Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Aíd presenta un hip-hop alternativo e renovado co seu primeiro traballo
Aíd presenta un hip-hop alternativo e renovado co seu primeiro traballo
febreiro 11, 2009
Aíd, “a nova tecnoloxía do rap”, xa está aquí co seu primeiro disco Jugando (Autoeditado) froito de máis de dous anos de evolución musical xunto a El Puto Coke que asina a produción. Ten 18 anos, compaxina os seus estudos de Enxeñaría de Telecomunicacións co hip-hop, a súa paixón como ela mesma asegura. Aída Alonso, coñecida como Aíd, gañadora o ano pasado da cuarta edición do Heineken Greenspace para novos valores ten xa na rúa o seu disco que este venres presentará en directo na sala La Iguana de Vigo. Dezaseis temas, dous deles en galego, nos que a rapeira é capaz de tecer un discurso narrativo vital de primeira orde entre o particular e o universal arroupado por un son heterodoxo con moi bo gusto. Nos seus temas distínguense as influencias que ela mesma admite do son Chicago característico da Motown en intros, e bases que van do funk ao soul e mesmo o lounge. A MC fai toda unha declaración de intencións e presentación persoal no tema Boogie Vigo no que, como en outras cancións fai numerosas mencións ao universo virtual no que ten envorcado o seu traballo, blogs, My Space, foros, etc.