Ir ao contido directamente.


Noticias

Carlos López presenta en concerto The Last Minute Experience

Xénero: Fusión | 20 / 1 / 2010 + VIDEO

not_16146.jpg

O percusionista coruñés Carlos López inicia hoxe en Santiago (Borriquita de Belén) a xira de concertos de presentación do seu segundo disco The Last Minute Experience (K Industria) sacado a finais do pasado ano. Para a súa gravación López ten contado cun total de quince músicos de diferentes procedencias dos cales cabe destacar as colaboracións do DJ Panko, Ojos de Brujo e os cantantes londinienses Radhika e MC Stormy. A nova dirección musical tomada nos oitos temas e case 60 minutos de The Last Minute Experience fusiona estilos como o drum’n bass, chillout, rock e funk co jazz de vangarda. Nos seguintes días López presentará este traballo dentro do programa de Iberojazz na Coruña- venres 22- e posteriormente en Vigo o sábado 23. En maio volverá a traer este traballo en xira por distintas salas de Galicia. López forma parte tamén do grupo de jazz Organic Collective.

O jazz tende unha ponte sobre o océano con Atlantic Bridge

Xénero: Jazz/Blues | 19 / 1 / 2010

not_16131.jpg

Nas portas da quinta edición do festival Iberojazz da Coruña preséntase hoxe ás 21 horas no Forum Metropolitano da cidade herculina o proxecto musical Atlantic Bridge conformado por músicos das dúas beiras do Atlántico e o disco homónimo. Así por Galicia están Alberto Conde, Kin García, Roberto Somoza e Miguel Cabana; mentres da outra beira achéganse os estadounidenses Steve Brown e Walter White. O disco deste sexteto de jazz foi gravado, mesturado e producido en Ithaca College (New York), masterizado en Nashville, e editado polo selo Karonte. O proxecto celebra os 30 anos do primeiro Seminario de Jazz de Banyoles, (Girona), primeiro contacto directo en España de mestres desta especialidade con músicos internacionais vencellados a este estilo de música. A este encontro asistiu Alberto Conde como alumno e Steve Brown como mestre. No ano 2008, pasados 28 anos do pioneiro encontro, Steve Brown realiza unha xira de concertos e master class con músicos europeos de jazz en cidades como Edimburgo, Ámsterdam, Paris, Zurich, Madrid e A Coruña; nesta última, despois de actuar con Alberto Conde, Kin García, Roberto Somoza e Miguel Cabana, é onde decide fundar o grupo e proxecto Atlantic Bridge cos músicos galegos.

Sons miúdos

Xénero: Miscelánea | 12 / 1 / 2010

imaxe non dispoñible

Moito se ten falado nos últimos anos do bo momento que vive a música galega, cunha grande cantidade de grupos e variedade de estilos. Ao carón dos nomes máis coñecidos, existe toda unha serie de producións que sobreviven centradas nun sector de público que a miúdo pasa desapercibido no panorama musical: os máis novos. Aínda que poida semellar o contrario, no noso país contamos cunha boa lista de propostas musicais pensadas especificamente para nenos e nenas.

Música: Os mellores de 2009

Xénero: Miscelánea | 7 / 1 / 2010

not_14939.jpg

O ano musical en Galicia caracterizouse por exitosos debuts e polas gravacións en directo dos estilos máis variados. Cando menos así se desprende das preferencias dos críticos e especialistas que consultamos para facer a selección dos álbums do ano. Descarga ao vivo, Cuba-Galiza é un dos poucos títulos que se repiten preferencias de Raquel Gamallo, Xurxo Souto, Pepe Cunha e Xavier Valiño.

Os circuítos de AGADIC achegarán 848 espectáculos nos vindeiros tres meses

Xénero: Miscelánea | 5 / 1 / 2010

imaxe non dispoñible

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, a de Salas e mais a de Música ao Vivo manteñen a súa actividade no comezo de 2010. A Axencia Galega de Industrias Culturais anunciaba hoxe que estes programas achegarán 848 espectáculos nos primeiros tres meses deste ano, cun investimento que chega aos 812.000 euros. En concreto, serán 182 as formacións que participarán destes programas. En canto a actuacións, 388 corresponden á Rede Galega de Teatros e Auditorios, 325 inclúense na Rede Galega de Música ao Vivo e outras 135 fan parte de Salas (RGS).

Multa de 2,4 millóns para empresa que organizou o concerto de Bruce Springsteen

Xénero: Rock | 5 / 1 / 2010

imaxe non dispoñible

O Instituto Galego de Consumo acordou imporlle unha sanción de 2,4 millóns de euros a Big Tours SL, empresa organizadora do concerto que ofertou Bruce Springsteen no Monte do Gozo o pasado mes de agosto. O Concello de Santiago denunciara a organización polos problemas de acceso, aforo e seguridade que se deran durante o recital. A acción de consumo supón a apertura dun procedemento administrativo que pode marcar un fito no xeito de organizar este tipo de eventos e nos dereitos dos asistentes.

La Tuna Rastafari lanza Carne de pachanga

Xénero: Fusión | 5 / 1 / 2010

not_16053.jpg

Reggae, corrido, tango, rock ou rumba danse cita en Carne de pachanga. O grupo do Morrazo La Tuna Rastafari lanza o seu primeiro traballo discográfico da man de Zouma Records mantendo o estilo festeiro que xa amosaron nos seus múltiplos directos por toda a xeografía galega. Un total de once temas, entre eles a versión rock dun tema tradicional, compoñen este lanzamento.

O ciclo Xacobeo Classics achegará 40 concertos ás vilas e cidades galegas

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 1 / 2010

imaxe non dispoñible

As sete grandes cidades galegas, canda a outras dez vilas, acollerán ao longo de 2010 un total de corenta actuacións de música clásica entre concertos, recitais e óperas. O Conselleiro de Cultura presentaba esta mañá o programa canda ao director artístico desta iniciativa, César Wonenburger. O programa nomes destacados internacionalmente coma Cecilia Bartoli, Anne Sophie-Mutter, Lang Lang, Zubin Metha, Dolora Zajick, Orquestra Giovanile Cherubini ou a Royal Philarmonic Orchestra.

Dous álbums virtuais marcan o comezo musical de 2010

Xénero: Miscelánea | 4 / 1 / 2010 + VIDEO + AUDIO + IMAXES

gal_16049_1.jpg

O ano 2010 comeza con dous discos presentados directamente na rede. En concreto, a banda coruñesa Nouvelle Cuisine optou por este sistema para presentar La guerra del volumen, que recolle seis temas novos ademais dunha versión, e que se pode baixar do seu web. O disco editarase tamén en formato CD como os anteriores traballos do grupo e foi gravado, mesturado e masterizado por Estudios Abrigueiro, Friol (Lugo) na primeira semana de novembro de 2009 baixo a produción de Arturo Vaquero. Ao tempo, os composteláns Dr. Gringo publican tamén vía Internet o que é o seu primeiro álbum, unha gravación en directo recollida na Sala Capitol de Santiago. Live at Capitol pódese descargar íntegro cos seus 22 temas e de balde a través do MySpace da banda de psychobilly.

Pablo Díaz publica o libro-disco Tic Tac con dezaseis temas dirixidos ao público infantil

Xénero: Infantil | 28 / 12 / 2009 + AUDIO

not_16023.jpg

Tic Tac é o novo libro-disco de Kalandraka, escrito, gravado e interpretado por Pablo Díaz, con ilustracións de Marc Taeger e coas colaboracións musicais de Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote, Brais Maceiras e unha longa lista de colaboradores musicais. Conta tamén coas achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente. As 16 cancións do disco abordan temas próximos aos máis novos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, proporcionándolles vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Un libro-disco para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, que se complementa cunhas espectaculares ilustracións elaboradas coa laboriosa técnica do linogravado a cargo do deseñador suizo afincado en Bueu, Marc Taeger.

<< Inicio / Anterior . 2741 a 2750 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR