un repertorio musical de variada procedencia, adaptándoo ás formas rítmicas e harmónicas do flamenco. No seu repertorio “escollido de xeito escrupuloso” mestúranse jazz, rock e música popular de calquera recanto do mundo con atención especial ao legado latinoamericano. O disco, de edición limitada, poderase adquirir nos seus concertos e descargarse os temas desde o seu Blog.
Concertos e conferencias protagonizan o festival Pórtico de Paraíso
Xénero: | 6 / 2 / 2009
Hoxe arrinca en Ourense a segunda edición do Festival Internacional de Música de Ourense, coñecido como Pórtico do Paraíso. A trompestista británica Alison Balsom é a encargada de inaugurar o encontro no Teatro Principal na que será a súa primeira actuación en España. Por diante quedan catro concertos que se sucederán ata o 15 de febreiro. Ademais, o progarma complétase cunha conferencia sobre a historia da ópera a cargo de Roberto Relova.
Poucos galegos nos Premios da Música
Xénero: | 4 / 2 / 2009 + VIDEO
A presenza galega na XIII edición dos Premios da Música redúcese a dúas das vinte e oito categorías. Iván Ferreiro, con Mentiroso mentiroso e Deluxe con Reconstrucción teñen dúas candidaturas das catro que optan a Mellor Álbum de Pop Alternativo. Fóra deles, os únicos galegos que poden levar un premio son os tres candidatos á mellor canción en galego. Rumores de falúas de Uxía, Miña bala perdida de Víctor Aneiros, e Todo e fume de Ophiusa mediransa na gala que se desenvolverá en Badajoz o vindeiro 12 de marzo.
O Vía Stellae celebrará unha edición de transición cos ollos postos no Ano Xacobeo
Xénero: | 3 / 2 / 2009
É o festival de música barroca máis importante do país. Este ano o programa seguirá fiel ao seu esquema habitual. Deste xeito, desenvolverase todo o mes de xullo, centralizado en Compostela pero con concertos nas vilas polas que transcorren os Camiños de Santiago, con gravacións dos concertos a cargo de reputadas compañías discográficas, concertos de breve duración e programas que combinan música con itinerarios por lugares patrimoniais. A maiores achegará varias novidades: a creación do OFF Stellae e a celebración das efemérides de Haendel e Haydn. Iso sí, a do 2009 será unha edición de transición de cara a do Ano Xacobeo, que se avanza moi ambiciosa.
O disco Diacronías de Lizgairo gaña o VIII Premio Opinión de folk
Xénero: | 30 / 1 / 2009 + AUDIO
O xornal La Opinión ven de facer público o palmarés final da oitava edición dos premios de música folk que patrocina. O álbum Diacronías (Falcatruada, 2008) do trío Lizgairo formado por Anxo Pintos, Rodrigo Romaní e Xosé Liz acadou este ano o máximo recoñecemento en base á puntuación outorgada polos sete críticos musicais que formaban o xurado. O disco é o primeiro desta formación malia que os seus tres compoñentes son músicos de longa e consolidada traxectoria na escena folk a través de grupos como Milladoiro, Berrogüetto, Entre Trastes ou Sonde Seu, algúns deles anteriores gañadores deste premio. A só un voto deles quedou o disco Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008) de Uxía e algo por atrás quedou A quinta das lágrimas (PAI, 2008) de Milladoiro.
Vangardas Sonoras traerá a Galicia a Damien Jurado, Josh Rouse ou Aaron Thomas
Xénero: | 26 / 1 / 2009
Damien Jurado, Josh Rouse, Aaron Thomas The Wave Pictures, e Señor Chinarro compoñen o programa da terceira edición de Vangardas Sonoras, o ciclo que a Fundación Caixa Galicia lle dedica á música independente. A proposta desenvolverase en Vigo, Ferrol, Santiago, A Coruña e Pontevedra entre o 17 de febreiro e o 23 de maio en espazos con aforo reducido. Segundo a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, "esta fórmula deunos un resultado magnífico nas dúas anteriores edicións, que agardamos repetir neste 2009". A cita compostelá con Aaron Thomas o oito de maio, ten a peculiaridade de contar Darren Hayman, antigo líder da banda Hefner, coma artista convidado.
A actualidade do pop e o rock consegue un espazo na TVG co novo programa BANDA CURTA
Xénero: | 26 / 1 / 2009 + VIDEO + IMAXES
A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “BANDA CURTA”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , dirixido por Alfonso pato e presentado por Luis Pardo, gravarase na sala Lp 45 de Ordes. “BANDA CURTA” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Para o primeiro programa estarán actuando os vigueses The Blows e os granadinos Lori Meyers. Ademais de música en directo, en “BANDA CURTA” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.
No primeiro programa tamén haberá unha sección dedicada a saber que foi dos grupos que emerxeron coa chamada “Xeración Xabarín”, como o caso dos Heredeiros da Crus, ou unha sección chamada Adn, no que personaxes populares como Luis Piedrahita darán a coñecer os seus gustos musicais. Unha reportaxe amosará as peculiaridades de Don Ramiro, unha aldea de Lalín na que hai ata catro grupos punkies, ou o grupo Agoraphobia, xurdido no local de ensaio de Boiro, formado por catro rapazas moi novas. Polo plató do programa tamén pasará nesta ocasión Janite, fotógrafo especializado en retratar ás estrelas do rock. Este sábado ás 4 da tarde comeza na Televisión de Galicia.
Chega o VII Festival Sinsal
Xénero: | 23 / 1 / 2009
A sétima edición do Festival Sinsal xa está en marcha. O MARCO de Vigo acollerá o triple concerto de Evangelista, Sir Richard Bishop, Ches Smith o vindeiro 1 de febreiro. Para o 20 de xuño está prevista en Vigo a actuación dos africanos Konono nº1 nun espazo aínda sen confirmar. Como grande novidade, a edición deste ano inclúe por primeira vez unha extensión das actividades ao Fórum Metropolitano da Coruña, onde se poderá ver, o 30 de marzo, a Françoiz Breut. Amplíanse tamén as actividades previstas no Saló Teatro de Santiago, que contará coa presenza de Jeremy Jay o 8 de febreiro. A maiores, a organización anunciou que para o verán as actividades do festival desenvolveranse na Illa de San Simón.


