Noticias
Los Planetas encabezan o avance do cartel do Festival do Norte 2009
Xénero: | 26 / 2 / 2009
As noticias sobre como será a edición deste ano do FDN van chegando aos poucos. No avance do cartel de actuacións previstas para o 1 e 2 de maio a organización xa comunicou a presenza de Los Planetas, os holandeses The Rumble Strips, Love of Lesbian, La Buena Vida, Manos de Topo, Cuchillo , os coruñeses Nouvelle Cuisine e máis Isra Dj ( Sala Karma de Pontevedra). Tamén como última hora súmanse as confirmacións de The Whip, Vetusta Morla e Extraperlo. Quedan moitos grupos por confirmar así como os horarios de actuación pero para que aqueles que confían plenamente neste evento xa está á venda as entradas a través do servizo en liña de Caixanova a un prezo especial de 20 euros o abono de dous días se a compra se fai antes do 15 de marzo. Por outro lado xa se coñece o gañador do concurso Artwork para decidir a imaxe do festival deste ano en todo tipo de mercadoría derivada, resultando elixido o concepto presentado por Guillermo Arias, deseñador nacido en Ribadavia e residente na Coruña onde ten o estudio SysVisions.
Uxía gaña o premio á mellor canción en galego na XIII edición dos Premios da Música
Xénero: | 26 / 2 / 2009
Nin Deluxe nin Iván Ferreiro. Ambos os dous competían na categoría de mellor álbum de pop alternativo da XIII edición dos Premios da Música. Sen embargo, o gañador foi Vestusta Morla por Un día en el mundo, un dos grandes vencedores nesta ocasión ao conseguir os tres premios nos que era candidato. Canda ao sexteto madrileño, Amaral e Nena Daconte foron os conxuntos que máis galardóns conseguiron. No apartado de mellor canción en galego, a vencedora foi Uxía con Rumores de falúas. Os premios entregaranse o vindeiro 12 de marzo no pazo de congresos Manuel Rojas de Badaxoz.
O instrumentista Pancho Álvarez presenta Sólidos Galicianos
Xénero: | 25 / 2 / 2009
O terceiro disco do multiinstrumentista porriñés Pancho Álvarez está xa dispoñible para mercar en formato dixital, previamente á distribución do CD a través da tenda en liña de PAI Música. Sólidos Galicianos é o primeiro disco que Álvarez edita con PAI Música e nel ofrece trece pezas coas que o artistas se mergulla nos ritmos galegos para atopar diferentes sonoridades. O artista, especialista en instrumentos de corda, deuse a coñecer como violinista do grupo “Na Lúa” a comezos dos 80 formando parte despois do grupo Matto Cóngrio e da formación de acompañamento e gravación de Carlos Núñez. O seu anterior disco en solitario foi Nas Cordas, publicado en 2001 con BOA. O título deste novo traballo fai referencia a unha moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia.
O Festival Mozart estreará en España a primeira ópera italiana do compositor salzburgués
Xénero: | 20 / 2 / 2009
Mitridate Re di Ponto é a ópera composta por Mozart con tan só 14 anos, cando estaba de viaxe por Italia. O escritor Italo Calvino fixo en 1981 unha versión que agora se recupera para nova edición do festival. Un encontro que continúa prestando atención ao gran teatro europeo do século XX e que lle permitirá homenaxear ao director de escena Graham Vick. En total, haberá 34 actividades entre concertos, recitais, música de cámara, proxeccións cinematográficas e unha mesa redonda que se desenvolverán entre o 21 de maio e o 28 de xuño. Entre as novidades deste ano, destaca a versión en galego de O esquío astuto, a ópera infantil composta por Nino Rota (autor da banda sonora de O padriño) adaptada por Joám Trillo e coa participación do coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Os promotores musicais reúnense en Santiago para a súa asemblea anual
Xénero: | 19 / 2 / 2009
Trinta e cinco empresas do sector da promoción musical e de organización de espectáculos desas características reuniranse estes días en Santiago para debater os asuntos de interese para o sector da música en vivo. A novena asemblea anual da Asociación de Promotores Musicais terá lugar no Auditorio de Galicia hoxe e mañá e os seus asociados representan unha cota de mercado de aproximadamente o 80% dos concertos de iniciativa privada en España. Os axentes dos sector porán sobre a mesa diferentes debates sobre o presente e futuro da música entre os que previsiblemente estarán o impacto da crise e a futura Lei da Música cuxo manifesto de apoio subscribiu esta asociación. A representación galega correrá a cargo da empresa Cavea Producciones -pertencente á Corporación Caixa Galicia- e de Nordesía, únicos asociados galegos da APM. Durante as xornada entregarase o II Premio Backstage ao xornalista Diego A. Manrique, figura destacada da radio musical.
Santiago Auserón elixe aos dez finalistas de ACoruña Son 09
Xénero: | 18 / 2 / 2009
O certame ACoruña Son na súa segunda edición xa ten os dez finalistas para participar no obradoiro que impartirá Santiago Auserón e que finalizará coa gravación dun disco colectivo. O certame organizado polo concello coruñés ten como obxectivo fomentar, descubrir e promover novos autores e autoras de canción popular en galego. Máis de sesenta cancións presentáronse na convocatoria e, malia existir unha selección inicial a través dos votos dos internautas, as bases contemplaban que a decisión final correspondería a Santiago Auseron como director do obradoiro. Os dez proxectos musicais elixidos polo músico non foron coincidentes coas votacións na web o que levou ao músico a escribir unha carta argumentando a súa decisión, misiva na que tamén asegura que se está a construír “paso a paso un Cancioneiro que ten retranca, calidade e sabor.” “Este ano emerxe e predomina un sarcasmo novaondeiro fachendoso, mantense o abano de xéneros e as innovacións apuntadas desde o ano pasado, sobe a cota de calidade interpretativa e de composición“, asegura Auserón. Entre os nomes dos finalistas está os de Pulpiño Viascóm, Capitan Furilo ou Marisol Manfurada entre outros.
O trío Chamuyo Tango presenta o seu primeiro disco En Auria
Xénero: | 17 / 2 / 2009
A discográfica ourensá Zouma records presenta estes días o disco En Auria debut do trío Chamuyo Tango, formado polo bonaerense Ricardo Coronel, na voz, Carlos Campos ao violín, e o uruguaio Esteban Muñiz na guitarra. Un trío de orixes cuxos compoñentes teñen orixes e idades diversas e que, desde Ourense queren achegar a súa propia interpretación desta carismática música de raizame porteña. Nos trece temas do disco Chamuyo interpreta tangos clásicos da Guardia Vieja, das décadas dos 40 e 50 do século vinte. Na gravación contaron coa colaboración de David G. Outumuro (compoñente de Mutenrohi) nas percusións, e Xurxo Brea (do Sonoro Maxin) ao baixo.
Un disco esquimó gravado en Combarro candidato a dous “Grammy” canadienses
Xénero: | 13 / 2 / 2009
Juan Hernández produce o segundo disco da canadiense Tanya Tagaq, Auk/Blood, que ven de acadar dúas candidaturas nos prestixiosos premios musicais canadenses Juno 2009 nas categorías de mellor disco instrumental e mellor disco de música aborixe. Estes premios teñen unha enorme importancia en Canadá, e noutras categorías podemos atopar nomes coñecidos como Alanis Morisette, Celine Dion, Gnarls Barkley ou Jeff Healey. Auk/Blood foi gravado entre Calgary (Canadá) e Combarro (Pontevedra), onde Juan Hernández rexenta o seu propio Estudio de gravación desde o ano 2000: Ronett Studio. O madrileño Juan Hernández foi compoñente do desaparecido proxecto Laio e membro da primeira banda de Budiño. Este músico, produtor e compositor leva doce anos establecido en Galicia. O produtor repite así, traballo e recoñecemento coa cantante de orixe Inuit, colaborada habitual de Björk e Kronos Quartet, xa o fixo no seu primeiro disco Sinaa (Jerico Beach, 2005), proposta coa que Tagaq obtivo tres premios entre os que se atopan o premio ao mellor produtor para Juan Hernández nos Canadian Aboriginal Music Awards 2005. Os premios coñeceranse nunha gala en Vancouver entre os días vinte e seis e vinte e nove de xuño.
Vetusta Morla encabeza a parte rock do cartel musical da Festa do Queixo de Arzúa
Xénero: | 12 / 2 / 2009
O programa musical desta trixésima cuarta Festa do Queixo de Arzúa presenta un ano máis un suculento menú encabezado por Vetusta Morla, un dos grupos revelación do Estado. Premio á Mellor Proposta Musical que outorga TVE Miradas 2, segundo Mellor Álbum Top’08 de MTV, Premio Ojo Crítico de Música Moderna de RNE, Mellor Grupo Revelación Nacional de EP3 ou Mellor Canción Nacional de Mondosonoro, son algúns dos numerosos premios que avalan o seu traballo, ademais veñen de ser nomeados en tres categorías diferentes aos Premios da Música 2009. O seu concerto será o día 14, no ecuador da festa, e estarán precedidos pola actuación da banda de rock Le Punk, que presentan o seu disco Mátame, un cóctel de tango, blues e folclore balcánico. Nese mesmo día durante o serán dirimirase a final do 1ª Concurso de Maquetas Queixo Maquetón a través da actuación dos tres grupos finalistas, Bleach, Eric Bonafonte e os vigueses Meryland que amosarán en directo todo o seu potencial. Ao día seguinte, domingo 15, será o momento da música galega coas actuacións de Uxía, presentando en directo ás 19 horas o seu último disco Eterno navegar e ás 21 horas o trío Vaamonde, Lamas & Romero sóbense ao escenario para ofrecer a particular visión da música popular que dan no seu primeiro disco Vellas Artes (Falcatruada)
Ramón Souto recibe unha mención de honra do festival de novas músicas de Rochester
Xénero: | 12 / 2 / 2009
Ossia New Music é o festival de música alternativa de Rochester (Nova York). Un encontro que convoca desde hai dous anos un premio de composición de ámbito internacional. Un certame ao que o compositor vigués Ramón Souto presentou En suspenso, unha obra baseada nun texto de Bruno Shulz, novelista e pintor xudeu que foi asasinado na Segunda Guerra Mundial. A composición recibiu unha mención de honra e será interpretada o 27 de marzo pola Ossia Ensemble da Eastman School, entidade organizadora do certame.


